Cataluña - Catalunya

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Cataluña
Catalunya
Catalonha
Bandeira de Cataluña Escudo de Cataluña
Bandeira Escudo
Himno: Els Segadors
 
Localització de la CA de Catalunya.png
 
Estado Flag of Spain.svg España
Capital
 • Poboación
 • Coordenadas
Barcelona
1.615.908 (2008)
n/d
Linguas Catalán, castelán e aranés1
 • Oficiais Catalán, aranés e castelán
Estatus Generalitat de Catalunya
José Montilla Aguilera (PSC)
Fundación
Condados cataláns
Castela
España
Estatuto
Etapas
988
1716
1833
1979 (Reforma 2006)
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 6º
32.114 km²

km
826,5 km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 2º
7.467.423 (2008)
230,89 hab./km²
Xentilicio catalán / catalá
Fuso horario
 • en verán
UTC+1
UTC+2
Dominio de Internet .cat
Prefixo telefónico n/d
Prefixo radiofónico n/d
Código ISO CT
1 A aranés é a lingua occitana falada no Val de Arán. Non é oficial en toda Cataluña, só no Val de Arán.
Sitio web oficial
Subdivisións de España

Cataluña (en catalán Catalunya, en aranés Catalonha) é unha comunidade autónoma española situada ao nordeste da Península Ibérica. Nomeada tradicionalmente Principado de Cataluña, é unha nación, segundo se expresa no seu estatuto de autonomía:

O Parlamento de Cataluña, recollendo o sentimento e a vontade da cidadanía de Cataluña, definiu de forma amplamente maioritaria Cataluña como nación. A Constitución española, no seu artigo segundo, recoñece a realidade nacional de Cataluña como nacionalidade. —Preámbulo do Estatuto de Autonomía de Cataluña do ano 2006[1].

Ocupa un territorio duns 32.000 km² que limita ao Norte con Francia (Mediodía-Pireneos e Languedoc-Rosellón) e Andorra, ao Leste co Mar Mediterráneo ao longo dunha franxa marítima duns 580 quilómetros, ao Sur coa Comunidade Valenciana (Castelló), e ao Oeste con Aragón (Zaragoza, Teruel e Huesca). Esta situación estratéxica favoreceu unha relación moi intensa cos territorios da conca mediterránea e coa Europa continental. A capital de Cataluña é a cidade de Barcelona.

No territorio catalán habitan actualmente 7.467.423 habitantes[2] nun total de 946 municipios dos que 63 superan os 20.000 habitantes (nos que vive o 70 por cento da poboación catalá). Dous terzos da poboación vive na Rexión Metropolitana de Barcelona. Constitúe un territorio moi denso e altamente industrializado, liderando o sector en España desde o século XIX e a súa economía é a máis importante de entre as comunidades autónomas, ao xerar o 18,7% do PIB español,[3] sendo a cuarta en PIB per cápita, tras País Vasco, Navarra e Comunidade de Madrid.

Cataluña foi durante a Idade Media un dos territorios principais da Coroa de Aragón. Co declive da Coroa decaeu Cataluña, que non volveu destacar ata a industrialización. A súa historia e a súa lingua son moi valoradas polos seus habitantes e para moitos son a base da súa identidade colectiva.

Os termos Cataluña, Principado de Cataluña ou Cataluña do Sur úsanse habitualmente para facer referencia á Comunidade Autónoma de Cataluña, mentres que Cataluña do Norte refírese aos territorios cataláns baixo administración francesa. O termo Países Cataláns úsano algúns grupos e entidades para referirse a tódolos territorios de fala catalá, incluíndo o País Valenciano, as Illas Baleares, a Franxa de Aragón, Andorra, a cidade do Alguer (Sardeña) e a rexión murciana do Carxe.

Índice

[editar] Xeografía

Golfo de Roses

Cataluña ten unha diversidade xeográfica relativamente moi marcada, tendo en conta o relativamente pequeno do seu territorio. A xeografía está condicionada polo litoral mediterráneo ao leste, con 580 kilómetros de costa, e as grandes unidades de relevo dos Pireneos ao norte. As coordenadas dos seus extremos son 3º 19' 59,94'' de lonxitude leste para o extremo oriental, 0º 9' 41,69'' de lonxitude leste para el extremo occidental, 42º 51' 45,97'' de latitude norte para o extremo setentrional e 40º 31' 27,56'' de latitude norte para o extremo meridional.

Aproximadamente o 28,7% do chan catalá está adicado aos cultivos, o 15,7% son prados e pastos, 1% corresponde a ríos, o 43,4% a fragas, o 6,7% a áreas urbanas e de urbanización e o 4,6% restante a outras actividades non especificadas.[4]

[editar] Topografía

Baixo Ebro
Pla de Bages, na Depresión Central

O relevo catalán presenta, a grandes trazas, tres unidades estruturais xerais:

Son unha formación montañosa que conecta a península Ibérica co territorio continental europeo, situados ao norte de Cataluña. Os Pireneos cataláns representan case a metade, en lonxitude, de todo o Pireneo español, posto que se estende por máis de 200 km.

Tradicionalmente diferenciouse o Pireneo Axial, o principal do Prepireneo (meridional ao territorio catalán) e que son formacións montañosas paralelas ás cordilleiras principais pero con altitudes menores, menos escarpadas e dunha formación xeolóxica diferente. Ambas as unidades son máis anchas no occidente, ao contrario que o oriente, onde se presentan os picos máis elevados. A elevación máis alta de Cataluña, que se atopa ao norte da comarca de Pallars Sobirà, é a Pica d'Estats con 3.143 m, seguida do Puig Cedrós (2.914 m) e o Puigmal (2.910 m) os dous na fronteira con Francia. No Prepireneo destacan varias cordilleiras como a cordilleira do Cadí ou a de Pedraforca.

