Carlos II, Sacro Emperador Romano-Xermánico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Carlos o Calvo")
Carlos o Calvo, denario, acuñado en Bourges, posterior a 848.

Carlos o Calvo, nado o 13 de xuño de 823 en Frankfurt e finado o 6 de outubro de 877 en Brides-les-Bains, emperador (875–877, co nome de Carlos II) e rei dos francos occidentais (840–877, co nome de Carlos II), foi o fillo máis novo do emperador Luís o Piadoso e da súa segunda muller Xudite.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Loita contra os seus irmáns[editar | editar a fonte]

Nado o 13 de xuño de 823 en Frankfurt, cando xa seus irmáns eran adultos e lle foran asignados candanseu regna. As tentativa de seu pai de asignarlle un a el, primeiro Alamania e logo os territorios entre o Meuse e os Pireneos (en 832, despois da revolta de Pipino I de Aquitania) non tiveron froito. As numerosas reconciliacións con Lotario I e Pipino, así coma con Luís o Xermánico, fixo que a posición de Carlos fora provisional, pero seu pai non renunciou e converteuno en herdeiro da antiga Gallia. Nunha dieta preto de Crémieux en 837, Luís o Piadoso fixo que os nobres prestara homenaxe a Carlos coma herdeiro seu. Isto provocou a rebelión do resto dos seus fillos. Pipino de Aquitania morreu en 838, o que posibilitou que Carlos recibira ese reino, que xa conservou ata a súa morte. O fillo de Pipino, Pipino II de Aquitania constituíu sempre unha ameaza para Carlos.

Dinastía Carolinxia
Pipínidas
Arnúlfidas
Carolinxios
Despois do Tratado de Verdún (843)

A morte do emperador en 840 conlevou a apertura de hostilidades bélicas entre os seus herdeiros. Carlos aliouse con Luís o Xermánico en contra das pretensións do novo emperador, Lotario I, que foi derrotado na batalla de Fontenay o 25 de xuño de 841. O ano seguinte os dous irmáns consolidaron a súa alianza no xuramento de Estrasburgo e a guerra finalizou co Tratado de Verdún en agosto de 843. O acordo concedeu a Carlos o reino dos francos occidentais, que xa estivera a gobernar e que se correspondería coa actual Francia e que tería coma límites o Meuse, o Saona, e o Ródano, co engadido das marcas catalás ata o Ebro. Luís recibiu a parte oriental do Imperio Carolinxio, embrión de Alemaña. Lotario retivo o título de emperador e o Reino de Italia. Tamén obtivo as rexións centrais dende Flandres ata Italia, incluíndo Borgoña.

Goberno no Oeste[editar | editar a fonte]

Os primeiros anos, ata a morte de Lotario I en 855, foron comparativamente pacíficos. Os tres irmáns continuaron co sistema de "goberno fraternal", con reunións periódicas, en Coblenza (848), Meerssen (851), Attigny (854).

En 858 Luís o Xermánico, convidado por nobres descontentos con Carlos, invadiu os territorios occidentais. Carlos era tan impopular que foi incapaz de reunir un exército e tivo que fuxir a Borgoña. A situación salvárona os bispos, que rexeitaron coroar a Luís, e os apoios güelfos que concitou Xudite, súa nai.

En 869 foi el quen atacou os territorios do seu sobriño Carlos de Provenza, pero fracasou. E en 869, ao morrer Lotario II, tamén o tentou cos territorios que lle corresponderan a este, pero mediante o Tratado de Mersen (870) foi obrigado a compartilos con Luís o Xermánico. Á parte das disputas familiares, fixo fronte a repetidas rebelións en Aquitania e en Bretaña. Dirixidos por Nominoe e Erispoe, que derrotaron a Carlos na batalla de Ballon (845) e na batalla de Jengland (851), os bretóns acadaron unha independencia de facto. Carlos tamén loitou contra os viquingos, que arrasaron os vales do Sena e o Loira e chegaron ás fronteiras de Aquitania. Carlos viuse obrigado varias veces a pagar fortes cantidades para que se retiraran. Tamén dirixiu varias expedicións contra eles. Mediante o edicto de Pistres (864) tentou facer máis áxil o exército coa introdución de novas unidades de cabalería. Tamén ordenou a construción de pontes fortificadas en todos os ríos para tentar bloquear as incursións viquingas. Dúas destas pontes contribuíron decisivamente na vitoria durante o asedio de París (885-866).

