Castro de Moreira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castro de Moreira, "A Coroa"

O Castro de Moreira, situado na aldea de Moreira (parroquia de Lamas de Moreira, A Fonsagrada) está localizado na parte sur do monte Entrecotos a unha altitude de 633 metros. Coñécese comunmente na vila como A Coroa[1].

Características[editar | editar a fonte]

Está conformado por un recinto interior (ou croa) de 75 metros de diámetro, arrodeado dun conxunto de parapetos e fosos (conta con tres parapetos na parte occidental e dous na oriental). A faldra norte corresponde a unha pendente do terreo da zona, que se considera coma unha defensa natural da localización. Na parte sur está o acceso que utilizan os veciños para chegar ao castro, polo que se considera esta ruta coma a entrada orixinal ao mesmo.

Desde este alto pódense divisar outros castros da zona. Esta boa visibilidade fai pensar que no seu día a fortificación puido ser utilizada coma unha base de control sobre o territorio. Pola contra, non se atopou polo momento neste recinto ningún tipo de resto arqueolóxico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fernando Acuña; et al. (2008). "A comarca da Fonsagrada na antigüídade. Aproximación ao seu estudo: O Castro de Moreira". Gallaecia (27): 179–194.