Son unha alternancia de elevacións e chairas paralelas á costa mediterránea. Este Sistema Mediterráneo ten a súa base en dúas cordilleiras máis ou menos paralelas á costa, nunha orientación noroeste-sudoeste. Estas dúas cordilleiras son a Serralada Litoral e a Serralada Prelitoral. A Litoral é de menor extensión e con altitudes menores, mentres que a Cordilleira Prelitoral é maior tanto en extensión como en altitude. Dentro o sistema atópase unha serie de terras chairas, as entidades maiores das cales forman a Depresión Litoral e a Depresión Prelitoral.

  • A Depresión Central Catalá.

É unha chaira que configura o sector oriental do Val do Ebro, entre os Pireneos e a Serralada Litoral, ocupando este territorio as comarcas do sur da provincia de Lleida e as centrais da de Barcelona. As terras da Depresión sitúanse entre os 200 e os 600 m de altitude. As chairas e as augas que descenden dos Pireneos fixeron que o territorio sexa fértil para campos de cultivo, construíndose numerosas canles de irrigación.

[editar] Hidrografía

Case a totalidade de Cataluña pertence á conca mediterránea. A rede hidrográfica catalá está integrada por dúas concas hidrográficas importantes, a do Ebro e as concas internas de Cataluña, todas desaugando ao Mediterráneo. Ademais, hai está conca do Garona que desemboca no océano Atlántico en territorio francés, mais só abarca o 1,73% do territorio.

A rede hidrográfica pódese dividir en dous sectores, un de vertente occidental ou do Ebro e un de vertente oriental formato por ríos menores que desembocan ao Mediterráneo ao longo do litoral catalán. O primeiro achega unha media de 18.700 hm3/ano, mentres que o segundo só achega unha media de 2.020 hm3/ano. A diferenza é debida á gran aportación do Ebro, do cal o Segre é un importante afluente.

A conca do Ebro en Cataluña sérvese principalmente do río Segre como maior tributario, cuxa conca en solitario alcanza os 7.455 km², e ao que se lle suman como afluentes as concas da Noguera Pallaresa (2.811km²) e Noguera Ribagorçana (1.013 km²). Todos os ríos seguen un eixo Pireneos-Ebro. Tras a afluencia do Segre, o Ebro diríxese cara ao Delta irrigando mediante outros afluentes un territorio de 3.757 km², en boa medida situado na área das Terras do Ebro (Terres de l'Ebre).

As concas internas de Cataluña divídense habitualmente a partir daqueles ríos que nacen nos Pireneos e aqueles que o fan nas Cordilleiras Costeiras Catalás. As concas que conforman o eixo Pireneos-Mediterráneo confórmanas os ríos Llobregat, Ter, Fluvià, Muga e Tec (que discorre cara ao Rosellón). Estas concas discorren por un área de 9.622 km². As concas restantes, seguindo o chamado eixo Mediterráneo, nacen tanto na Cordilleira Litoral, Prelitoral como na Chaira do Empordà e regan as súas augas por 6.890km². Os ríos máis importantes son (de norte a sur) o Daró, Tordera, Besòs, Foix, Gaià, Francolí e Sènia.

A máis pequena das concas catalás, a do río Garona, discorre maioritariamente polo Val de Arán. Recibe augas de numerosos ríos e barrancos que baixan polas ladeiras das montañas do val, e dentro do territorio catalán os seus afluentes máis longos son o Arriu Unhòla e o Arriu de Varradòs.

Cataluña hai ademais unha relativa riqueza de augas subterráneas que, aínda existe unha cert desigualdade entre algunhas comarcas, abranguen toda a estrutura xeolóxica do territorio.[5]. Nos Pireneos cataláns hai tamén moitos estanques pequenos, restos da época glaciar, sendo o maior o de Banyoles.

[editar] A costa

Cidade de Sitges coas súas praias

A costa catalá abrangue unha liña xeneralizada de máis de 500 km de lonxitude, aínda que en definición alcanza os 826,5 km[6]. A costa tende a ser rectilínea sen grandes accidentes, sendo o máis salientábel o que producen os Pireneos en contacto mar, formando o Cabo de Creus, xunto ao cal se acha o golfo de Roses.

Posteriormente e até Blanes aparece a Costa Brava, caracterizada por cantís de pequena altura e calas agochadas, seguindo logo unha longa liña de praias do Maresme, en paralelo á Serralada Litoral, só cortada por algúns portos comerciais e pesqueiros. A costa de Barcelona caracterízase por praias artificiais e un gran porto comercial que se estende ao longo de máis de nove quilómetros. A parte sur do porto desenvolveuse sobre a chaira do Delta do Llobregat, que tras o porto debuxa unha liña suave costa de algo máis de 18 km.

Despois é o macizo do Garraf quen articula as costas en destacábeis cantís que, até despois de Sitges, non volven a ser rectilíneas e orientadas cara ao sur, até chegar á altura do porto de Tarragona, o segundo maior porto de Cataluña con máis de 5 km de longo, e finalmente ao Cabo de Salou. As praias desta zona toman o nome de Costa Dourada na súa vertente turística.

Cara ao sur a costa é de novo suave, caracterizada por unha menor ocupación humana. O último gran accidente xeográfico determínao o Golfo de Sant Jordi e as terras baixas do Delta do Ebro, onde se achan illas e penínsulas, como as da Punta del Falgar ao norte e La Banya ao sur, que queda unida ao delta pola praia do Trabucador. A area das praias catalás é xeralmente dourada, e con certa tendencia a ser granulosa ao norte e máis fina ao sur.

