Cardiotoxicidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A cardiotoxicidade é a toxicidade que afecta ao corazón. Dende un punto de vista estritamente toxicolóxico, o corazón é afectado especialmente polas substancias vasoconstritoras, vasodilatadoras e vasopermeabilizantes.[1] Os trastornos da función cardíaca provocados polos axentes químicos consisten en alteracións da frecuencia cardíaca (cronotropismo), a contractilidade (inotropismo), a condución (dromotropismo) e a excitabilidade (batmotropismo).[2]

Mecanismos xerais de cardiotoxicidade[editar | editar a fonte]

Algúns dos mecanismos polos que se produce a toxicidade cardíaca son:

Interferencia da homeostase iónica[editar | editar a fonte]

A función cardíaca depende dunha estrita regulación do funcionamento dos canais iónicos e da homeostase dos ións. Por conseguinte, calquera xenobiótico que altere os movementos ou a homeostase dos ións provoca unha reacción cardiotóxica que se manifesta principalmente por trastornos do ritmo cardíaco.[2] Esta cardiotoxicidade pode producirse mediante un aumento do afluxo de Na+ (por exemplo con veratridina, batracotoxina ou aconitina), unha diminución da permeabilidade ó Na+ ( por exemplo con lidocaína, quinidina ou DDT), un bloqueo dos canais de K+ (por exemplo con aminopiridinas, antidepresivos tricíclicos ou fenotiazinas) ou mediante un aumento do fluxo de Ca2+ (por exemplo con catecolaminas, dixitálicos ou metilxantinas).[1]

Alteracións do rego coronario[editar | editar a fonte]

Unha destas alteracións é a contracción dos vasos coronarios inducida polos xenobióticos,que poden provocar vasoespasmos, e polo tanto isquemia aguda no miocardio.[2] Outra das alteracións do rego coronario é a lesión por isquemia-reperfusión. Cando a causa nociva da isquemia se alivia, obtense a reperfusión do miocardio, que provoca unha lesión tisular que pode ser reversible ou permanente. As consecuencias da isquemia miocárdica son: acidose intracelular, inhibición da fosforilación oxidativa e esgotamento do ATP.[2]

Estrés oxidativo[editar | editar a fonte]

Durante a isquemia miocárdica e no momento da reperfusión fórmanse radicais de osíxeno reactivo relacionados con arritmias, atordamento e necrose do miocardio.[2] Entre as principais especies de osíxeno reactivo crese que o radical hidroxilo é o máis tóxico.[3] Certos xenobióticos como a doxorrubicina e o etanol desenvolven os seus efectos cardiotóxicos a través da formación destes radicais.[2]

Principais tóxicos cardíacos[editar | editar a fonte]

Fármacos[editar | editar a fonte]

Os efectos cardiotóxicos dos fármacos que actúan sobre o sistema cardiovascular adoitan consistir nunha esaxeración da súa principal acción farmacolóxica sobre o corazón. Pola contra, outros axentes poden ser tóxicos para o corazón a través de mecanismos que non están relacionados necesariamente co uso terapéutico que se pretende nin cos seus efectos farmacolóxicos principais.[2]

Glicósidos dixitálicos[editar | editar a fonte]

Os efectos cardiotóxicos dos glicósidos dixitálicos son debidos ao aumento da concentración de Ca2+ intracelular. Os principais efectos secundarios destas substancias son: atraso da condución aurículo-ventricular, latidos ectópicos e bradicardia. Na sobredose pode aparecer taquicardia ventricular seguida, cando se agrava, de fibrilación ventricular.[2] , [4]

Catecolaminas e simpaticomiméticos[editar | editar a fonte]

A cardiotoxicidade inducida polas catecolaminas maniféstase por aumentos da frecuencia cardíaca, da demanda de osíxeno polo miocardio e da presión arterial sistólica. Estes efectos poden ir seguidos de hipoxia miocárdica e, se son o bastante graves, poden provocar lesións necróticas no corazón.[2]

Antraciclinas e outros axentes neoplásicos[editar | editar a fonte]

Os tratamentos antineoplásicos complícanse con frecuencia con toxicidade cardíaca. A doxorrubina e a daunorrubicina son dous fármacos antineoplásicos cuxa utilidade está limitada a causa da súa toxicidade. Os efectos tóxicos agudos, que se producen en menos do 1% dos pacientes, semellan aos dunha reacción anafiláctica, como taquicardia e arritmias, son aínda manexables e reversibles. A exposición prolongada ás antraciclinas adoita provocar a aparición de miocardiopatías ata nun 5% dos pacientes. Nos casos graves o cadro é de insuficiencia cardíaca conxestiva progresiva, e pode diagnosticarse ata 20 anos despois de rematalo tratamento. O risco de desenvolver unha cardiopatia increméntase de modo acumulativo ca dose de antraciclina.[2], [5], [6]

Antidepresivos tricíclicos[editar | editar a fonte]

A acción cardiotóxica dos antidepresivos tricíclicos estándar é considerable, sobre todo en casos de sobredose, pois producen alteracións do electrocardiograma e morte súbita de orixe cardíaco. Debido ao bloqueo α-adrenérxico periférico, o efecto cardiovascular máis destacado é a hipotensión postural. Moitos efectos secundarios destes fármacos atribuíronse as súas accións anticolinérxicas e adrenérxicas, pero os tricíclicos tamén exercen accións tóxicas directas sobre o corazón, concretamente sobre os miocitos e sobre as células de Purkinje, onde deprimen as correntes de entrada do Na+ e de saída do K+.[2]

