Casco de Leiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O casco de Leiro, no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón.

O casco de Leiro é un casco ou unha cunca de ouro, probablemente da Idade do Bronce Final, atopado de xeito fortuíto por José Vicente Somoza, dentro dunha vasilla de barro, durante unhas obras de construción dun alboio na parroquia de Leiro, no concello de Rianxo. Na actualidade consérvase no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, na Coruña.

Presenta paralelismos con outros exemplares da Península Ibérica, como as cuncas de Axtroki e Villena, e do norte de Europa.

Descrición[editar | editar a fonte]

O casco de Leiro.

É de forma esférica e remata nun pequeno tronco de cono de base estreita. O seu diámetro máximo é de 195 mm e unha altura de 150 mm máis os 23 mm do remate. O seu peso é de 270 gramos.

A imaxe de pezas similares centroeuropeas poida que fose primeiro unha cunca, usada para algún tipo de ritual, e despois, engadido o remate, usado como "casco de parada", símbolo da autoridade dentro dunha xerarquía, xa que a delgadeza da lámina desbota calquera aplicación defensiva. O casco realizouse dunha única peza. Primeiro fundiron un calote, e posteriormente mediante o un traballo de batido, foi levantada a lámina de ouro (mediante a técnica chamada rising). O remate superior xa formaba parte desta peza inicial, polo que non se pode considerar que fose engadido posteriormente. Pola parte interior do obxecto pódese observar unha leve depresión efecto do fundido inicial con este remate macizo.

A peza presenta decoración en toda a súa superficie, feita mediante a técnica do repuxado. Os motivos, bolos, dispóñense en bandas horizontais separadas por grupos de tres baquetóns paralelos (ata seis bandas) que desaparecen no remate. Presenta bolos simples e bolos rodeados de catro baquetóns circulares concéntricos enmarcados entre catro boliños. En algúns depósitos europeos da Idade do Bronce Final, como por exemplo o de Generalard en Francia, se conservan os punzóns de matriz complexa con que foron obtidos este tipo de decoracións. Estes punzóns complexos, en ocasións cunha parte en positivo e outra en negativo, están normalmente feitos en bronce pola técnica de fundición á cera perdida, polo que se considera propio da ourivería do Bronce Final, e máis concretamente, do ámbito tecnolóxico denominado Villena-Estremoz. De momento non coñecemos obxectos deste tipo no ámbito da Península Ibérica.

En toda Europa hai referentes do emprego deste tipo de obxectos, algúns como sombreiros (por exemplo os conos de Avanton en Francia, ou Ezelsdorf ou Berlín en Alemaña) e outros como cuncas ou vaixelas (como Villena ou os paralelos Irlandeses). En todo caso, debe ser considerado pola súa singularidade, como un obxecto ritual.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casco de Leiro Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]