Carta Zinoviev

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A "Carta Zinoviev" foi un controvertido documento publicado pola prensa británica catro días antes das eleccións xerais no Reino Unido de 1924. Aparentaba ser unha directiva da Internacional Comunista en Moscova para o Partido Comunista de Gran Bretaña. Dicía que o restablecemento das relacións diplomáticas por parte dun goberno laborista aceleraría a radicalización da clase obreira británica, e pedía a intensificación a axitación comunista en Gran Bretaña. A carta toma o seu nome da suposta sinatura dun oficial soviético de alto rango, Grigori Zinoviev. A carta pareceu auténtica naquel momento, pero agora os historiadores cren que foi unha impostura. Actualmente, os historiadores cren que a carta tivo escaso impacto nos votantes do Partido Laborista nas eleccións de 1924, pero axudou o Partido Conservador ó acelerarse ó colapso do Partido Liberal, o cal permitiría unha ampla maioría conservadora.[1] A.J.P. Taylor opina que o impacto máis importante foi na psicoloxía dos laboristas, que durante anos culparon da súa derrota ó xogo sucio, nunha mala interpretación das forzas políticas en xogo e pospoñendo as necesarias reformas no Partido Laborista.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O Primeiro Ministro Ramsay MacDonald, cabeza do efémero goberno laborista de 1924

Antecedentes[editar | editar a fonte]

No 1924, o Partido Laborista, de ideoloxía socialista moderada, formou un goberno por primeira vez, aínda que era un goberno en minoría, e susceptible se caer se o Partido Conservador e os liberais se unían contra el. En política exterior, o goberno laborista recoñeceu a Unión Soviética en febreiro de 1924, e propuxo concederlle un crédito. O 8 de outubro de 1924, o goberno laborista de Ramsay MacDonald foi derrotado na Cámara dos Comúns nunha moción de censura, forzando a MacDonald a acudir ó Rei e pedirlle a disolución do Parlamento do Reino Unido e a convocatoria de novas eleccións. A causa da derrota parlamentaria sería a decisión do goberno de suspender o proceso do editor comunista John Ross Campbell baseándose na Acta de Incitación ó Motín de 1797, pola publicación dunha carta aberta en Workers Weekly, instando os soldados para que "nin na guerra de clases nin nunha guerra militar, tornedes as vosas armas contra os vosos camaradas traballadores". As novas eleccións nacionais foron programadas para o 29 de outubro.[3][4]

A carta[editar | editar a fonte]

Contra a fin da curta campaña electoral, apareceu na prensa o texto dunha letra atribuída a Grigori Zinoviev, cabeza do Comité Executivo da Internacional Comunista (Comintern), e Arthur MacManus, representante británico no comité, e dirixida ó Comité Central do Partido Comunista de Gran Bretaña.

Nunha parte especialmente daniña desta carta podíase ler:

Un establecemento de relacións entre os dous países axudará a revolucionar o proletariado internacional e británico, non menos que un alzamento exitoso en calquera dos distritos obreiros de Inglaterra, así como o establecemento de contactos entre o proletariado británico e ruso, o intercambio de delegacións e traballadores, etc., fará posible para nós estender e desenvolver a propaganda das ideas do leninismo en Inglaterra e as colonias.[5]

Publicación[editar | editar a fonte]

O acusador documento foi publicado no xornal británico conservador Daily Mail, catro días antes das eleccións. A carta chegou nun momento complicado nas relacións entre o Reino Unido e a Unión Soviética, debido á oposición conservadora á ratificación por parte do Parlamento do tratado de comercio anglo-soviético do 8 de agosto.

A publicación da carta foi particularmente embarazosa para o 'premier' MacDonald e o seu Partido Laborista.[6] Malia que o seu partido afrontaba as urnas con malas expectativas, MacDonald non perdeu a esperanza durante a campaña, pero calquera posibilidade remota de vitoria esvaeceuse coa pantasma da revolución interna e un goberno inconsciente do perigo que dominaba o público. As tentativas de MacDonald por desmentir a autenticidade do documento foron vas, obstaculizadas pola propia aceptación entre os membros do seu goberno. MacDonald contoulle ós integrantes do seu gabinete que se sentía "como un home metido nun saco e guindado ó mar".