[editar] Clima

Pireneos cataláns, onde se teñen acadado temperaturas mínimas históricas de -30ºC

Cataluña goza dun clima mediterráneo, aínda que con grandes variacións de temperatura entre o litoral costeiro, cun clima suave, amornado no inverno e moi caloroso no verán; o interior que ten un clima continental mediterráneo, con invernos fríos e veráns moi calorosos; e as zonas montañosas próximas aos Pireneos, que teñen un clima de alta montaña, con mínimas baixo cero e neve abundante no inverno, precipitacións anuais por encima de 1.000 mm e veráns menos calorosos.

As temperaturas medías anuais oscilan dende os 0°C nos Pireneos, até os 17°C da costa do sur, chegando as temperaturas máximas até os 43ºC (nas Garrigues) e as mínimas aos -30ºC (nos Pireneos).[7]

[editar] Espazos naturais

Fraga no Parque Natural do Montseny durante o outono

A protección do entorno natural catalán medrou rapidamente durante os últimos anos. No ano 2006 o territorio terrestre protexido ascendía a 9.608 km², practicamente o 30% de Cataluña. Os espazos difiren en grao de protección; neste sentido, o parque con maior rango e antigüidade constitúeo o único Parque nacional en territorio catalán, o Parque nacional de Aigüestortes i Estany de Sant Maurici, inaugurado en 1955. Con todo, xa dende 1932 pretendíase protexer algúns espazos do Pireneo no chamado Plan Macià.[8] Até despois da restauración democrática e o goberno catalán non volveu a lexislar para protexer espazos naturais. Porén, actualmente son varias administracións (o Ministerio de Medio Ambiente, a Generalitat de Cataluña e a Deputación de Barcelona, xunto a varios consorcios de municipios) as que se encargan de velar, protexer e promocionar os espazos protexidos. A Generalitat ademais de xestionar o Parque de Aigüestortes, xestiona unha rede de once parques naturais, tres Paratges Naturals d'Interès Nacional, unha reserva natural (Delta do Llobregat) e unha reserva mariña (Illas Medes). Pola súa banda, a Deputación de Barcelona dispón dunha Rede de Parques Naturais (Xarxa de Parcs Naturals) dirixido pola Área de Espazos Naturais da Deputación que estende os espazos protexidos por doce parques de diferente grao de protección, algúns xestionados xunto á Generalitat. Ademais deses parques, existe unha rede máis extensa de espazos específicos protexidos mediante leis menos específicas cuxo obxectivo é axuntar a diversidade do territorio catalán e a súa flora e fauna local. Esta rede, chamada PEIN (Pla d'Espais d'Interès Natural) incorpora ademais os parques naturais e nacionais antes mencionados que si contan cunha lexislación específica. A abril de 2007, os espazos incluídos no PEIN ascendían a 165.

[editar] Historia

Artigo principal: Historia de Cataluña.

[editar] Etimoloxía

A día de hoxe a etimoloxía de Cataluña permanece incerta, aínda que teñen xurdido varias posibilidades e diferentes teorías. O topónimo como tal non aparece en forma escrita até 1117[9], no poema pisano LIBER MAIOLICHINUS DE GESTIS PISANORUM ILLUSTRATIBUS, de Laurentius Veronensis.[10] Nese texto, descríbense as xestas que os pisanos realizan cos cataláns para abordar a conquista de Mallorca, aparecendo varias referencias ao conde Ramon Berenguer III (Dux Catalanensis, Reitor Catalanicus hostes, Catalanicus heros, Christicolas Catalanensesque) así como referencias étnicas como catalanenses ou catalanensis e ao territorio destes, Catalania.

A primeira vez que aparece en catalán é no Llibre dels fets de Xaime I, xa a finais do século XIII. Con todo, a razón deste nome non está clara. Algúns postulan que a palabra procede de Gotholandia (país dos godos) a través de Gothia ou Gotia que era como os francos denominaban tamén a Marca Hispánica, debido á presenza de poboación visigoda en Septimania e ao norte da actual Cataluña tras a caída do reino visigodo, aínda que a transformación fonética é discutible. De igual modo, suxírese Gothoalania (país de godos e alanos) a pesar de non haber referencias deste segundo pobo en territorio catalán.

Un historiador medieval, Pere Tomic, suxire a existencia cara ao século VIII dun cabaleiro alemán chamado Otger Cathaló, ao que polas súas xestas de conquista, Carlomagno dedicou o seu nome ás terras do sur dos Pireneos. Outra proposta suxire que polas necesidades defensivas da Marca levantáronse moitas fortificacións. Os seus gardas eran os casteláns que no baixo latín medieval tomaría o nome de castlanus de cuxa voz xorden as formas catalás castlà, catlà e carlà.[11] Deste xeito, os estranxeiros que pasaban polas súas terras comezarían a nomear así aos habitantes e o seu territorio, polo que Cataluña significaría "terra de castelos".[12]

Con todo, esta explicación tamén se desestimou por dificultades fonéticas. Autores modernos como Ronjat (Grammaire historique des parlers provençaux modernes) e Grammont (Sur la métathèse) defenden que o topónimo procede dunha alteración da latina referida aos lacetáns. A transformación daríase por metátese entre a -l e a -c: lacetanos > catelanos > catelans.[13] Este proceso debeu darse entre as capas populares e en tempos remotos, previos a calquera influencia erudita. Actualmente, esta etimoloxía e a referida aos godos son as máis estendidas.

[editar] Idade Antiga

Anfieteatro romano de Tarragona

Ao igual que outras partes do resto da zona mediterráneo da Península Ibérica, Cataluña foi colonizada polos antigos gregos, que se asentaron ao redor da área de Roses en Xirona. Tanto gregos como cartaxineses, converténdose máis tarde, xunto co resto da península da Hispania, nunha parte do Imperio Romano, sendo Tarragona un dos principais postos romanos.

