Carmen Prieto Rouco
Carmen Prieto Rouco, nada en Vilalba o 13 de xaneiro de 1901 e finada na mesma localidade en 1977, foi unha poetisa e dramaturga galega.
Índice |
Obra [editar]
Epígono de Rosalía de Castro, comezou a escribir moi nova, algúns poemas publicados en Horas de frebe datan de cando tiña trece anos[1], a súa poesía, costumista e dun lirismo subxectivo, céntrase no mundo rural, frecuentemente cun ton anticaciquil, tecnicamente os seus versos amosan defectos no ritmo[2] e o seu galego é algo forzado[3]. Moitos dos seus poemas apareceron en Faro Villalbés. Está considerada unha das precursoras da escrita teatral galega canda Herminia Fariña[4]. De ideoloxía católica conservadora durante a Guerra Civil cantou as glorias de Francisco Franco[5] e deixou de publicar en galego ata 1956 cando publicou o poemario bilingüe Lluvia menuda.
Poemarios [editar]
- Horas de frebe (1926)
- Lluvia menuda (1956, bilingüe)
- A virxe viuda. Hestoria dun amor (1964)
- O derradeiro (1977, póstumo)
Obra teatral [editar]
- A loita (1923, monólogo anticaciquil e de propaganda das Irmandades da Fala)
- O lexionareo (1925, monólogo patriota español con motivo da guerra de África)
- O embargo (traxedia)
- Treidores celos (zarzuela)
- A boda do afillado (monólogo)
- O secreto da bruxa (sainete)
Notas [editar]
- ↑ Arturo Casas Público e empresas editoras na poesía galega entre a fundación das Irmandades da Fala e a Guerra Civil en Homenaje a Benito Varela Jácome. USC, 2001, páxina 109.
- ↑ Ricardo Carballo Calero Historia da litertura galega contemporánea. Galaxia, 3ª ed, 1981
- ↑ Germán Bleiberg, Maureen Ihrie e Janet Pérez Dictionary of the literature of the Iberian Peninsula, Volume 2. Greenwood Publishing Group, 1993, páxina 1314
- ↑ Carmen Blanco Literatura galega da muller. Xerais, 1991, pp. 328-333
- ↑ Xoán Pastor Rodríguez Santamaría Penélopes de tinta: as mulleres na poesía galega. Da guerra civil á palabra no tempo. Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza 3, 2007