Grigori Zinoviev

Resultado das eleccións[editar | editar a fonte]

O Partido Conservador logrou unha vitoria decisiva nas eleccións xerais do Reino Unido de outubro de 1924. Isto rematou co primeiro goberno laborista do país. Logo de que os conservadores formasen un goberno con Stanley Baldwin como primeiro ministro, un comité do gabinete investigou a carta e concluíu que era xenuína.[7] O goberno conservador non emprendeu máis investigacións a pesar das continuas alegacións de que a carta fora falsificada.[8] O 21 de novembro de 1924 o novo goberno conservador británico cancelou o tratado aínda sen ratificar coa Unión Soviética.[9] De todos os xeitos, ó mesmo tempo, o MI5 decidía que a carta era unha impostura. Para protexer a súa propia reputación, non informaría o goberno, que continuaría crendo que era xenuína.[10]

Desmentido de Zinoviev[editar | editar a fonte]

O Comintern e o goberno soviético desmentiron de maneira vehemente e consistente a autenticidade do documento.[11] Grigori Zinoviev emitiu un comunicado desmentíndoa o 27 de outubro de 1924 (dous días antes das eleccións), que foi finalmente publicado no número de decembro de 1924 de The Communist Review, a revista teoricamente mensual do Partido Comunista da Gran Bretaña, moito despois da caída do goberno de MacDonald. Zinoviev declaraba:

A carta do 15 de setembro de 1924, que se me atribúe, é dende a primeira ata a última palabra, unha impostura. Tomemos o seu titular. A organización da cal eu son presidente nunca se describe oficialmente a si mesma como o "Comité Executivo da Terceira Internacional Comunista"; o nome oficial é "Comité Executivo da Internacional Comunista". Igualmente incorrecta é a sinatura, o "O Presidente do Presidium". O impostor amosáse moi estúpido na escolla da data. O 15 de setembro de 1924, eu estaba de vacacións en Kislovodsk, e polo tanto, non puiden firmar ningunha carta oficial. [...] Non é difícil comprender por que algúns líderes do bloque liberal-conservador recorreron a estes métodos de falsificar documentos. Aparentemente, eles pensan en serio que serían capaces, no último minuto antes das eleccións, de crear confusión entre as fileiras deses electores que sinceramente simpatizan co tratado entre Inglaterra e a Unión Soviética. É bastante máis difícil comprender por que o Foreign Office inglés, que está aínda baixo o control do primeiro ministro, MacDonald, non se contivo de facer uso desta impostura propia dos White-Guardists [rusos do bando branco].[12]

Impacto[editar | editar a fonte]

Actualmente, os historiadores cren que a carta tivo escaso impacto nos votantes do Partido Laborista nas eleccións de 1924, pero axudou o Partido Conservador ó acelerarse ó colapso do Partido Liberal, o cal permitiría unha ampla maioría conservadora. James afirma que a carta lles ofreceu ós laboristas "unha magnífica escusa para o fracaso e a derrota. Os erros que se sucederan na breve existencia do seu goberno podían ser ignorados."[13] De feito, durante anos moitos laboristas culparon da derrota á carta, malia que, segundo afirma Taylor, interpretáronse mal as forzas políticas en xogo e a necesidade de reformas no Partido Laborista.[14][15][16]

Os resultados das eleccións non foron desastrosos para os laboristas. Os conservadores foron recompensados de maneira decisiva, gañando 155 asentos máis dun total de 413 membros do parlamento. Os laboristas perderon 40 asentos pero mantiveron 151. Os liberais perderon 118 asentos, quedando con só 40, e a súa conta de votos caeu en máis dun millón. A importancia real das eleccións reside en que os liberais, ós que os laboristas desprazaran como segundo partido político no 1922, eran agora claramente un partido minoritario.

