Castelo de Medina de Pomar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Medina de Pomar
ben de interese cultural
ConcelloMedina de Pomar
ProvinciaBurgos
Comunidade
autónoma
Castela e León
Coordenadas42°55′40″N 3°29′17″O / 42.927777777778, -3.4880555555556Coordenadas: 42°55′40″N 3°29′17″O / 42.927777777778, -3.4880555555556
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalgótico (séculos XIV-XV)
Estilo actualRestaurado
editar datos en Wikidata ]

O Castelo de Medina de Pomar é máis coñecido como Castelo dos Velasco, ou Alcázar dos condestables de Castela, que son os nomes que máis comunmente recibe. O castelo atópase no extremo sueste do recinto amurallado da cidade de Medina de Pomar (Provincia de Burgos, Castela e León, España).

Historia[editar | editar a fonte]

O Castelo foi mandado edificar por D. Pedro Fernández de Velasco, que foi Camareiro Maior do rei Henrique II, quen dooulle a cidade de Medina de Pomar en pagamento dos servizos prestados nas loitas que mantivo contra o seu medio irmán o rei Pedro I "O cruel". Este feito fai supoñer que cara a 1370 se comezase a súa construción, confirmando a súa finalización en tempos do seu fillo máis vello D. Juan Fernández de Velasco, segundo consta na escritura de modificación da fundación do Hospital da Misericordia feita polos seus fillos D. Pedro e a súa esposa Beatriz Manrique en Villadiego o 30 de outubro de 1433.

Edificio[editar | editar a fonte]

Foi pazo e castelo defensivo. Coñecido popularmente co nome de "As Torres", magníficas defensas robustas, cadradas e ameadas, abertas cara a unha praciña actualmente ampliada e construídas sobre a parte alta da cidade. Compostas por dúas torres cuadrangulares, unha máis alta e outra máis baixa, unidas por un corpo central, máis baixo e estreito.

O corpo central é máis baixo que os laterais e nel instalouse o gran salón do castelo de grandes dimensións, ao que se accedía mediante unha escaleira de caracol, en cuxa entrada se ven as armas dos Velasco. Á súa dereita consérvase a cheminea destinada a calefacción encaixada no muro e o fuso da escaleira realizado en cadeirado.

Estaba percorrido por un friso mudéxar feito con xeso, formado por medallóns unidos entre si por outros lobulados e polas armas dos Velasco, que con adornos e debuxos entrelazados caprichosamente parecían celosías; desafortunadamente foron destruídos na súa meirande parte durante a súa última restauración. Na parte inferior, en toda a súa lonxitude aparecía unha franxa en caracteres góticos formando inscricións latinas difíciles de ler polo descascado do xeso. Consérvanse palabras que fan supoñer pertencen a versículos bíblicos e á oración do Pai Noso. No seu chan existiu un magnífico pozo, hoxe cegado, destinado ao aprovisionamento do castelo.

A torre sur conservou en mellores condicións o friso do mesmo estilo co engadido de inscricións arábicas, escritas en caracteres africanos e cúficos (lese repetidamente en latín "Mater Dei miserere mei, Mater Dei miserere mei"). Nas exornacións dos ángulos e nos medallóns lese en caracteres arábicos "non é vencedor senón Alá, el é o mellor, o custodio". Corresponde esta zona ao salón nobre destinado a conferencias, reunións e cursos de verán, e ao arquivo municipal.

A torre norte carecía de decoración e debeu dedicarse a apousentos das xentes de armas, encargados da súa custodia e defensa e da servidume dos señores. As cubertas en orixe serían terrazas de madeira, aínda que reformas posteriores o converten nun tellado de dúas augas no corpo central e piramidais nas torres.

No ano 1896 os Duques de Frías cédeno en usufruto ao Concello de Medina de Pomar, o cal finalmente obterá a súa completa propiedade (este documento encóntrase actualmente exposto na sala dos Meiriñados do propio edificio). En 1931 foi declarado Monumento BIC. Hoxe en día o seu interior acolle o Museo Histórico dos Meiriñados.