Carlo Collodi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carlo Lorenzini
alias
Carlo Collodi
Carlo Lorenzini alias Carlo Collodi
Carlo Collodi (1826-1890)
Nacemento: 24 de novembro de 1826
Florencia Italia Italia
Falecemento: 26 de outubro de 1890
Florencia Italia Italia
Lingua: lingua italiana
Xénero(s): literatura infantil

Carlo Collodi é o pseudónimo de Carlo Lorenzini, nado o 24 de novembro de 1826 en Florencia e finado na mesma cidade o 26 de outubro de 1890, foi un escritor italiano. A súa sona provén do ser o autor do relato de literatura infantil Le avventure di Pinocchio. Storia di un burattino, mundialmente coñecido de xeito abreviado como Pinocchio (en galego Pinoquio).

Traxectoria [editar]

Procedía dunha familia humilde. Seu pai era cociñeiro e súa nai serventa doméstica. Puido estudar grazas á axuda da familia Gironi Garzoni.

De 1837 até 1842 estivo nun seminario, en Colle di Val d'Elsa, con idea de instruírse e facerse sacerdote. Logo deixouno e recibíu leccións de filosofía. Pasou posteriormente a traballar nunha librería. En 1848, aínda novo, participou na guerra no Piemonte, no Norte de Italia, contra os austro-húngaros

Lorenzini comezou colaborando en xornais humorísticos e xusto logo do regreso da guerra fundou unha modesta revista Il Lampione.

En 1856 escribiu un artigo no que usou por primeira vez o pseudónimo Collodi, que corresponde a un lugar de Pescia, da que era orixinaria súa nai. Dese mesmo ano datan as primeiras obras significativas que publicou: Gli amici di casa e Un romanzo in vapore. Da Firenze a Livorno. Guida storico-umoristica.

Tres anos máis tarde participou nas nova loita polo Risorgimento ou da independencia italiana en 1859. Fíxose xornalista xa en maio 1860. Escrebeu algunhas novelas e pezas teatrais, que non tiveron grande éxito.

A partir de 1875 Carlo Collodi comezou a escreber para a infancia, adaptando os Contos de Charles Perrault, e outros autores, en italiano.

Premido por débedas de xogo, princupiou a escreber Pinocchio en 1881, que foi aparecendo como folletín no Giornale per i bambini até 1883. O relato abríulle as portas do éxito, mais Collodi non voltaría a atopar xamais unha inspiración similar para obras posteriores. En 1877 publicou Giannettino, e, en 1878, Minuzzolo. En 1883 publicou "Pinocchio" como libro, e no mesmo ano pasou a ser o director do Giornale per i bambini. Carlo Collodi faleceu repentinamente; foi sepultado no cimeterio de San Miniato al Monte de Florencia.

Un dos seus sobriños, Paolo Lorenzini, tamén escritor, lograría unha certa celebridade, especialmente nos Estados Unidos, mercé a fama do tío, adoptando o pseudónimo de Collodi Nipote.