Un estudo británico de 1967 apuntaba que o Partido Laborista estaba destinao a ser derrotado en outubro de 1924 en calquera caso, e opina que o principal efecto da presunta comunicación da Comintern foi sobre as relacións anglo-soviéticas:

Con Baldwin, o goberno británico liderou a retirada diplomática de Moscova. A Rusia soviética quedou máis illada, e polo mesmo, máis isolacionista [...] A carta de Zinoviev recruou certas actitudes, e recruounas nun momento en que a Unión Soviética estaba máis disposta ós contactos diplomáticos co mundo capitalista. Os que propoñían a revolución mundial estaban sendo substituídos polos flexibles subscritores da filosofía de Iosif Stalin, do "socialismo nun só país". A pesar disto, tras vencer exitosamente todas as contradicións da inicial diplomacia soviética, Gran Bretaña rendeuse cando todo se estaba a volver máis doado. E rendeuse en gran parte porque os dous partidos de clases medias percibiron de repente que a súa vantaxe electoral a curto prazo se debía a unha violenta campaña anti-bolxevique.[17]

Interpretación académica actual[editar | editar a fonte]

O ministro de Exteriores ou 'Foreign Secretary' Robin Cook promoveu unha revisión histórica oficial do caso da Carta Zinoviev no 1998

A interpretación académica contemporánea da chamada "Carta Zinoviev" data dunha monografía publicada no 1967 por tres xornalistas británicos que traballaban para The Sunday Times. O trío formado por Lewis Chester, Steven Fay e Hugo Young afirmaba que dous membros dunha organización monárquica rusa chamada 'Irmandade de San Xurxo' creara o documento en cuestión en Berlín. A viúva dun dos dous homes que supostamente elaboraron o documento, Irina Bellegarde, ofreceulles ós xornalistas o seu testemuño directo, como presenciara a falsificación mentres era realizada.[18] Supostamente, os autores da carta estudaran documentos bolxeviques exhaustivamente antes de crear un documento sensacional nun esforzon por minar as relacións do réxime soviético coa Gran Bretaña. O Foreign Office británico recibira a falsificación o 10 de outubro de 1924, dous días despois da derrota do goberno de MacDonald na moción de censura liderada polos liberais.[19] A pesar da dubidosa natureza do documento, púxose en marcha a súa publicación, por parte de membros do Partido Conservador, en combinación con oficiais do Foreign Office, no que Chester, Fay e Young cualifican como unha "conspiración"."[20]

Este libro motivou que o Foreign Office británico iniciase un estudo pola súa conta. Durante tres anos, Milicent Bagot, do MI5 traballou nos arquivos e realizou entrevistas con testemuñas superviventes. Elaborou un prolixo informe sobre o caso, que finalmente non foi publicado por conter informacións reservadas ou persoais.[11] De calquera xeito, o traballo de Bagot sería de grande importancia como fonte secundaria cando o Foreign Office revisou o caso case tres décadas despois.

A comezos do 1998, informes sobre a inminente publicación dun libro contendo revelacións sobre as orixes da chamada "Carta Zinoviev", baseado en información dos arquivos soviéticos, levou á renovación da especullación na prensa e a cuestións parlamentarias.[21] En resposta o Foreign Secretary británico, Robin Cook, anunciou o 12 de febreiro de 1998 que en interese da transparencia pública, lle encargara ós historiadores do Foreign and Commonwealth Office preparar un informe sobre a Carta Zinoviev, en base ós documentos dos arquivos.

Un artigo da historiadora-xefe do Foreign and Commonwealth Office, Gill Bennett, foi publicado en xaneiro de 1999 e contiña os resultados desta investigación. Bennet tivera acceso libre e ilimitado ós arquivos do Foreign Office, así como ós do Secret Intelligence Service (SIS), MI5, e MI6. Tamén visitara Moscova no decurso da súa investigación, traballando nos arquivos do Comité Executivo da Internacional Comunista, o Comité Central do Partido Comunista da Unión Soviética e o arquivo da Comintern do Partido Comunista da Gran Bretaña.[22] Malia que non se puideron publicar certos detalles por mor das leis de segredos oficiais británicas, o artigo de Bennett resultou definitivo no caso da "Carta Zinoviev". O seu informe amosa que a carta contén afirmacións similares ás realizadas por Zinoviev a outros partidos comunistas e noutros tempos ó Partido Comunista da Gran Bretaña, pero no momento da carta, cando as conversacións para o tratado de comercio anglo-soviético tiñan lugar e se preparaban as eleccións xerais no Reino Unido, Zinoviev e a Unión Soviética amosábanse máis discretos con respecto ós británicos. A pesar da súa exhaustiva investigación, concluíu que "é imposible dicir quen escribiu a Carta Zinoviev", a pesar de que a súa opinión é que foi encargada polos círculos da intelixencia do movemento de 'rusos brancos' a falsificadores de Berlín ou das repúblicas bálticas, probablemente, en Riga.

