Casaio, Carballeda de Valdeorras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casaio
Concello Carballeda de Valdeorras
Poboación 421 hab. (2011)
Entidades de poboación 1

Santa María de Casaio é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Carballeda de Valdeorras. Segundo o padrón municipal (INE 2011) conta con 421 habitantes (221 homes e 200 mulleres), o que supón unha diminución en 17 habitantes en relación ao ano anterior.

Malia figurar como unha entidade única, Casaio está formado por catro barrios: Casaio Suso, Rumiña, Somoza e Cadanaia.

Situación xeográfica[editar | editar a fonte]

Casaio está situada a case 1.200 m de altitude, nos montes de Lardeira, que na súa crista serven de límite coa comarca leonesa da Cabreira. O seu clima é de tipo oceánico de montaña.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira mención documentar de Casaio, corresponde ao Parrochiale Suevum, do século VI, en que aparece como Cassavio, figurando como unha das parroquias galegas da época (e xunto con Geurros, como as dúas únicas valdeorresas), mais pertencente a diocese de Ourense (hoxe é de Astorga). Ha que agardar ao século XI, para que volva a aparecer. Durante a Idade Media, Casaio, formou parte da subtenencia da Ribeira - que correspondía á cunca do río Casaio -, que era parte da tenencia do Valdeorras.

Desde o século XV, Casaio, xunto con o veciño lugar de Lardeira, forma parte da xurisdición da Cabreira, que era exercida polo marquesado de Villafranca, con casa nobre en Vilafranca do Bierzo. Coa implantación do liberalismo, na nova división provincial deseñada por Javier de Burgos, en 1833, Casaio pasa a formar parte do concello de Carballeda de Valdeorras e da provincia de Ourense.

A situación na montaña, que era relativamente illante durante o Antigo Réxime, dado o predominio dunha economía de subsistencia, convértese nunha rémora desde a Revolución industrial, pois Casaio, e en xeral toda a cunca do río Casoio, fica afastada da beira do Sil, que é por onde pasará o ferrocarril e a estrada nacional 120. No entanto, o acceso a Casaio e resto da cunca aludida, contan só con camiños de bestas, ou ben simples sendas, como únicas vías de comunicación. Esta situación cambiou nos inicios da década de 1940, cando axentes nazis pasan a explotar a minas de Valborraz, sitos nos montes de Casaio; os alemáns abren unha pista para que podan acceder camións e maquinaria, ao tempo que pasan a utilizar presos republicanos represaliados como parte da man de obra. O feito significou a rotura do illamento para Casaio e outras localidades da marxe dereita do río Casaio: Viladequinta, Portela do Trigal, O Trigal. Ao tempo, e como dixera un historiador local, supuxo o primeiro contacto da poboación autóctona con os métodos de traballo capitalista. O fin da Segunda Guerra Mundial foi a fin da experiencia (que en realidade xa tivera antecedentes).

Nos comezos do século XVI (1509), os veciños de Casaio e Lardeira, efectuaron un contrato foral cos marqueses de Villafranca, polo que pagarían unha indemnización anual polo dereito á explotación dos montes inclusos nos lindes parroquiais. Este foro derivou nun obstáculo a mediados do século XX, pois cando se descobren filóns de lousa en tales montes, o marquesado alega os seus dereitos. Despois de anos de preitos, a comunidade de veciños pagou unha elevada indemnización, que lles permitiu pasar a explotalos en cooperativa ou en pequenas empresas, aínda que nesa altura outras firmas xa arrendaran terreos de canteiras. Desde estes momentos, Casaio converteuse, pero por pouco tempo, nun dos centros louseiros máis dinámicos do Valdeorras, dada a súa proximidade a boa parte das canteiras, mesmo acudiría unha numerosa colonia de orixe portuguesa -na súa maior parte de Tras-os-Montes- como traballadores inmigrantes, de xeito que se chegou dicir que en Casaio había máis portugueses que veciños propios. Porén este auxe durou só uns anos; por unha banda, a estrada ata Casaio era, e é, demasiado estreita para a circulación crecente de camións e outros vehículos e necesitábase solo industrial, con todas as súas dotacións, para un proceso de facturación que aumentou o seu mecanizado, o que fixo que as empresas preferiran outros lugares para asentar as súas naves-fábricas; por outra banda, Casaio carecía de servizos básicos para unha poboación que medraba: falta de farmacias, médicos, locais de ocio, centros de ensino secundario, etc. En consecuencia, boa parte da poboación trasladouse para O Barco de Valdeorras - a 19 km de distancia - ou outros lugares.

Un segundo chanzo na modernización casaiense, serían os intentos de explotación do turismo de montaña, centrados sobre o macizo de Pena Trevinca, especialmente montañismo e esquí. O impulsor destas actividades foi o médico barquense Gonzalo Gurrirán Gurriarán, que lograría crear durante os anos 40 o Club Peña Trevinca, con sede no Barco, e a construción dun refuxio de montaña na paraxe do porto de Fonte da Cova, a máis de 1.800 m. de altura. Posteriormente, ergueríase no mesmo lugar un hotel, que sería abandonado. Porén, estes intentos non lograron obter unha dinámica suficientemente industrial, aínda que subsiste o refuxio e o club, debéndolle moitos valdeorreses, a ambas cousas a súa iniciación aos deportes de montaña: esquí, alpinismo, sendeirismo, etc.

Arte[editar | editar a fonte]

Na igrexa de Santa María de Casaio debe destacarse o seu retablo manierista, do século XVI, trazado por Gaspar Becerra, e tallado polo seu discípulo Pedro de Bilbao. Estes artistas tiveran durante un tempo os seu centro de actividade en Astorga, sede do bispado no que se inclúe todo o Valdeorras.

Nos montes de Casaio, en zona de non doado acceso, está a ermida (cun retablo do século XIV) de San Xil, dedicada a ese santo, que segundo a documentación a respecto, aínda que de vida un tanto escura, foi ermitán nesa zona. Polo de agora é o único santo valdeorrés recoñecido oficialmente.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Casaio[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Casaio no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense)

Casaio

Parroquias de Carballeda de Valdeorras[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Carballeda de Valdeorras

Candeda (San Bernabeu) | Carballeda (San Vicenzo) | Casaio (Santa María) | Casoio (San Xulián) | Domiz (San Bernabeu) | Lardeira (San Tirso) | A Portela do Trigal (Santa Ana) | Pumares (San Martiño) | Pusmazán (San Mateo) | Riodolas (Santa María) | Robledo (Santa María) | San Xusto (San Xusto) | Santa Cruz (Santa Cruz) | Sobradelo (Santa María) | Soutadoiro (Santa Isabel) | Vila (Santa María Madanela) | Viladequinta (San Pedro)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

http://casaiodesempre.blogspot.com.es/