Castela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Castela - Castilla")

Castela (en castelán: Castilla) é o nome dunha rexión histórica española que se corresponde con parte dos territorios pertencentes ao antigo Reino de Castela.

A primitiva Castela xurdiu durante as orixes da Reconquista na cabeceira do Ebro, ante o pulo de cántabros e vascóns. Dependendo dos autores e as épocas, considérase composto de territorios diferentes. A evolución histórica fai aínda máis imprecisos os seus compoñentes: o Reino de Castela foi nun primeiro momento un condado dependente do Reino de León, que finalmente se separou deste, e posteriormente formou parte, xunto a outros reinos, da Coroa de Castela.

Así, o nome de Castela empregouse na Baixa Idade Media para denominar á Coroa de Castela, o conxunto de todos os territorios dos monarcas da Coroa (por contraposición ao resto de reis hispánicos, os de Aragón, Navarra e Portugal).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa das provincias castelás

Administrativamente Castela non ten recoñecemento oficial e o territorio da rexión de Castela confórmano as seguintes provincias:

Hai un certo movemento (chamado leonesismo) en varias provincias, popular e político, que di que non forman parte de Castela as tres provincias do antigo reino de León: León, Salamanca e máis Zamora (as dúas últimas, segundo o momento histórico), incluso certas veces partes de Valladolid e Palencia, que na actualidade si forman parte de Castela e León. Tamén se di que a provincia de Albacete non é Castela, pois historicamente foi parte da Rexión de Murcia. Desde certos movementos políticos e culturais incluso se reclaman as comarcas de Requena e Utiel, actualmente na Comunidade Valenciana, pois historicamente foron parte da provincia de Cuenca.

  • Poboación: 9.521.132 habitantes (2003).
  • Superficie: 150.281 km².
  • Densidade de poboación: 63,4 hab/km².
  • Cidades importantes: Madrid, Valladolid, Burgos.

Historia[editar | editar a fonte]

Castela xurdiu como condado vasalo do reino de León. Debe o seu nome á gran cantidade de castelos na zona. No século IX independizouse de León, aínda que os dous reinos se reunificaron definitivamente no século XIII.

Durante a Idade Media, o Reino de Castela foi espallándose cara ao sur, conquistando territorio aos árabes. En 1230, os reinos de León e Castela uníronse baixo un mesmo rei e formando un mesmo reino. Dende o tempo dos Reis Católicos dividíase en dúas rexións: Castela a Vella, que correspondía á metade norte e tiña a capital en Valladolid ou Burgos, e máis Castela a Nova, no sur do Sistema Central e con capital en Madrid.

Na época moderna Castela converteuse en nación hexemónica cultural e dominadora económica da Península Ibérica. Despois da Guerra de Sucesión Española confirmouse o castelán coma lingua oficial en toda España e creouse un modelo de estado xacobino baseado no modelo castelán.

Ao creárense as autonomías, Castela a Vella perdeu as dúas provincias de fóra da Meseta, A Rioxa (territorio fronteirizo disputado polos reinos medievais de Castela e Navarra durante a Idade Media, pero que se incorporou a Castela a partir do 1076[1]) e máis Cantabria, e engadiuse a rexión de León, formando Castela e León. Castela a Nova dividiuse na Comunidade de Madrid, que abranguía soamente a provincia de Madrid, e máis Castela-A Mancha, que gañou a provincia de Albacete, cuxos dous terzos do territorio eran casteláns e só un terzo pertencía ao antigo Reino de Murcia, cando Jaime de Burgos creou a provincia e a asignou nominalmente ao Reino de Murcia[4]. Debido a este feito, cando se creou a Comunidade de Castela-A Mancha, a maioría dos representantes de Albacete preferiron incorporar Albacete á devandita Comunidade autónoma[5].

Na actualidade existen algúns partidos nacionalistas casteláns minoritarios, coma Tierra Comunera (TC), hoxe Partido Castellano, ou Izquierda Castellana (Iz-Ca), que defenden a unión de todas as comunidades autónomas castelás. Ningún destes partidos ten actualmente representación en ningún dos parlamentos autonómicos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Historia de La Rioja". http://www.riojanosenlared.com/index.php/la-rioja/historia. Consultado o 6 de agosto de 2008.
  2. VV.AA.: Historia de Cantabria, Santander, 2007.
  3. ECHAZARRA, J. Castellanismo (1975-2012): ¿nacionalismo imposible?. Burgos, 2012. 285 p.
  4. El nacimiento de una provincia (en castelán)
  5. La cuestión de Albacete (en castelán)