A continuación chegarían os visigodo, cun imperio que durou catro séculos despois da caída de Roma, até que no século VIII os mouros do Al-Andalus tomaron o control. Porén, despois da derrota das tropas do Emir Abdul Rahman Al Ghafiqi en Tours no 732, os francos reconquistaron os estados que foran capturados polos musulmáns. Máis tarde Carlomagno creou no 795 o que se coñeceu como a Marca Hispánica, unha zona máis aló da provincia de Septimania composta por pequenos reinos separados administrativamente, como fronteira entre os musulmáns de Al-Andalus e o Imperio Carolinxio.

[editar] Idade Media

Condados da Marca Hispánica
Cortes Catalás

A cultura catalá comezouse a desenvolver na Idade Media, derívanse dunha serie de pequenos reinos organizados en pequenos municipios en todo o norte de Cataluña. O Condes de Barcelona eran vasallos dos francos nomeados polo Rei de Francia, dos que eran feudatarios (801-987).

En 987 o conde de Barcelona, non recoñece ao rei francés Hugo I e a súa nova dinastía, declarando dous anos máis tarde Cataluña a súa independencia. Máis tarde, en 1137, Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona, casouse coa Raíña Petronila de Aragón, estabelecendo a unión dinástica da Provincia de Barcelona co Reino de Aragón, o que supuxo a creación da Coroa de Aragón.

Porén, non foi até 1258, por medio do Tratado de Corbeil, cando o rei de Francia renunciou formalmente o seu señorío feudal nos condados do Principado de Cataluña en favor do rei de Aragón Xames I, descendente de Ramón Berenguer IV. Este tratado transformou a independencia de facto do país nunha transición directa de iureentre os dominios franceses e aragoneses, resolvendo unha incongruencia histórica. Como parte da Coroa de Aragón, Cataluña converteuse nunha gran potencia marítima, axudando a expandir a Coroa e conquistando o Reino de Valencia, as Illas Baleares, e mesmo Sardeña e Sicilia.

En 1410, o Rei Martiño I morreu sen descendentes. Como resultado diso, Fernando de Antequera da casa castelá de Trastámara, recibiu a Coroa de Aragón como Fernando I de Aragón. O seu neto, o Rei Fernando II de Aragón casou coa raíña Isabel I de Castela en 1469, o que posteriormente, isto é visto como o inicio do Reino de España. Nese momento tanto Castela como Aragón mantiveron os seus distintos territorios cada un conservando as súas propias institucións, parlamentos e leis. Mais o poder político comezou a pasar pouco a pouco de Aragón cara a Castela e, posteriormente, de Castela á Imperio Español.

[editar] Idade Moderna

Durante un período prolongado, Cataluña, como parte da antiga Coroa de Aragón, seguiu a conservar as súas propias costumes e leis, mais fóronse erosionando pouco a pouco no curso da transición do feudalismo a un estado moderno, alimentado polas loitas entre os reis por ter uns territorios máis centralizados. Durante os próximos séculos, Cataluña estivo en xeral no bando perdedor dunha serie de conflitos locais que conduciu de maneira constante a unha maior centralización do poder en España.

O conflito máis importante foi a Guerra de Sucesión Española, que se iniciou cando Carlos II de España (o último español Habsburgo), morreu sen sucesor en 1700. Cataluña, como os demais territorios que formaban parte da Coroa de Aragón na Idade Media, alzáronse en apoio do pretendente á sucesión da mesma casa Carlos VI do Sacro Imperio Romano, mentres que gran parte do resto de España adheriuse á Filipe V de Borbón. Por mor da caída de Barcelona o 11 de setembro de 1714, a "situación especial" dos territorios pertencentes á antiga Coroa de Aragón e as súas institucións foron abolidas polos decretos de Nova Planta, en virtude do cal todas as súas terras foron incorporadas como provincias nun país unido baixo administración dun goberno centralizado baixo a casa dos Borbón.

[editar] Idade Contemporánea

Barcelona, capital de Cataluña

Na segunda metade do século XIX, Cataluña converteuse nun centro industrial e até o día de hoxe segue sendo unha das partes máis industrializadas da Península Ibérica. No primeiro terzo do século XX, Cataluña gañou e perdeu diversos graos de autonomía en varias ocasións, recibindo o seu primeiro estatuto de autonomía durante a Segunda República española en 1931. Este período caracterizouse pola inestabilidade até chegar á Guerra Civil en 1936, o que levou ao xeneral Francisco Franco ao poder, suprimindo calquera tipo de actividade pública relacionada co nacionalismo catalán, anarquismo, socialismo, democracia ou comunismo, chegando á prohibición de publicar de libros sobre o tema ou simplemente falar diso en reunións públicas. Como parte desta represión o uso do catalán no goberno, as institucións e nos actos públicos foi prohibido.

Despois da morte de Franco en 1975 e coa aprobación da constitución de 1978, Cataluña recupera a súa autonomía política e cultural, sendo hoxe en día, Cataluña é unha das rexións economicamente máis dinámicas de Europa. A súa capital e cidade máis grande é Barcelona, que hoxe é un importante centro cultural internacional e un importante destino turístico.

[editar] Administración e política

Fachada do Parlament de Catalunya

O territorio histórico de Cataluña divídese na Cataluña do Norte, ou Cataluña Norte, (administrada por Francia logo do Tratado dos Pireneos no 1659) e a Cataluña Sur (administrada polo Reino de España logo do Decreto da Nova Planta no 1716).

