Cegos: os meus compañeiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sinaturas de Castelao en dous dos debuxos da serie Cegos.

A obra Cegos: os meus compañeiros é unha serie de catro debuxos a lapis sobre papel realizada por Castelao en Buenos Aires, nos anos 1940 e 1941. Consérvanse no Museo de Pontevedra.

Características[editar | editar a fonte]

Recollen diferentes escenas de personaxes cegos, unha temática que Castelao reflectiu repetidamente na súa obra gráfica, condicionada seguramente polos propios problemas de vista do autor que o deixaron case cego a el mesmo nos últimos anos da súa vida [1]. Nos catro debuxos represéntanse as figuras dos cegos en primeiro plano, en grandes dimensións e ocupando practicamente toda a superficie, sobre uns fondos de paisaxes galegas tradicionais nas que, cando hai persoas, quedan reducidas a pequenas figuras que non interfiren cos protagonistas.

  • A familia do cego: pintado en 1940, representa un home de mediana idade coa súa dona e dúas fillas, pedindo esmola. As medidas son 86x91 cm.
  • Cegos á porta da ermida: pintado en 1941, representa dous cegos, un acompañado da súa filla, pedindo esmola baixo o arco da porta dunha ermida, no transcurso dunha romaría. As medidas son 86x91 cm.
  • O cego: pintado tamén en 1941, representa un home cego relativamente novo, axeonllado e pedindo esmola. As medida son 85,50x91 cm.
A parábola dos cegos, de Brueghel o Vello, sobre o que se inspirou Castelao
  • Como na parábola de Pieter Brueghel: pintado en 1941, representa un cego guiando a outro cego, ámbolos dous de idade avanzada. As medidas son 85x91 cm.
    • Fai referencia a un cadro de Pieter Brueghel o Vello (1525/1530 - 1569), pintor flamengo, titulado Parábola dos cegos (1568), que se conserva na Pinacoteca Copodimonte, de Nápoles. O título da obra recolle a parábola de Cristo dirixida ós Fariseos: "Son cegos que guían a outros cegos. Pero se un cego guía a outro cego, os duos caerán nun pozo" [2]. Castelao coñeceu este cadro (unha copia de Brueghel o Novo no Museo do Louvre) durante a viaxe que realizou por Europa en 1921. No diario que escribiu durante a viaxe (Diario 1921), nas anotacións correspondentes ó 25 de febreiro, tras visita-lo Louvre e o Museo de Luxemburgo (tamén en París), pegou unha postal do cadro e describe así a consideración que tiña a Brueghel:
En troques, velaí está ise cadro de Brueghel. ¿Poderían Boccioni, Carrá, Russolo, Bala, Severini, Picasso, Braque, Deraim, Metzinger, Delauny, Valensi, Russell, Wrihgt, Vlaminck etc., todos iles xuntos, faguer unha obra de arte coma isa? Non falo xa de Picabia e os seus, por non tomalos en consideración.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. No Museo de Pontevedra expón un total de 41 debuxos de cegos.
  2. Mt 15.14. Tamén o recolle o evanxeo de San Lucas, na forma "¿Pode un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous nun pozo?"(Lc 6.39).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CASTAÑO GARCÍA, Xosé Manuel: A obra de Castelao no Museo de Pontevedra. Guía didáctica, Pontevedra 1999.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]