No 2006, Gill Bennett incorporou algúns dos seus achados a propósito da Carta Zinoviev no capítulo cuarto da súa biografía do axente do SIS Desmond Morton.[23] Outro libro do 2006 sobre espionaxe atribúe a autoría a Vladimir Orlov (1882–1941), un antigo axente de intelixencia de Baron Wrangel durante a Guerra Civil Rusa.[24]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Charles Loch Mowat, Britain between the wars 1918-1940 (1955) 188-94
  2. A.J.P. Taylor English History 1914-1945 (1965) p.219
  3. A.J.P. Taylor, English History: 1914-1945 (1965), pp 218, 225
  4. Keith Jeffery (2010). The Secret History of MI6. Penguin. pp. 195–96. 
  5. The National Archives, "The Zinoviev Letter." Arquivado 16 de febreiro de 2009 no Arquivo web do goberno do Reino Unido, consultado o 27 de agosto do 2009.
  6. Gill Bennett, "'A Most Extraordinary and Mysterious Business': The Zinoviev Letter of 1924," Historians LRD No. 14. London: Foreign and Commonwealth Office, Jan. 1999. Páxina 1.
  7. Mowatt, Charles Loch (1955). Britain between the wars:1918-1940. Cambridge University Press. p. 193. 
  8. Mowatt, Charles Loch (1955). Britain between the wars:1918-1940. Cambridge University Press. p. 194. 
  9. Neilson, Keith (2006). Britain, Soviet Russia and the collapse of the Versailles order, 1919-1939. Cambridge University Press. p. 49. 
  10. Christopher Andrew (2009). Defend the Realm: The Authorized History of MI5. Knopf Doubleday Publishing Group. p. 151. 
  11. 11,0 11,1 Bennett, "'A Most Extraordinary and Mysterious Business,'" páxina 2.
  12. Grigorii Zinoviev, "Declaration of Zinoviev on the Alleged 'Red Plot'", The Communist Review, vol. 5, número. 8 (Dec. 1924), páxinas 365-366.
  13. Robert Rhodes James (1977). The British Revolution. p. 194. 
  14. Taylor, English History: 1914-1945, pp 219-20, 226-7
  15. Charles Loch Mowat (1955). Britain Between the Wars, 1918-1940. Taylor & Francis. pp. 188–94. 
  16. Andrew J Williams (1989). Labour and Russia: The Attitude of the Labour Party to the USSR, 1924-1934. Manchester U.P. p. 18. 
  17. Lewis Chester, Steven Fay, and Hugo Young, The Zinoviev Letter: A Political Intrigue. Philadelphia: J.B. Lippincott Co., 1968. Páxina xvii.
  18. Chester, Fay, and Young, The Zinoviev Letter, páxinas 51-52.
  19. Chester, Fay, and Young, The Zinoviev Letter, páxina 65.
  20. Chester, Fay, and Young, The Zinoviev Letter, páxinas 65-81.
  21. O libro en cuestión era The Crown Jewels: The British Secrets at the Heart of the KGB Archives, escrito por Nigel West e Oleg Tsarev, e publicado por HarperCollins no 1998.
  22. Bennett, "'A Most Extraordinary and Mysterious Business,'" páxinas 2-3.
  23. Gill Bennett, Churchill's Man of Mystery: Desmond Morton and the World of Intelligence. London: Taylor & Francis, 2006.
  24. Nigel West, At Her Majesty's Secret Service: The Chiefs of Britain's Intelligence Agency, MI6. London: Greenhill Books, 2006. Páxinas 34-39.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]