Castañeiro, castañeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Castañeiro»)
Este artigo trata sobre as persoas que venden castañas, para a árbore véxase: castiñeiro e para os topónimosː castañeira
Castañeiro na Praza da Ferrería en Pontevedra.

O castañeiro ou a máis das veces castañeira é a persoa que vende castañas na rúa[1]. É un retallista que dispón dun pequeno fogón para asar castañas. Os postos de castañas poden ser fixos ou móbiles, e é tradición, tras tiralas da grella na que se cociñan, servilas nun 'cornete'.

Homenaxe á castañeira no Parque de San Lázaro, Ourense.

A figura da castañeira espállase polo norte de España e varias zonas de Europa, sendo moi común en Galicia, pola abundancia de castiñeiras e soutos para a produción deste froito. Aparecen no outono e no inverno (cando vai frío, coincidindo cos magostos) nas rúas de vilas e cidades, sendo xa todo un fenómeno cultural. O aspecto tradicional asociado á castañeira é o dunha vella que veste roupas vellas e escuras e leva mantelo e pano na cabeza, e que leva un queipo cheo de castañas que apañou no souto para as torrar. Como recolle Daniel Cortezón Álvarez en 1981 n'A vila sulagada:

As castañeiras empiringotadas, cos seus grandes tixolos: «¡Castañas asadas, castañas bulladas!». A muller grosa, fondona, peitona, peituda, cu de bomba, nadeguda, mantelo, fatelo, pano ao cacharulo, aínda negro....

O termo castañeiro tamén se refire á época do outono en que maduran as castañas e se varean os castiñeiros para recollelas.

Tipoloxía[editar | editar a fonte]

Non se coñece a orixe do costume da venda de castañas asadas na rúa que sobreviviu en Galicia até os nosos días. Sábese da súa existencia na Península Ibérica dende último terzo do século XVIII, co seu apoxeo ao longo do século XIX, chegando a se diferenciaren dous tipos:[2]

  • As castañeiras que cocían, vendedoras ambulantes cun pote no que fervían e almacenaban as castañas, e que podía servirlles de mostrador para as vender. Adubaban as castañas con fiúncho ou anís e asaban con carbón ou leña.
  • As castañeiras que asaban debían ter os seguintes utensilios:
  1. unha mesa, ou unha táboa sobre un caixón.
  2. unha vasilla
  3. algún tipo de fornelo ou fogón portátil
  4. unha cheminea ou canón de lata que dea saída ao fume do fornelo
  5. algún tipo de fol
  6. unhas tenaces para remexer as castañas na grella e o lume.
  7. unha faca ou coitelo para fender cada castaña e evitar que estoupen; tamén facilita a posterior separación da casca
  8. un cobertor ou trapo para abrigar a mercadoría
  9. unha esporta ben provista de carbón ou leña
  10. un cacharro cheo de sal
  11. unha cadeira ou tallo, e nos casos máis luxosos, un alpendre ou alboio para se gorecer.

Na literatura[editar | editar a fonte]

Foron recolleitas, en especial as mulleres dedicadas a este oficio, en moi diversos exemplos da literatura, como é o caso de Las castañeras picadas, sainete de Don Ramón de la Cruz.[3]

Xa en lingua galega existen innumerábeis referencias literarias ás castañeiras dende o século XIX. Farruco Portela Pérez na súa Coleución de poesías gallegas d'algúns autores de 1882 fala das castañeiras en Santiago:

Mosiñas madrugadeiras que , todas cheas de frío , á sidá vindes lixeiras a fasé-lo voso avío; e volvés ás vosas leiras a traballar de cotío, castañas cosidas vendo; ¡Ai qué ricas fervendo! Rapasas, quentade as mans; un carto delas sequera, que non aturan os cans, un carto dá-o calquera , e nestas crúas mañáns...[4]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Definición en Portal das Palabras da Real Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2015. Consultado o 23 de setembro de 2015. 
  2. Los españoles pintados por sí mismos, 1851
  3. Don Ramón de la Cruz (1787/1898). "Las castañeras picadas". Dialnet. Consultado o 18/08/2015. 
  4. Farruco Portela Pérez, 1882, Coleución de poesías gallegas d'algúns autores a través de Tesouro informatizado da lingua galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]