Castro de Torroso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°11′54″N 8°37′40″O / 42.19833333, -8.62777778

Castro de Torroso
ParroquiaSan Mamede de Torroso
ConcelloMos
ProvinciaPontevedra
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogoGA36033018
Cronoloxía
Datas de ocupaciónséculo VII a.C.
Data da descuberta1983
Períodos de escavación1984 a 1990
Estado actualparcialmente escavado. Situado en propiedades particulares
Extensión estimada? ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O Castro de Torroso ou Castro do Retiro, é un sitio arqueolóxico, un castro pertencente á Cultura castrexa, descuberto no concello de Mos de xeito fortuíto na primavera de 1983 e escavado con posterioridade entre os anos 1984 a 1990. Estímase que tivo un período de ocupación moi curto, desde principios do século VII a.C. ata finais da mesma centuria, sen que se constatasen posteriores períodos de reocupación.

O seu estudo é de especial interese xa que é un dos castros máis antigos detectados: presenta un poboado castrexo da etapa inicial desta cultura empregando un sistema arquitectónico baseado na pedra, o que fai matizar diversas teorías que manteñen un proceso de "petrificación" da cultura castrexa de xeito evolutivo.

Situación[editar | editar a fonte]

O castro sitúase na parroquia de San Mamede de Torroso, no concello de Mos, na comarca de Vigo, preto do límite coa parroquia de San Mamede de Petelos. Atópase a unha altitude sobre o nivel do mar de 135 metros[1], na marxe dereita no alto do val do río Louro, afluente do Miño. Ocupa un lugar privilexiado na xeografía que a modo de anfiteatro ábrese cara ao sur (á zona meridional da Depresión Meridiana) e protexido polo leste polos Montes do Galleiro e polo oeste pola Serra do Galiñeiro. Atópase a tan só 8 km en liña recta da ría de Vigo. Preto do sitio son abondosos os mananciais e cursos de auga.

Trátase dun castro de terreos de pouca pendente, cun claro dominio dos chans con pendentes inferiores ao 5% e arrodeado de pendentes de entre un 5 e un 10%.

Descuberta[editar | editar a fonte]

Os temporais do inverno tiraran varias árbores o que facilitou que na primavera de 1983 Justo J. González Ballesta e Manuel Domínguez Domínguez descubrisen entre as raizames anacos de cerámica que recolleron e amosaron ao equipo do Museo de Pontevedra, quen comprobou que se trataba de cerámica de tipoloxía castrexa, razón pola que promoveron un plan de escavacións sistemáticas.

Escavacións arqueolóxicas[editar | editar a fonte]

Campañas de 1984 - 1990[editar | editar a fonte]

O diario de escavación, inventarios e achados consérvanse no Museo Provincial de Pontevedra.

Partindo dos correspondentes levantamentos planimétricos en detalle do terreo, o enfoque metodolóxico das escavacións estivo desde o principio moi condicionado pola necesidade da obtención, nalgúns casos, do pertinente permiso dos numerosos propietarios particulares dos terreos onde se sitúa o sitio arqueolóxico. Isto levou a que os traballos arqueolóxicos se centraran na zona do eirado e o parapeto suroeste.

Esta limitación tamén impediu a consolidación, para a súa posta en valor, das estruturas arquitectónicas descubertas, polo que para unha mellor conservación procedeuse a un coidadoso tapado das estruturas descubertas.

As escavacións planteáronse tomando como referencia o sistema teórico de coordenadas cartesianas[2], conformando unha retícula base de cadrados de cinco metros de lado.

Estratigrafía

As zonas escavadas en profundidade presentaron unha sucesión estratigráfica bastante clara. Porén, a súa interpretación non é moi doada xa que estes niveis só foron percibidos nos terreos de recheo da terraza, polo que o proceso formativo das capas sedimentarias debe ser coidadosamente analizado.