A Cataluña Sur está formada por unha das Comunidades Autónomas de España, chamada tamén Cataluña. As institucións de goberno constitúen a Generalitat de Catalunya. Este territorio divídese administrativamente en provincias, a provincia de Barcelona, a provincia de Xirona, a provincia de Tarragona e a provincia de Lleida, as cales son á súa vez subdivididas en bisbarras. As linguas oficiais son o catalán e o castelán, sendo tamén oficial o aranés no Val de Arán. Non obstante, administrativamente, a Cataluña do Norte constitúe, xunto a bisbarra occitana da Fenolleda un departamento do estado francés chamado Pireneos Orientais, na rexión do Languedoc-Rosellón. Nesta bisbarra o francés é a única lingua oficial, máis nestes últimos anos a lingua catalá comeza a gozar de certa protección.

[editar] A Generalitat de Cataluña

Palau de la Generalitat
Mosso d'Esquadra co uniforme da gala

A comunidade autónoma de Cataluña exerce o seu autogoberno que a constitución española lle garante como nacionalidade. A norma institucional básica de Cataluña é o Estatut d'Autonomia (Estatuto de Autonomía). De acordo con este, o autogoberno de Cataluña organízase politicamente na Generalitat de Catalunya. A Generalitat de Cataluña está formada por diversas institucións de goberno, entre elas:[14]

  • O Parlamento de Cataluña (Parlament) é a ferramenta lexislativa de Cataluña. E onde se realiza o debate político e se controla e impulsa a acción política e de goberno. Entre as súas potestades, o Parlament aproba os orzamentos da Generalitat. Está constituído por un mínimo de 100 deputados e un máximo de 150 (actualmente 135), elixidos por representación proporcional cona listas de partidos pechadas, por un período de catro anos.
  • A Presidencia da Generalitat, encabezada polo President (Presidente). O President é a máis alta representación da Generalitat e á vez do Estado español en Cataluña. A súa función é dirixir as accións do Goberno; por tanto é o representante do poder executivo de Cataluña.
  • O Govern ou Consell Executiu, é o órgano superior colexiado que dirixe a acción política e a administración da Generalitat. O Goberno está presidido polo presidente da Generalitat, o Primeiro conselleiro e os outros conselleiros. De acordo con isto, as competencias principais do Goberno son no ámbito da educación, a sanidade e a cultura. O financiamento da Generalitat está regulado pola Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas e polo Estatuto de Autonomía de Cataluña.

Ademais destas institucións, as outras institucións da Generalitat son todas as que cre o Parlamento mesmo. Como órganos de garantía e control, na actualidade forman parte da Generalitat, o Síndic de Greuges (Valedor do Pobo), que garante os dereitos e as liberdades dos cidadáns, a Sindicatura de Comptes de Catalunya que controla as contas económicas das institucións públicas de Cataluña, e o Consell de Garanties Estatutàries, que vela pola adecuación do Estatut e a Constitución do Estado español as disposicións da Generalitat.

O poder xudicial de Cataluña recae sobre o Tribunal Superior de Justícia (Tribunal Superior de Xustiza), o órgano xurisdicional supremo de Cataluña, segundo o Estatuto de 2006. As competencias do Tribunal Superior de Justícia inclúen coñecer os recursos e procedementos nos diversos ordes institucionais e tutelar os dereitos recoñecidos polo Estatuto. En todo caso, é competente nas ordes xurisdicionais, civil, contencioso administrativo e social, e nas outras que se poidan crear no futuro.

Catalunya tamén dispón dunha policía propia, os Mossos d'Esquadra, a forza de policía civil máis antiga de Europa, as orixes da cal remóntanse ao século XVIII. Dende 1980 está baixo as ordes da Generalitat, habendo dende 1994 até 2008 un proceso de despregamento substituíndo á Guardia Civil e á Policía Nacional, corpos dependentes directamente do Ministerio do Interior de España. Porén, o Estado, conserva un número limitado de axentes en Cataluña para exercer outras funcións específicas: vixilancia dos portos, aeroportos, costas, fronteiras, aduanas, réxime xeral de estranxeiría, documentos de identidade, tráfico de armas e explosivos, protección fiscal do Estado e doutras funcións que a Constitución estabelece.

[editar] Organización territorial

Cataluña organízase territorialmente en comarcas, municipios e provincias. Historicamente, tamén se organizou en rexións e vegueries, denominación esta última recuperada co novo Estatuto de autonomía.

[editar] Provincias

Organización do territorio catalán
Mapa municipal

As provincias constitúen a división administrativa máis antiga aínda vixente en Cataluña. Parten da agrupación de municipios e toman o nome das súas capitais. O Poder Xudicial parte da división provincial para establecer os partidos xudiciais agrupando os municipios que quedan adxudicados baixo unha mesma sede xudicial. A Comunidade Autónoma de Cataluña xurdiu mediante a unión formal de catro provincias:

As capitais de provincia son as poboacións do mesmo nome: Barcelona, Lleida, Tarragona e Xirona.

[editar] Veguerías

A veguería, unha nova división territorial, defínese coma un ámbito territorial específico para o exercicio do goberno intermunicipal e de cooperación local con personalidade xurídica propia, e é a división territorial que adoptou a Generalitat, de acordo ao Estatuto de 2006, para a organización territorial dos seus servizos. Tamén goza de autonomía para a xestión dos seus intereses. A administración das veguerías corresponde aos Consells de Vegueries que substituíron ás deputacións.

[editar] Comarcas

Artigo principal: Comarcas de Cataluña.

