Cefalalxia
Cefalalxia ou cefalea é o termo médico para dor de cabeza. É un dos síntomas máis comúns na medicina, e unha das razóns máis frecuentes das consultas a especialistas clínicos, pediatras e neurólogos, fisioterapeutas especializados en osteopatía e acupuntura. A cefalea é un síntoma universal no ser humano. Estímase que entre 90% a 100% das persoas terán algún tipo de dor de cabeza ao longo da vida.[Cómpre referencia]
As cefaleas máis comúns do ser humano son a migraña e a cefalea tensional. A meirande parte das cefaleas non ten unha causa subxacente grave e só 1 de cada 1.000 que chegan a requerir asistencia médica se deben a un tumor.
Índice |
[editar] Migraña
A migraña é un tipo de cefalea moi intensa, que pode acompañarse de certos avisos previos, denominados aura. Esta aura antecede ao episodio migrañento e pode ser de varios tipos. Un dos máis comúns é a aura oftálmica, na que o paciente ve unha serie de destellos ou alteracións na súa visión.
Xeralmente a migraña causa unha dor incapacitante, e é motivo de baixa laboral. A dor é pulsátil, é dicir, vai e ven en cuestión de segundos. Normalmente comeza nunha parte localizada do cranio para logo espallarse por todo el. A frecuencia de migrañas é moi variable entre persoas, polo que existen enfermos con episodios ao ano, episodios ao mes, á semana e nalgúns casos cada poucos días.
Durante o proceso, que pode durar ata 3 días, o enfermo padece dor ante sonidos fortes (fonofobia) e molestias ante a luz (fotofobia). O repouso en cama e o sono axudan á conclusión do episodio. Noutras ocasións é preciso recorrer a medicación. Os antiinflamatorios non esteroideos, coma o paracetamol ou o ibuprofeno adoitan ser pouco ou nada efectivos. A carbacepina e a ergotamina son bos medicamentos. No caso de que unha persoa sufrise de moitos episodios, pode administrarse un tratamento preventivo.
Nuns poucos casos, a migraña perpetúase no tempo, enlazando unha migraña con outra. É o denominado status migrañento e é unha doenza que require hospitalización e tratamento endovenoso. O mantemento deste estado pode dar lugar a complicacións graves, por exemplo vasculares.
[editar] Cefalea tensional
Xunto coas migrañas, é o outro meirande tipo de cefalea. A causa é a contración dos músculos da cabeza ou do pescozo. En moitas ocasións hai desencadeantes coma o estrés ou substancias coma a cafeína. Trátase dunha dor opresiva, como se existise un casco que oprime a testa. Por norma xeral non é unha dor grave nin incapacitante, polo que habitualmente a persoa mantén as súas actividades normais. O exercicio adoita mellorar a dor. Se é preciso pódense empregar medicamentos, preferentemente antiinflamatorios non esteroideos, paracetamol ou metamizol.
[editar] Cefalea en racimos
É outro tipo de cefalea primaria, con dor en salvas, xeralmente localizados por encima do ollo, no arco supraciliar ou en zonas cercanas. As salvas poden ser máis ou menos frecuentes, con posible espallamento por todo o cranio.
[editar] Cefalea hemicrania paroxística crónica
Trátase dunha cefalea que se dá nunha metade co cranio, de intensidade moderada. Non é frecuente. O tratamento de elección é o litio.
[editar] Cefaleas secundarias
Son un conxunto de cefaleas cuxa causa non é a cefalea per se, senón que hai unha causa orgánica subxacente. Son causas posibles de cefalea:
- Procesos expansivos intracraniais: neoplasias, abscesos, edemas, metástases.
- Procesos isquémicos: infarto cerebral ou ictus
- Procesos hemorráxicos: hemorraxia cerebral
- Envelenamentos: tóxicos, drogas ou fármacos, por exemplo, intoxicación por chumbo, consumo de óxido nitroso.
- Procesos infeciosos ou inflamatorios: meninxite, febre, e outras enfermidades inflamatorias. Son causa común de cefalea as infecións das vías aerodixestivas superiores e do oído.
- Traumatismo
- Neuralxia do trixémino, neuralxia do facial. Outras inflamacións nerviosas.
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
- Dores de cabeza (en portugués)