Carpos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os carpos eran unha tribo dacia que habitaba as saias orientais dos montes Cárpatos.

O seu nome semella estar vencellado ao lugar onde viviron, significando a "rocha" ou o "outeiro".("carpë"=rocha albanés; "kar"=pedra armenio "chrb"=outeiro checo).

Mentres ca maioría das tribos da Dacia (como os costobocios) ou foron derrotadas polo Imperio romano ou absorbidas polos pobos xermánicos, os carpos medraron o seu poder no transcurso do século II, converténdose até as invasións bárbaras nos adversarios máis importante de Roma na Europa sudoriental. No período que vai do 238 ao 273, aliados cos godos, os carpos atacaron a provincia romana de Moesia. A finais de século atacaron as cidades tracias de Calatis, Dionisópole e Marcianópole.

Convertidos nunha seria molestia para o Imperio, Diocleciano combateunos e venceu en 297 adquirindo o sobrenome de "Carpicus Maximus". Segundo Amiano Marcelino foron deportados a Panonia na zona onde esta a actual cidade de Pécs, onde permaneceron até as invasións hunas. Sexto Aurelio Víctor confírmao, mais os seus posteriores ataques fan dubidar diso. Noméaos por derradeira vez o historiador Zósimo coa denominación de dacio-carpos (quizais para diferencialos dos panónicos), no transcurso da narración das campañas danubianas de Teodosio o Grande nos derradeiros anos do século IV, sendo derrotados por este.

O futuro dos carpos (e outros grupos dacios non conquistados polos romanos) é descoñecido; probablemente ficarían asimilados aos dacios-romanos e valacos formando o actual pobo romanés. Outros serían eslavizados, coma os carpos panónicos ou os actuais ucraínos hutsules, que viven na fronteira entre Ucraína e Romanía. Por exemplo, atopáronse elementos carpos ou dacios entre os ucraínos sudoccidentais (Hutsúlshchina, Bucovina, Podolia). Outra das posibilidadades é que emigraron cara ao sur para formar o pobo albanés actual; as semellanzas que existen entre as linguas albanesa e romanesa avalan esta hipótese.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]