Carrilana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carrilana

As carrilanas son vehículos de 3 ou 4 rodas de descenso por estrada sen ningún tipo de propulsión que poden acadar velocidades superiores ós 130 km/h.

As carrilanas teñen unha clara orixe lúdica popular, estando presentes nas festas de moitos pobos do norte peninsular, especialmente en Galicia e o norte de Portugal, Asturias, Euskadi, Navarra e Cataluña, sendo populares noutros moitos países.

Historia[editar | editar a fonte]

Os eventos relacionados con carrilanas remóntanse ás primeiras décadas do século XX, cando os nenos non tiñan apenas xoguetes; foi entón cando facendo uso da inventiva se comezaron a construír as primeiras carrilanas, con táboas ou calquera tipo de madeira, coas rodas tamén de madeira recubertas con gomas, creándose deste xeito uns vehículos con aparencia de bólidos cos que se precipitaban polas costas abaixo.

Carrilanas dispostas para tomar a saída.

A que fora unha das principais diversións dos nenos da posguerra, adquire a categoría de "deporte de inercia", mais son enxeños nos que a velocidade non é o único que importa, as innovacións mecánicas e os acabados froito da imaxinación imperan por riba do espírito de competición.

En Galicia celébranse eventos relacionados con carrilanas en varias localidades como as Carrilanas de Esteiro, declarada festa de interese turístico de Galicia[1], ou as de Vimianzo. É usual bautizalas con algún nome. Coñécense como carrinhos de rolimã en Portugal, goitibehera no País Vasco ou carretons en Cataluña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cultura de Galicia: Carrilanas de Esteiro. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria da Xunta de Galicia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]