Emperador[editar | editar a fonte]

Carlos o Calvo, idade avanzada; imaxe procedente do seu Salterio
Aparición de Carlos o Calvo logo de morrer e ser soterrado en Saint Denis.

En 875, despois de morrer o emperador Luís II, fillo de Lotario I, e co apoio do papa Xoán VIII, viaxou a Italia, sendo coroado en Pavía e recibindo as insignias imperiais en Roma o 29 de decembro. Luís o Xermánico, tamén candidato á sucesión de Luís II, vingouse invadindo e devastando os dominios de Carlos, quen tivo que retornar apresuradamente.

Despois da morte de Luís (28 de agosto de 876), foi Carlos quen tentou apoderarse dos territorios do outro, pero foi decisivamente derrotado en Andernach o 8 de outubro de 876.

Mentres, Xoán VIII, ameazado polos sarracenos, urxía axuda de Carlos, quen cruzou novamente os Alpes pero a nobreza mostrou esta vez pouco interese e rexeitaron unirse ao soberano. Ao mesmo tempo, Carlomán de Baviera, fillo de Luís o Xermánico, entrou en Italia. Carlos, enfermo, iniciou o regreso a Gallia, pero morreu cruzando o paso de Monte Cenis en Brides-les-Bains, o 6 de outubro de 877.

Nos Anais de St. Bertin cóntase que foi soterrado apresuradamente na abadía de Nantua (Borgoña) debido ao que os que portaban o cadáver non soportaban o fedor. Tiña que ter sido soterrado na basílica de San Denis e pode que fose trasladado alí posteriormente. Sucedeuno seu fillo Luís o Tatexo.

Carlos foi un príncipe ilustrado, amigo da igrexa e consciente do apoio eclesiástico no seu permanente enfrontamento coa nobreza; escolleu o seus conselleiros entre o alto clero, como é o caso de Guenelon de Sens, que o traizoou, e o de Hincmaro de Reims.

Calvicie[editar | editar a fonte]

O seu apodo pode ter unha orixe irónica; non ser unha descrición física obxectiva.[1] Podería terse referido a que de neno, ao contrario que o resto de fillos varóns de Luís o Piadoso, Carlos non tiña regnum propio.[2]

Casamentos e descendencia[editar | editar a fonte]

Carlos casou con Ermentrude de Orleáns, filla de Odo I, Conde de Orléans en 842, quen morreu en 869. En 870, casou con Richilde de Provenza, procedente dunha familia aristocrática da Lorena.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nelson, Janet, "Charles the Bald" (Essex, 1992) p. 13.
  2. Lebe, Reinhard, War Karl der Kahle wirklich kahl? Historische Beinamen und was dahintersteckt, (2003) ISBN 3-423-30876-1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Egon Boshof: Karl der Kahle - novus Karolus magnus? en: Franz-Reiner Erkens (ed.): Karl der Große und das Erbe der Kulturen. Berlin 2001, S. 135–152.
  • Irmgard Fees: War Walahfrid Strabo der Lehrer und Erzieher Karls des Kahlen? en: Matthias Thumser/Annegret Wenz-Haubfleisch/Peter Wiegand (ed.): Studien zur Geschichte des Mittelalters. Jürgen Petersohn zum 65. Geburtstag. Theiss, Stuttgart 2000, ISBN 3-8062-1448-4, S. 42–61.
  • Adelheid Krah, Die Entstehung der "potestas regia" im Westfrankenreich während der ersten Regierungsjahre Kaiser Karls II. (840-877), Berlin 2000, ISBN 3-05-003565-X.
  • Janet L. Nelson: Charles the Bald. Longman, London 1992, ISBN 0-582-05585-7.
  • Pierre Riché: Die Karolinger. Stuttgart 1987.