Castro Camera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exterior de Castro Camera, recreado para a película Milk

Castro Camera era unha tenda de fotografía situada na Rúa Castro no propio Barrio Castro de San Francisco, California, aberta por Harvey Milk desde 1972 até a súa morte en 1978. Durante a década de 1970, a tenda converteuse no centro neurálxico da crecente comunidade gai do barrio, así como tamén das campañas electorais do propio Harvey Milk a concelleiro de San Francisco.

Milk, era un ávido fotógrafo afeccionado, que tras serlle velado un rollo de película noutra tenda, decidiuse en 1972 a abrir, xunto á súa parella Scott Smith, unha tenda de fotografía cos últimos 1.000$ (dólares) que lles quedaban dos seus aforros. Pronto a tenda se convertería en foco da crecente afluencia de mozos homosexuais provenientes desde todo Estados Unidos até o Distrito Castro, onde a súa orientación sexual era ben aceptada.[1]

Máis alá da venda de cámaras, carretes e revelado, Milk converteu a tenda nun centro social e un refuxio para os que chegaban ao Castro,[1][2] converténdoa tamén en sede oficial para as eleccións de San Francisco. Pola súa involucración na promoción dos negocios de gais, Milk pronto sería coñecido extraoficialmente como o "Alcalde da Rúa Castro". Daniel Nicoletta, o fotógrafo coñecido como mellor cronista de Milk durante esa época, coñeceu ao seu xefe Milk traballando para el como dependente, para logo traballar como asistente da tenda e voluntario das campañas das súas campañas.

Interior de Castro Camera, recreado para a película Milk

Unha clienta, Anne Kronenberg, que logo se convertería na xefa de campaña de Milk, tamén o coñeceu na súa tenda, e a primeira impresión que se levou de Milk foi que era un "maníaco delirante".[3] Outros membros do círculo íntimo de Milk como Cleve Jones e o seu autor de discursos Frank Robinson coñecéronse, fixéronse amigos, e traballaron con Milk tamén na tenda.[4][5]

En 1978, un forte encarecemento do alugueiro, fixo que Harvey e Scott abandonaran o número 575 da Rúa Castro. A tenda "Castro Camera" foi trasladada ao número 2362 da Rúa Market, mentres que Harvey e Scott trasladaron a súa residencia ao número 22 da Rúa Henry.

No 2008, o número 575[6] da Rúa Castro, que actualmente é unha tenda de regalos, foi usado como decorado e localización para a película Milk, baseada na vida de Harvey Milk, recreando para iso a estética que o edificio tiña durante os anos 70.[7] O decorado foi recreado coidadosamente ao detalle, incluíndo ademais unha vella cadeira de brazos vermella de barbeiro,[8] o que chamou a atención de numerosos residentes de barrio que recordaban o estado orixinal da tenda.[4] O equipo de filmación asegurou ter visto unha pantasma na tenda.[9]

O edificio foi declarado como histórico e fronte a el hai unha placa conmemorativa á figura de Harvey Milk.

Placa conmemorativa á altura do número 575 da Rúa Castro

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Randy Shilts (1988). Macmillan, ed. The Mayor of Castro Street:the Life and Times of Harvey Milk. isbn 9780312019006. 
  2. Meredith May (27-11-2003). "From Milk's times to our times:Hard to fathom gay rights gains since 'St. Harvey' fell". San Francisco Chronicle. Arquivado dende o orixinal o 23-12-2004. Consultado o 01-03-2012. 
  3. David Lamble (20-11-2008). "Lesbian at the heart of Milk's posse". Bay Area Reporter. 
  4. 4,0 4,1 Sharyn Jackson (20-11-2008). "Milking it:In a new biopic, gay-rights activist Cleve Jones sees an icon honored at last". Time Out New York. 
  5. Andrew Davis (20-11-2008). "Frank Robinson on Harvey Milk". Windy City Times. Arquivado dende o orixinal o 20-02-2012. Consultado o 01-03-2012. 
  6. "Ghostly visit on Milk set". The Star. 17-11-2008. Arquivado dende o orixinal o 10-01-2009. Consultado o 01-03-2012. 
  7. Steven Winn (30-01-2008). "Picturing Harvey Milk:Filming of movie evokes memories, emotions in the Castro". San Francisco Chronicle. 
  8. Anne Kronenberg. "Everybody Needed Milk". Leyland Publications. 
  9. "Harvey Milk's ghost stops by film set". 3 News. 13-11-2008. Arquivado dende o orixinal o 24-03-2012. Consultado o 01-03-2012.