A Generalitat de Cataluña estableceu unha división administrativa en corenta e unha comarcas, os órganos reitores das cales son os Consellos Comarcais. A división comarcal de Cataluña ten a súa orixe nun decreto da Generalitat republicana de 1936, que tivo vixencia ata o final da Guerra Civil. A división comarcal foi novamente adoptada por lei do Parlamento en 1987. Esta división baseouse en criterios xeográficos e de mercado local, que coincide en boa medida con anteriores entidades de territorio de grande tradición.

O Val de Arán (en aranés, Val d'Aran) merece atención especial xa que, aínda que está incluído dentro da organización comarcal, goza de maior autonomía, de acordo coa Lei 16/1990, sobre o réxime especial do Val d'Arán, aprobada polo Parlamento de Cataluña. A súa institución de goberno é o Conselh Generau, formado polo Síndic, o Plen des Conselhèrs e Conselhères Generaus e a Comission d'Auditors de Comdes. A lingua propia do Aran é o aranés ou occitano, a cal tamén é oficial en Cataluña.

[editar] Municipios

Artigo principal: Municipios de Cataluña.

O municipio é a base territorial de Cataluña e medio esencial de participación da comunidade local nos asuntos públicos. O Estatuto garántelles autonomía para o exercicio das súas competencias e a xestión dos seus intereses respectivos. Na actualidade en Cataluña cóntanse 946 municipios, dos cales a data de 2005 (INE), 502 tiñan menos de 1000 habitantes. 108 superan a poboación como para ser consideradas cidade, e 59 superan os 20.000 habitantes (nos que vive o 70 por cento da poboación catalá).

[editar] Cidades máis poboadas

Listaxe Cidade Provincia Pob. Listaxe Cidade Provincia Pob.
BCN02.jpg
Barcelona
Carrer de Santa Eulàlia a l'Hospitalet de Llobregat.jpg
L'Hospitalet
Badalona la Rambla.jpg
Badalona
1 Barcelona Barcelona 1.615.908 11 Xirona Xirona 94.484
2 L'Hospitalet de Llobregat Barcelona 253.782 12 Cornellà de Llobregat Barcelona 85.180
3 Badalona Barcelona 215.329 13 Sant Boi de Llobregat Barcelona 81.335
4 Terrassa Barcelona 206.245 14 Sant Cugat del Vallès Barcelona 76.274
5 Sabadell Barcelona 203.969 15 Manresa Barcelona 75.053
6 Tarragona Tarragona 137.536 16 Rubí Barcelona 71.927
7 Lleida Lleida 131.731 17 Vilanova i la Geltrú Barcelona 64.905
8 Mataró Barcelona 119.780 18 El Prat de Llobregat Barcelona 62.663
9 Santa Coloma de Gramenet Barcelona 119.336 19 Viladecans Barcelona 61.718
10 Reus Tarragona 107.770 20 Castelldefels Barcelona 60.572
Censo 2008[15]


[editar] Economía

Sede central do Banco Sabadell

Cataluña é un territorio de tradición industrial desde o século XIX. Na actualidade a industria, o turismo e os servizos son os principais sectores económicos de Cataluña. O crecemento medio anual do período 1995-2004 en termos reais foi inferior á media española. Con todo, en 2005 creceu un 3,3%, o mesmo porcentaxe que a media española e por encima da media europea. Segundo as mesmas fontes oficiais, Cataluña está no cuarto lugar da clasificación de comunidades segundo o PIB per cápita en Paridades do Poder Adquisitivo e é a que máis achega ao total do PIB español (20'8%). A industria, a construción, o turismo e os servizos son os principais sectores económicos de Cataluña.

Desde o punto de vista financeiro, cabe destacar a gran implantación e tradición que en Cataluña teñen as caixas de aforro, maior mesmo que os bancos privados, da que ten dez. Destacan especialmente a Caixa de Aforros e Pensións de Barcelona, coñecida como "La Caixa", e que é a primeira caixa de aforros de Europa, e a Caixa Catalunya. En canto a bancos, o máis importante de Cataluña é o Banco Sabadell. Pola súa banda, a Fira Barcelona organiza todo tipo de mostras e congresos de carácter internacional sobre variados sectores da economía.

[editar] Transportes e mobilidade

Porto de Barcelona

Cataluña está ben comunicada tanto por terra, mar e aire. Para acceder por terra existe unha ampla rede de autoestradas e estradas, e a rede de ferrocarrís.

[editar] Aeroportos

Cataluña conta con cinco aeroportos. O máis importante é o Aeroporto de Barcelona, situado a 15 quilómetros de Barcelona. Con 32 millóns de pasaxeiros ao ano (2007), é o segundo aeroporto de España en número de pasaxeiros tras Barajas. Ten tres terminais, unha delas chamada "ponte aérea" que une exclusivamente Barcelona e Madrid con voos constantes cada hora.

Os outros dous aeroportos con servizo de pasaxeiros son o Aeroporto de Girona, especialmente utilizado polas compañías de voos de baixo custo (low cost), sendo a base do traslado de turistas á Costa Brava; e o Aeroporto de Reus, orientado ao turismo da provincia de Tarragona. Os dous están a pouco máis dunha hora de Barcelona. Hai un cuarto aeroporto, o Aeroporto de Sabadell, que non posúe voos comerciais pero que admite aviación executiva. Finalmente está o Aeroporto de Lleida, actualmente en construción e que está previsto que empece a prestar servizos de pasaxeiros antes de 2010.

[editar] Portos

Os dous principais portos de Cataluña, tanto polo transporte de pasaxeiros como de mercancías son o Porto de Barcelona e o Porto de Tarragona que, ademais, están considerados dous dos portos máis importantes de España e do Mediterráneo.

A parte deles, o litoral catalán está balizado por unha gran cantidade de portos, tanto de pescadores como deportivos.

