Caronte (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Caronte, ilustración de Gustave Doré para A Divina Comedia de Dante.

Na mitoloxía grega, Caronte (en grego antigo Χάρων Khárôn, ‘brillo intenso’) era o barqueiro do Hades, o encargado de guiar as sombras errantes dos defuntos recentes dun lado ao outro do río Aqueronte se tiñan un óbolo para pagar a viaxe, razón pola cal na Antiga Grecia os cadáveres soterrábanse cunha moeda baixo a lingua. Aqueles que non podían pagar tiñas que vagar cen anos polas ribeiras do Aqueronte, até que Caronte accedía a levalos sen cobrar.

Aínda que con frecuencia se di que transitaba polo río Estigia, como suxire Virxilio na súa Eneida (libro VI, 369), segundo a maioría das fontes incluíndo a Pausanias (x.28) e máis tarde Dante (Inferno) o río que realmente transitaba Caronte era o Aqueronte.

Caronte era o fillo de Érebo e Nix. Represéntase como un ancián fraco e berrón de roupaxes escuras e con anteface (ou, en ocasións, como un demo alado cun martelo dobre) que elexía aos seus pasaxeiros entre a xente que se amontoaba na orela do Aqueronte, entre aqueles que merecían un enterro adecuado e podían pagar a viaxe (entre un e tres óbolos). N´As ras, Aristófanes mostra a Caronte esputando insultos sobre a xente obesa.

Era moi raro que Caronte deixara pasar a un mortal aínda vivo. Heracles, cando descendeu aos Infernos sen ter morto, non chegaría a pasar de non empregar toda a súa forza para obrigalo a cruzar o río, tanto á ida como á volta. Caronte foi encarcerado un ano por deixar pasar a Heracles sen obterlle o pago habitual esixido aos vivos: unha rama de ouro que proporcionaba a sibila de Cumas. Virxilio narra na Eneida (libro VI) o descenso de Eneas aos Infernos acompañado de dita sacerdotisa.

Outro mortal que logrou cruzar dúas veces vitorioso o Aqueronte é Orfeo, quen encantou a Caronte e a Cérbero para traer de volta ao mundo á súa amada morta, Eurídice, a quen perdeu definitivamente na súa viaxe de volta. Psique tamén logrou facer a viaxe de ida e volta estando viva.

Homero e Hesíodo non fan ningunha referencia ao personaxe. A primeira mención de Caronte na literatura grega parece ser un poema Minio, citado por Pausanias. Dito poema atribúelle á lenda de Caronte unha orixe exipcia, como confirma Diodoro Sículo. Os etruscos mencionan tamén un Caronte que acompañaba a Marte aos campos de batalla.

Dante Alighieri incorporou a Caronte na mitoloxía cristiáA Divina Comedia (libro III, liña 78). Aquí era o mesmo que o seu equivalente grego, pagándoselle un óbolo para cruzar o Aqueronte. É o primeiro personaxe con nome que Dante encontra no inferno, aparecendo no terceiro Canto do Inferno.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Caronte