Carlos María Isidro de Borbón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carlos María Isidro de Borbón.

Carlos María Isidro Benito de Borbón, Infante de España, nado en Madrid o 29 de marzo de 1788 e finado en Trieste o 10 de marzo de 1855, foi o segundo fillo do rei Carlos IV de España e de María Luísa de Parma, e irmán de Fernando VII. Tamén foi coñecido como Don Carlos. Foi o primeiro pretendente carlista ao trono de España co nome de Carlos V de España.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no Palacio Real de Madrid. Entre 1808 e 1814 viviu prisioneiro de Napoleón en Valençay cos seus irmáns. En 1814 volveu co resto da familia real a Madrid e xurou a constitución de 1812. En setembro de 1816 casou coa súa sobriña a infanta María Francisca de Portugal, filla do rei Xoán VI de Portugal e de Carlota Xoaquina, irmá de Carlos. A parella tivo tres fillos: Carlos Luís (1818-1861), Xoán (1822-1887) e Fernando (1824-1861).

Carlos era unha persoa moi relixiosa, que cría no dereito divino da monarquía e na sucesión lexítima, polo que a pesar dos intentos dos seus partidarios de tomar as armas contra o seu irmán, sempre lle foi fiel.

Pragmática Sanción[editar | editar a fonte]

En maio de 1830 Fernando VII publicou a Pragmática Sanción que permitía ás mulleres suceder ao trono español, ao igual que os seus fillos. O decreto fora orixinalmente aprobado polas Cortes en 1789 pero nunca se promulgara oficialmente. Ata entón Carlos fora o herdeiro do seu irmán. O 10 de outubro de 1830 a muller de Fernando deulle unha filla, que levou o nome de Isabel e desprazou ao seu tío da liña de sucesión.

Os apóstolicos continuaron a apoiar os dereitos de Carlos ao trono, ao considerar a Pragmática Sanción ilegal e intrigaron a favor de Carlos. En marzo de 1833 Fernando suxeriu a Carlos que se trasladase a Portugal coa súa familia.

En abril de 1833, Fernando chamou a Carlos a xurar fidelidade a Isabel como Princesa de Asturias, o que Carlos rexeitou a recoñecela e a renunciar aos seus dereitos á coroa ao que Fernando VII reaccionou prohibíndolle volver a España.

Carlos V[editar | editar a fonte]

Tras a morte de Fernando VII o 29 de setembro de 1833, Carlos emitiu o manifesto de Abrantes o 1 de outubro no que declaraba a súa ascensión ao trono co nome de Carlos V e deu comezo á Primeira Guerra Carlista. En maio de 1834, tras a derrota dos miguelistas na guerra civil portuguesa, Carlos marchou para Inglaterra`pese ás protestas das autoridades españolas, onde chegou o 18 de xuño, pero axiña trasladouse a Francia para entrar en España pola fronteira de Navarra o 9 de xullo. En outubro de 1834 un decreto privouno dos seus dereitos como Infante de España e que foi confirmado polas Cortes en 1847.

Carlos permaneceu en España durante cinco anos e mantivo unha corte itinerante, acompañando ao seu exército, pero sen amosar dotes militares. No verán de 1837 dirixiu a coñecida como Expedición Real, na que á fronte de gran parte dos seus homes marchou por Cataluña e o Maestrazgo ata chegar ás portas de Madrid, pero non se decidiron a atacala e retiráronse acosados por Baldomero Espartero, tras a expedición Carlos emprendeu unha purga entre os seus principais colaboradores.

En outubro de 1837, logo da morte da súa primeira muller, casou coa súa sobriña María Teresa e en xuño de 1838 nomeou a Rafael Maroto como comandante en xefe, que se dedicou a reorganizar o exército, pero que afrontou escasas accións bélicas. En febreiro de 1839 mandou fusilar a tres xenerais diante a sospeita que estiveran organizando un complot contra el e esixiu a Carlos a destitución de todos os seus opoñentes, Carlos destituíuno o 21 de febreiro e declarouno traidor, aínda que o 25 de febreiro recuou e accedeu ás súas peticións. Maroto comezou negociacións secretas cos isabelinos que remataron en 1839 coa sinatura do Convenio de Oñate, tamén coñecido como abrazo de Vergara.

O 14 de setembro de 1839 cruzou a fronteira francesa e o goberno francés decidiu instalalo en Bourges coa súa muller e fillo, alí o 18 de maio de 1845 abdicou no seu fillo Carlos Luís, que adoptou o título de Carlos VI. Tras a súa abdicación usou o título de conde de Molina.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos María Isidro de Borbón