[editar] Rede viaria

En Cataluña hai 12.000 quilómetros de vías para o tránsito de automóbiles, aínda que 10.843 destes quilómetros corresponden a estradas de calzada única. 962 quilómetros son de autoestradas: deles, 655 quilómetros son de peaxe e 307 son libres de pago. Dos 12.000 quilómetros de vías, 5.600 corresponden a vías cuxa titularidade ostenta a Generalitat de Cataluña, 4.400 ás deputacións provinciais, e 1.988 ao Ministerio de Fomento da Administración central. Cabe destacar as autoestradas AP-7 (Autoestrada do Mediterráneo), a AP-2 a Zaragoza, a C-32 que une Barcelona e El Vendrell, e a C-25 que une Riudellots da Selva (Xirona) con Cervera (Lleida) evitando Barcelona e que é coñecida como "Eixo Transversal".

[editar] Ferrocarril

Cataluña foi o primeiro territorio peninsular en ter ferrocarril. Foi o 28 de outubro de 1848 cando se inaugurou a liña entre Barcelona e Mataró, que cubría unha distancia de 28,4 km. Nos anos seguintes, antes da entrada do século XX, construíronse máis de 1.000 quilómetros de vía (case o 80 por cento das vías actuais), con varias rutas entre as principais cidades catalás e Barcelona. A maioría das vías foron financiadas polo capital privado de industriais que querían axilizar o transporte das súas mercancías cara á gran cidade.

Actualmente, a pesar de que se modernizaron os trens, a rede viaria segue sendo practicamente a mesma que fai 100 anos, cunha estrutura moi centralizada cara a Barcelona. As dúas rutas principais son a da costa, que une Francia coa Comunidade Valenciana polo litoral catalán, e a ruta cara a Zaragoza, que une Barcelona con Lleida. As propietarias das liñas ferroviarias de Cataluña son o ADIF e FGC. Operan en Cataluña as operadoras Renfe e a mesma FGC.

Nos primeiros meses do 2008, entro en servizo a liña de alta velocidade (AVE), con 3 liñas en servizo, desde Barcelona a Madrid, Sevilla e Málaga. Cataluña conta actualmente con 3 estacións con servizo de AVE: Barcelona-Sants, Camp de Tarragona e Lleida-Pirineus. A liña de alta velocidade será prolongada ata a fronteira francesa, onde continuará ata conectar coa actual rede francesa de alta velocidade, co cal establecerase tamén unha conexión ferroviaria rápida entre Barcelona e París.

O Metro de Barcelona conta con trens modernos como este

Por outra banda, o goberno da Generalitat de Catalunya anunciou en decembro de 2005 un plan para construír 1.100 quilómetros de novas liñas, 300 en vías convencionais e 800 en vías de alta velocidade, que unirán as principais cidades catalás de forma transversal. O plan suporá o investimento de 25.000 millóns de euros entre o 2006 e o 2026.

[editar] Outros transportes públicos

A única rede de metro de Cataluña é o Metro de Barcelona que comunica entre sí as cidades de Barcelona, l'Hospitalet de Llobregat, Cornellà de Llobregat, Santa Coloma de Gramenet, Badalona, Sant Boi de Llobregat e Montcada i Reixac. Actualmente hai nove liñas en servizo xestionadas por TMB ou FGC. Na provincia de Barcelona tamén hai servizo de tranvía (Trambaix e Trambesòs) e o Bicing, un sistema de aluguer de bicicletes. Tamén hai unha completa rede de autobuses que chega a tódolos municipios catalanes.

[editar] Cultura

[editar] Símbolos nacionais

A senyera
Sinal en catalán
Sinal en aranés

Cataluña ten tres símbolos representativos e distintivos propios denominados estatutariamente símbolos nacionais:[16] a bandeira, o himno e a festa nacional.

A bandeira ou senyera, xurdiu da translación do sinal do escudo dos condes de Barcelona a un tecido. Aínda que non hai ningunha referencia documental antes do século XIII, é unha das bandeiras máis antigas de Europa.[17] A bandeira catalá é barrada, con cinco barras amarelas e catro de vermellas, todas do mesmo groso.

O himno nacional de Cataluña é Els Segadors, escrito na súa forma actual por Emili Guanyavents en 1899. A versión musical é de Francesc Aliou do ano 1892. As orixes do himno remóntanse a unha primitiva canción nada por mor dos feitos históricos de 1640 durante a guerra dos cataláns contra ou rei Filipe IV, na que os labradores foron os protagonistas de importantes episodios. É oficial por lei do Parlamento dende o 25 de febreiro de 1993.

A festa nacional de Cataluña constituíuse como a primeira lei que aprobou o restaurado Parlamentode Cataluñaa en 1980. A diada nacional ou Festa de Catalunya, celébrase o día 11 de setembro, lembrando a perda das liberdades do mesmo día do ano 1714, tras o Asedio de Barcelona.

[editar] Lingua

Artigo principal: Lingua catalá.
Artigo principal: Lingua aranesa.

En Cataluña fálanse varias linguas con especial preponderancia do catalán e castelán. De acordo co estatuto de autonomía o catalán e a lingua propia de Cataluña, en tanto que o occitano (na súa variante aranesa) considérase lingua propia do Val de Arán. Xeralmente os cataláns son bilingües e coñecen as dúas linguas principais aínda que difiren respecto ao idioma que teñen por lingua materna. Ademais, o uso dun ou outro idioma depende do ámbito social no que se exprese.

