Castelo de Melgaço

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°06′N 8°15′W / 42.100°N 8.250°W / 42.100; -8.250

Melgaço
Castelo de Melgaço.jpg
Concello Melgaço
Estilo arquitectónico
Estilo orixinario románico(1170)
Estilo actual ?
Estado actual Museo
Véxase tamén
Castelos de Portugal

O castelo de Melgaço é unha fortaleza medieval situada na vila de Melgaço, no distrito de Viana do Castelo (Portugal).

Principal defensa raiana do Alto Miño no século XII, converteuse na sentinela máis setentrional de Portugal, no treito onde o río Miño inicia a súa función fronteiriza, vixiando a travesía cara a Galiza.

Historia[editar | editar a fonte]

O castelo medieval[editar | editar a fonte]

A construción do castelo remóntase a 1170, por determinación de Afonso Henriques (1112-1185). O primeiro documento referido á poboación é a carta de aforamento, redactada en 1183, garantindo aos seus habitantes (por solicitude dos mesmos) privilexios semellantes aos que gozaba o feudo galego de Ribadavia. A partir de entón, a vila fronteiriza medrou con rapidez, e o primitivo castelo estaba xa concluído no inicio do século XIII, segundo diversos autores entre 1205 e 1212, ano este no que, xunto con outras prazas veciñas, fixo fronte á invasión das forzas do reino de León no contexto da disputa entre Afonso II de Portugal (1211-1223) e as súas irmás. Contribuíron para esta campaña construtiva, amais dos propios habitantes e do apoio real, os recursos do mosteiro de Longos Vales e do mosteiro de Fiães.

O seu fillo e sucesor, Sancho II de Portugal (1223-1248) deixou a cargo do concello o nomeamento do alcaide, privilexio que, Afonso III de Portugal (1248-1279), ao conceder á vila un segundo foral en 1258, reivindicou novamente para a Coroa. A construción da cerca da vila, iniciada en 1245 e cuxo anaco oeste foi concluído en 1263, inscribiuse nunha gran campaña de obras emprendida por este soberano, que actualizou as defensas do castelo, unha vez máis co apoio do mosteiro de Fiães. A placa epigráfica no portón principal, sinalando este último ano, rexistra as identidades do responsábel dos traballos, o alcaide Martinho Gonçalves, e o seu arquitecto, Fernando, Mestre de Pedraría.

En 1361 o tránsito entre Portugal e Galiza debía realizarse, obrigatoriamente, por Melgaço, dato revelador da súa importancia nesa época. No contexto da crise de 1383-1385, a vila e o seu castelo seguiron a tendencia do norte de Portugal, mantendo partido a prol de D. Beatriz. A comezos de 1387, gobernados por un alcaide castelán, sufriron o asedio das tropas portuguesas so o comando de João I de Portugal (1385-1433), caendo tras unha denodada resistencia de case dous meses.

En 1492 Melgaço era un dos cinco únicos lugares da fronteira portuguesa facultados para o ingreso dos xudeus expulsados de España (sefarditas). Aínda so o reinado de Manuel I de Portugal, as defensas da vila e o seu castelo estaban figuradas por Duarte de Armas (Livro das Fortalezas, c. 1509), integradas por tres torres e dúas portas.

Fortificación setecentista[editar | editar a fonte]

No século XVII, no contexto da guerra da Restauração da independencia portuguesa, as defensas da vila sufriron obras de adaptación aos avances da artillaría, recibindo liñas abaluartadas que envolveron o recinto medieval.

Do século XX á actualidade[editar | editar a fonte]

O castelo foi clasificado como Monumento Nacional por Decreto publicado o 23 de xuño de 1910, e a muralla da vila foino polo decreto publicado o 19 de febreiro de 1926.

Con todo, a intervención do poder público só se fixo sentir a partir da década de 1960, mantendo as características construtivas do conxunto. Recentemente, co desenvolvemento de proxectos de valorización do núcleo histórico da vila, a torre da homenaxe do castelo foi recalificada como núcleo museolóxico, expondo as testemuñas obtidas pola pesquisa arqueolóxica.

Características[editar | editar a fonte]

O castelo presenta planta circular, pouco común no país, dividida en tres recintos. As murallas, onde se rasgan dúas portas, son encimadas por ameas prismáticas e reforzadas por tres torres, sendo a principal a que se sitúa voltada cara ao núcleo urbano, de sección pentagonal. O conxunto é dominado pola torre da homenaxe.

A torre da homenaxe presenta planta cuadrangular, illada no centro do patio de armas. Tanto ela como a muralla circundante foron integralmente reconstruídas, desprendéndose a súa característica románica apenas polo deseño do conxunto: unha sólida torre cadrada illada no centro do recinto amurallado. A torre divídese internamente en tres andares, iluminados por algunhas fiestras. O coroamento é feito por un remate en balcón con ameas, na actualidade miradoiro do museo arqueolóxico establecido nas dependencias da torre.

Hai dúas portas de acceso: o portón principal cara ao oeste, de maiores dimensións, accede á praza de armas, na que se abre unha cisterna, onde se localizaría a alcaidaría. A porta da traizón, cara ao norte, é de menores dimensións.

Subsisten parte da barbacana diante da porta principal, e as torres que a franqueaban unha das portas da cerca. Grazas ás recentes pesquisas arqueolóxicas, que permitiron descubrir treitos expresivos da cerca gótica, é posíbel configurar o trazado orixinal.

Alcaides de Melgaço[editar | editar a fonte]

Lenda da Inês Negra[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lenda da Inês Negra.

Galería[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Castelo de Melgaço

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]