Detectáronse seis niveis estratigráficos:

  1. Nivel I. Hipoteticamente representaría a sexta e última fase de ocupación a finais do século VII a.C.
  2. Nivel II. Representa a quinta fase de ocupación e é moi similar á anterior.
  3. Nivel III. Cuarta fase de ocupación. Presenta un chan moi pisado e nalgunhas partes fosilizado.
  4. Nivel IV. Pouco escavado, correspondería á terceira fase de ocupación.
  5. Niveis V e VI. Os niveis máis profundos corresponderían coas dúas primeiras fases de ocupación do poboado, a primeiros do século VII a.C. Porén, non se poden relacionar con ningunha estrutura arquitectónica. Polo demais non presenta diferenzas notables cos niveis anteriores.

Na interpretación destes niveis estratigráficos barállase a posibilidade de que se trate de ocupacións temporais por causa das obras de levantamento do poboado. Entre outras posibles evidencias cítase:

  • Que os niveis só se perciban na zona de recheos do recinto defensivo e a terraza.
  • Que anacos cerámicos dunha mesma peza aparecesen en niveis e cadros distintos.
  • Que cada nivel descansa sobre unha masa de vertedoiro de inequívoca orixe antrópica.

Descrición[editar | editar a fonte]

Como se dixo, nos niveis estratigráficos V e VI non se atoparon estruturas arquitectónicas. No nivel estratigráfico IV, ao ter sido moi limitada a superficie posta ao descuberto, só se pode facer referencia ao achado dun murete feito de pedras case sen traballar, entre as que apareceron bases de muíños de vaivén, e do que non se pode intuír a súa función.

No nivel III destapáronse construcións de basta cachotería xunto a restos de estruturas elaboradas con materiais perecedoiros. Trátase de muros de contención de terras que carecen de calquera tipo de cimentación. En canto ás estruturas de materiais perecedoiros redúcese a ocos de postes (algúns conservan os seus calzos de pedra) que presentan unha distribución definindo en planta espazos semicirculares ou circulares que, xunto aos indicios de combustión atopados no centro dalgunha delas, fan pensar que se trata de espazos habitacionais.

De especial interese foi a aparición neste nivel dunha masa compacta de barro de superficie plana e forma circular e outra con forma paralelepipédica, que podería, hipoteticamente, formar parte dun muro de adobe. Esta utilización, de ser confirmada en estudos posteriores, abriría un interesante camiño investigador cara á interpretación do sitio.

No nivel II destapáronse máis muros de aterrazamento e evidencias de cabanas elaboradas con materiais perecedoiros. Os muros son de mellor feitura pero moi similares aos de anteriores niveis. Algo semellante sucede coas cabanas nas que se chega a evidenciar algunha esquina.

Vólvese a constatar a presenza de foxas e gabias hemisféricas, xa apreciadas no nivel anterior, e das que se descoñece a súa funcionalidade, sen que se puidese obter evidencias que confirmasen ou desmentisen a teoría xeral sobre a función deste tipo de foxas[3], entendendo que fosen empregadas como silos ou lugares de almacenaxe.

O nivel I, segundo entende o equipo arqueolóxico que realizou os traballos, non só correspondería co último período ocupacional senón que se trataría da única fase de ocupación en sentido estrito, interpretándose os niveis restantes como os correspondentes a simples fases construtivas. Diferéncianse neste nivel dous grupos de estruturas:

  • As presumiblemente habitacionais: grupo formado por tres cabanas, unha de planta circular, unha segunda de planta "en espiral" e unha terceira de planta "mixta":
A) A cabana de planta circular presenta uns muros conformados por dobre aparello de cachotería coas pedras mellor traballadas cara ao exterior e empregando como argamasa unha mestura de barro e xabre. O diámetro da construción é de 7,20 metros, superando as medidas máis comúns no posterior desenvolvemento da cultura castrexa. Porén, o espesor dos seus muros si entran nesas medias habituais, feito este que presenta moitas interrogantes sobre o sistema empregado para a súa construción. A cuberta debeu apoiarse directamente nos muros xa que non se atoparon evidencias de ocos de postes. No interior da cabana, un chan pisado de escasa consistencia presenta no centro evidencias dunha área de combustión con restos de landras e grans de trigo carbonizados.
B) Esta cabana é de menores dimensións que a anterior, cun diámetro aproximado de 5,5 metros. Tecnicamente é moi similar á anterior. Diferénciase en que os seus muros dispóñense formando unha figura semellante a unha espiral pechada, xa que nun punto do suroeste o muro desdóbrase en Y, formando unha dependencia que apareceu rechea de terra con restos cerámicos, para logo retornar ao círculo á altura da entrada. Polo momento carécese de referencias de plantas similares no ámbito dos castros galaicos. No interior presenta un chan de moi pouca consistencia e no centro evidencias de combustión. No demais é de características moi semellantes ás da cabana circular.
C) A terceira cabana tamén é de grandes dimensións cun eixe maior de máis de quince metros. Tecnicamente non difire moito das anteriores. A súa planta combina unha estrutura semicircular xunto a outra rectangular. Ábrese en tres entradas. Estas peculiaridades fan que se formule a hipótese de que fose un espazo destinado a un uso comunitario, pero a falta de máis evidencias fai que esta posibilidade sexa de moi difícil proba. Esta mesma dificultade preséntase para facerse unha idea do sistema de cubrición que tería, xa que non se atoparon os ocos de postes necesarios para soportar a cubrición dun espazo tan grande. Distintas evidencias indican que a construción da estrutura foi feita deste xeito descartándose que a súa planta fose o resultado da unión de dúas construcións levantadas individualmente.
  • As relacionadas co espazo habitacional pero con diferentes funcións. As construcións deste segundo grupo presentan unha técnica máis pobre. Os muros do aterrazamento confórmanse con cachotería moito máis irregular.

Do exterior da cabana circular parte cara ao norte un muro recto de aparello moi similar ao da cabana volvéndose máis basto a medida que se afasta dela. Paralelo a este vai outro polo lado occidental, levantado con cachotería moi pouco coidada e que xira preto da cabana cara a occidente. Entre ambos muros queda un corredor onde se conservan unhas pedras a modo de chanzo de basta feitura.

No límite setentrional do espazo escavado atópase un forte muro de cachotería que alterna pedras de gran tamaño con outras pequenas. O muro esténdese adaptándose ao terreo formando unha lixeira curvatura. Corresponde a un muro de aterrazamento para habilitar un espazo habitacional que, por causa da erosión, desapareceu case por completo.

Na zona nororiental do terreo escavado xúntanse a este muro principal restos de pequenos muros, de función descoñecida, e muretes esquinados a modo de reforzo exterior. Neste lugar atópase a entrada a esta parte do poboado, polo de agora non estudada.

Estruturas defensivas[editar | editar a fonte]

No sector suroeste do poboado presenta un sistema defensivo composto por tres fosos concéntricos cos seus respectivos parapetos.

Polo de agora só se escavaron o foso e parapetos máis interiores. Son moitas as evidencias neste lugar da existencia dunha estrutura vertical a carón do foso, cunha función tanto defensiva como delimitadora do espazo habitacional. Porén non é posible polo momento completar os datos suficientes para definir as características desta estrutura.

O foso escavado inmediato á posible muralla chega case aos catro metros de profundidade e foi aberto no xabre, substrato xeolóxico nese lugar.

Achados materiais[editar | editar a fonte]

  • Cerámica: como sucede en todos os castros galegos, os anacos cerámicos constitúen o grupo máis abondoso do sitio. Aparecen moi fragmentados e dispersos. A pesar desta dificultade reconstruíronse varios grupos de anacos cuxo estudo permitiu observar a presenza de dous modelos básicos de vasillas:
  1. Recipientes de perfil sinuoso simple. A esta forma corresponden case a práctica totalidade dos recipientes documentados.
  2. Fontes de asas interiores.

Estes modelos básicos presentan pequenas variacións en gran medida como consecuencia de teren sido elaboradas de xeito manual. Ao mesmo tempo non se aprecian diferenzas substanciais entre os restos cerámicos nos diferentes niveis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mapa Topográfico Nacional de España 1:25.000. Folla 223-IV "Mos". Madrid. Instituto Xeográfico Nacional.
  2. LAPLACE, 1971:223-226.
  3. Jorge, S.O. 1988;91.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • de la Peña Santos, Antonio (1992). Castro de Torroso (Mos, Pontevedra). Síntesis de las memorias de las campañas de excavaciones 1984-1990. Arqueoloxía. Memorias 11. Xunta de Galicia. ISBN 84-453-0293-0. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]