O idioma catalán esténdese máis aló do territorio catalán. En Cataluña fálanse os dous bloques principais da lingua. O oriental ten como máximo expoñente o dialecto central, falado nas comarcas do norte de Tarragona, Barcelona, e Xirona, en cuxa rexión pirenaica se atisban trazos de catalán setentrional. O occidental é o propio das comarcas occidentais de Cataluña (provincia de Lleida e sur das tarraconenses) e mostra trazos semellantes aos dialectos valencianos, cos que forma un continuo en cuxa intersección se atopa o tortosino. A Generalitat ven desenvolvendo lexislación que promove e protexe o uso social do catalán. En 2003, o catalán era considerada a lingua materna do 40,4% dos cataláns, a propia do 48,8% e a de uso habitual do 50,1%,[18] mentres que no 2008 os datos son de 31,6% como lingua materna, a propia do 37,2% e a de uso habitual do 35,6%.[19]

A comunidade inmigrante ou foránea instalada en Cataluña a miúdo mantén a súa lingua materna para comunicarse cos seus familiares ou falantes do seu mesmo idioma que residan tamén no territorio. Destas, aparte do castelán, destacan sobre todo o árabe e o chinés, aínda que o seu número esténdese considerablemente en cidades que, como Barcelona, con habitantes de até 131 nacionalidades,[20] mostra un amplo repertorio lingüístico, dos que ademais dos citados, destaca, o francés, o portugués, o alemán, o inglés e a lingua galega.[18] No caso do galego, no 2008, é a lingua inicial dun 0,6% da poboación (que retrocede dun 1,3% no 2003)[21], a de identificación dun 0,1% (que é un retroceso do 0,4% do 2003)[22] e pódena falar fluidamente un 1,1% (retrocede do 1,8% de 2003)[23]

[editar] Gastronomía

Parada de froitas do Mercado da Boquería, en Barcelona.

A gastronomía de Cataluña está baseada na dieta mediterránea. Ofrece unha gran variedade de produtos tanto do mar como da montaña e a horta. A cociña catalá aportou toda unha serie de pratos típicos da rexión con guisos de peixe como os suquets ou a zarzuela, a escudella, a calçotada ou a salvitxada. É típico de Cataluña o Pa amb tomàquet, pan con tomate que acompaña a moitos pratos de carne ou embutidos, e co que se elaboran os bocadillos. O alioli e o romesco son as salsas máis características da cociña catalá. É destacable a riqueza de embutidos que se elaboran na comarca de Osona, especialmente o fuet de Vic.

En canto á repostaría, son famosas a crema catalá, os panellets, que se elaboran especialmente en novembro ou o menjar blanc. Cataluña tamén se distingue pola súa gran tradición vinícola. As zonas do Penedès, Alella, Priorat e o Segre son grandes produtoras dunha gran variedade de viños. O máis coñecido e exportado é o cava do Penedés, cuxa produción lideran empresas familiares como Freixenet e Codorniu.

Cabe anotar que Cataluña ofrece unha gran variedade de restaurantes con cociñas de todo o mundo. A pesar de que Barcelona é a cidade con maior cantidade e variedade de restaurantes, os máis prestixiosos, e distinguidos con máis estrelas Michelín, son "El Bulli" de Ferran Adrià, o "Sant Pau" de Carme Ruscalleda e o restaurante "Can Fabes" de Santi Santamaría.

[editar] Costumes e tradicións

Castellers
Unha sardana

Unha das manifestacións máis coñecidas da cultura popular catalá son os castells, na que os participantes ou castellers, rivalizan no levantamento de castelos humanos o máis altos posibles. Esta práctica, orixinaria do Camp de Tarragona e da muixeranga, estendeuse por toda Cataluña, recibindo nos últimos un gran impulso social grazas ás retransmisións televisivas e a creación de novas collas castelleres (agrupacións).

A sardana é a considerada coma danza nacional de Cataluña. É unha danza de grupo que se baila en círculo, onde os bailaríns agárranse mans, se é posible alternando un home e unha muller, mirando todos cara o centro do círculo. Acompáñase co son dos instrumentos de vento da copla. O baile de bastóns e a xota das Terras do Ebro tamén son danzas populares catalás, así como as cantadas de habaneiras, propias da costa, sobre todo das localidades mariñeiras da Costa Brava. Nos meses estivais proliferan as cantadas populares ao aire libre, sempre acompañadas da degustación de ron queimado. Tamén é moi representativa da cultura popular a rumba catalá.

Nas datas sinaladas ou festas maiores sempre adoitan estar presentes outros elementos da cultura popular catalá: os desfiles de xigantes e cabezudos e os correfocs con diaños e petardos. Unha das festas máis tradicionais de Cataluña é, La Patum de Berga. O 23 de abril, celébrase Sant Jordi, patrón de Cataluña. Esta festa celébrase coa tradición de agasallar con rosas e libros aos familiares e amigos. Ademais o 23 de xuño, vixilia do dia de Sant Joan, celébrase a verbena de San Xoán. A tradición antiga popular inclúe queimar fogueiras para afastar aos demos, as enfermidades e outras desgrazas, ademais cómese a coca (doce) e bébese cava.

É significativa tamén a tradición do Tió de Nadal, na que o día de Nadal ou, segundo a casa, durante a véspera ponse o Tió (un tronco) ao lume e fáiselle "cagar". Agora xa non se queima, tan só obrígaselle a "cagar" repetidamente agasallos para os máis pequenos a base de arremeter continuados golpes de bastón acompañados das chamadas cancións do Tió.

Ademais das manifestacións propias da cultura tradicional catalá, en Cataluña tamén se pode gozar de manifestacións culturais propias doutras nacións, froito da gran inmigración que recibiu o territorio o último século e medio. Un exemplo é a festividade galega de San Froilán en Barcelona, que está considerada como a segunda maior festa da cidade.[24]

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006. (En castelán)

Ferramentas persoais