Cefalonia - Κεφαλονιά
| Cefalonia - Κεφαλονιά | |
|---|---|
| Vista da illa | |
| Datos | |
| Capital | Argostoli |
| País | Grecia |
| Localización | Mar Mediterráneo |
| Arquipélago | Illas Xónicas |
| Linguas | |
| Poboación (2005) | 42.088 hab. |
| Superficie | 904 km² |
| Densidade | |
| Coordenadas | 38°15′N 20°30′E / 38.25°N 20.5°E |
| Maior Altura | 1.628 m. Megas Soros (Ainos) |
| Localización | |
Prefectura insular do noroeste de Grecia no centro do Heptonesos ou Illas Xónicas, dálle o seu nome a illa de Kefallinia máis coñecida co nome de Cefalonia.
Ten unha superficie de 904 km² e uns 35.000 habitantes.
[editar] Historia
Homero menciónaa baixo o nome Same ou Samos. O seu nome derivaría de Céfalo que se fixo amo da illa con axuda de Anfitrión. Herodoto é o primeiro en dar este nome á illa (Cefalonia). A illa estaba formada por catro estados (tetrápolis): Same, Pale, Cranis e Proni. Estes nomes derivarían, segundo a lenda, dos catro fillos de Céfalo. Same e Proni (hoxe Tafio e, probablemente, antes Tafos ou Tafus) estaban na costa este, Cranis e Pales ao oeste. Consérvanse tamén as ruínas dunha cidade romana en Cabo Escala, ao sueste probablemente, construída no século I e que se chamaba Cefalenia. Hoxe en día ten cerca o castelo de San Xurxo e está xunto á chaira de Livadhó. Ao norte áchanse tamén os restos dunha fortaleza chamada Asso, que pode ser a antiga Nesus.
Nas guerras médicas, só Pale estivo á beira de Atenas e enviou douscentos soldados que loitaron na Platea. A illa uniuse á confederación de Delos ao comezo da guerra do Peloponeso.
Durante as guerras cos romanos as cidades da illa opuxéronse a Roma. Etolia dominou a illa e Roma enviou a M. Fulvius cun exército en 189 adC. Tres cidades sometéronse, pero Same resistiu e foi conquistada logo dun asedio de 4 meses. Os romanos recoñeceron a illa como cidade libre.
Adriano deuna a Atenas, pero as cidades tiveron unha certa autonomía. En tempos do xeógrafo Claudio Ptolomeo foi incluída na provincia do Epiro.
Dominio bizantino ata o final do século XI, cando foi ocupada polos normandos en 1082. Roberto Guiscardo morreu alí en 1085 logo de reprimir a revolta da illa, cando asediaba unha das cidades, e deu nome ao porto: Fiscardo. Coa súa morte volveu a Bizancio, pero despois foi ocupada polo pirata normando Margaritone de Brindisi en 1185 e en 1194 foi devolta aos bizantinos, pero conservada de feito polo conde Mateo I Orsini (neto de Margaritone) e polo conde Leone Vetrano. Vetrano foi executado polos venecians en (1206) e Orsini fíxose con todo o poder.
Á caída de Constantinopla de 1204, pouco despois pasou aos francos e foi incluída dentro do principado de Acaya. O feudo foi confiado a Gaius, príncipe de Taranto que aceptou a protección de Venecia en 1215; en 1224 Venecia recoñeceuna aos Orsini que non perderan o control. Logo dos Orsini pasou a Nápoles en 1324. En 1357 o príncipe de Taranto devolveuna a Venecia e foi integrada na señoría de Zante, gobernada polos Tocco, unha familia napolitana. Cando o último conde, Carlos Tocco, morreu, o poder pasou ao seu fillo e á súa muller Francesca.
En 1480 foi atacada polos turcos que levaron moitos habitantes e fixeron casar aos homes e mulleres con homes e mulleres de Etiopía para formar un pobo diferente para ser usado como escravos. Os venecianos reconquistaron a illa en 1482, pero a devolveron a Turquía por un tratado en 1485, aínda que mantiveron o feudo mediante un tributo. Os turcos estableceron unha guarnición no castelo de San Xurxo. En 1500 a cruzada dirixida polos venecians e aragoneses recuperou a illa. Permaneceu en poder de Venecia con capital en San Xurxo, ata que este castelo foi destruído por un terremoto en 1757 e a capital trasladouse ao porto de Argostoli.
En 1797, a República de Venecia foi abolida e os franceses adquiriron as súas posesións. O 28 de xuño de 1797 produciuse a ocupación francesa. Os insulares recibiron aos franceses como liberadores e izaron a bandeira francesa. O 17 de outubro de 1797 pasou formalmente a Francia polo tratado de Campio Formio. O 7 de novembro de 1797 os franceses crearon os departamentos de Corfú, Ítaca (que incluía Ítaca, Léucade, Cefalonia, Preveza e Vonitsa) e Mar Exeo (Zante e outras. Permaneceu baixo dominio francés ata que o 9 de novembro de 1798 rusos e turcos ocuparon a illa (xa ocuparan antes Corfú). O 2 de abril de 1800 creouse a República das Sete Illas, baixo protectorado ruso e otomán. Esta situación durou ata o 20 de xullo de 1807, en que Rusia cedeu Cefalonia e as outras illas a Francia e renunciou ao protectorado. O 13 de setembro de 1807, Cefalonia foi anexionada a Francia e o 8 de outubro de 1809, pasou a formar parte das Províncias Ilíricas. En outubro de 1809, os británicos ocuparon a illa e mantivérona ocupada ata 1814, en que se decidiu constituír unha República federal das Illas Xónicas baixo protectorado británico en nome das potencias que se proclamou o 5 de novembro de 1815. Dezasete gobernadores británicos rexeron a illa entre 1814 e 1863, dos cales cabe mencionar especialmente a Sir Charles Napier (12 de marzo de 1822 ata ao 1830) e en menor medida a Sir C. S. Everton (a finais da década de 1840). Naquel momento vivían na illa preto de 60.000 persoas.
En 1863, as illas foron entregadas a Grecia polo protocolo de Londres (Corfú, Cefalonia, Zante, Léucade, Ítaca, Citera, Paxos e outras menores). O 1 de xuño de 1864 produciuse a incorporación a Grecia.
Na illa naceu Yiannis Metaxas, primeiro ministro de Grecia durante a segunda guerra mundial. Durante esta, os italianos ocuparon a illa en 1941 e en 1943, os alemáns, ata que en 1945 rendéronse e a illa quedou en mans das forzas inglesas que a devolveron a Grecia. En 1953, foi arrasada por un terremoto e parte dos 365 vilas que había alí desapareceron. Fiscardo, o porto, resultou case intacto.