Antipsicóticos[editar | editar a fonte]

Hai moitos axentes antipsicóticos que teñen efectos intensos sobre o sistema cardiovascular e que producen especialmente hipotensión ortostática. Ademais, poden alterar a función cardiovascular actuando indirectamente sobre o sistema nervioso vexetativo e o sistema nervioso central, e directamente sobre o miocardio.[2]

Anestésicos[editar | editar a fonte]

A anestesia xeral por inhalación diminúe o gasto cardíaco, deprime a contractilidade e produce arritmias. Estes anestésicos poden tamén sensibilizar ao corazón aos efectos arritmoxénicos da adrenalina endóxena ou aos agonistas dos receptores β-adrenérxicos. Os anestésicos locais dificultan a transmisión dos impulsos nerviosos en outros órganos excitables, como o corazón e o sistema circulatorio.[2]

Drogas de abuso[editar | editar a fonte]

Alcohol[editar | editar a fonte]

Toxicidade do alcohol en distintos órganos

A intoxicación etílica aguda produce atraso na condución e descenso no limiar para entrar en fibrilación ventricular (excitación repetida e rápida dos ventrículos).[7] No ser humano, o consumo prolongado de etanol asociouse a alteracións miocárdicas, arritmias e a un proceso coñecido como miocardiopatía alcohólica, cuxos síntomas poden ser análogos aos da insuficiencia cardíaca conxestiva. Os metabolitos do alcohol poden producir peroxidación dos lípidos dos miocitos cardíacos ou oxidación dos tioles das proteínas do citosol e da membrana. Porén, a OMS admite hoxe que a relación entre a inxesta de alcohol e as enfermidades cardiovasculares adopta forma de J, é dicir, que o risco para os abstemios é lixeiramente superior que para os bebedores moderados, e considerablemente inferior ao dos grandes bebedores.[2] , [8]

Cocaína e anfetaminas[editar | editar a fonte]

Aumentan a carga de traballo do corazón, o aumentar o ritmo cardíaco e a presión sanguínea. Son especialmente perigosos para persoas con anxina, hipertensión, arterioesclerose coronaria e enfermidades cerebrovasculares [7]. A cocaína, ademais compórtase como un anestésico local, e enlentece a condución do impulso ao bloquear de xeito reversible as canles de Na+.[2]

Substancias naturais[editar | editar a fonte]

Toxinas de animais e plantas[editar | editar a fonte]

Entre as toxinas que afectan ao corazón figuran as dos celentéreos, anémonas, actinias e corais, moluscos (conteñen un endecapéptido denominado eledoisina que por inxección produce depresión da contractilidade do miocárdio), abellas (conteñen substancias proteicas que son potentes despolarizantes das membranas celulares do miocardio), e serpes (as toxinas son complexas mesturas de proteínas que provocan cardiotoxicidade por despolarización irreversible das membranas celulares).[1]

Esteroides e hormonas afíns[editar | editar a fonte]

No miocardio existen receptores para os esteroides, e o corazón é órgano diana para os efectos desas hormonas. Inclúen estróxenos (alteran a proliferación dos fibroblastos cardíacos), andróxenos (a doses altas provocan hipertrofia cardíaca e infarto de miocardio), e glicocorticóides (estimulan directamente a fibrose cardíaca, favorecen o crecemento hipertrófico e alteran a expresión de varios transportadores de íons).[1]

Hormonas tiroideas como a triiodotironina e a tiroxina tamén actúan intensamente sobre o sistema cardiovascular. O hipotiroidismo asóciase a diminución da frecuencia cardíaca e do gasto cardíaco, mentres que o hipertiroidismo produce aumento da frecuencia, da contractilidade e do gasto cardíaco. As hormonas tiroideas favorecen o crecemento hipertrófico dos miocitos, alteran a expresión das proteínas cardíacas que regulan o Ca2+ do retículo sarcoplásmico e poden estimular a aparición de arritmias.[1]

Produtos industriais[editar | editar a fonte]

Disolventes[editar | editar a fonte]

Os disolventes industriais actúan a través do sistema nervioso, que é o responsable de regular a actividade eléctrica do corazón. Debido a súa elevada liposolubilidade, os disolventes poden atravesar as membranas celulares e alterar a súa fluidez, a transmisión de sinais e a fosforilación oxidativa. A súa influencia sobre a función cardíaca pode consistir tamén na liberación de certas hormonas circulantes, como as catecolaminas, vasopresina e serotonina. Dende un punto de vista xeral, os disolventes industriais teñen normalmente unha acción depresora sobre o sistema nervioso central e producen diminución da contractilidade miocárdica.[2]

Alcanos haloxenados[editar | editar a fonte]

Entre os alcanos haloxenados hai moitos axentes industriais e farmacolóxicos. As súas propiedades intensamente lipófilas permítenlles atravesar facilmente a barreira hematoencefálica, onde producen depresión do sistema nervioso central. Os hidrocarburos haloxenados reducen a frecuencia e a contractilidade cardíacas, e atrasan a condución dos impulsos.[2]

Metais pesados[editar | editar a fonte]

O cadmio, o chumbo e o cobalto teñen efectos inotrópicos e dromotrópicos negativos e tamén poden producir hipertrofia cardíaca. Os efectos cardiotóxicos dos metais pesados atribúense a súa capacidade para formar complexos coas macromoléculas intracelulares e exercer efectos antagónicos sobre o Ca+2.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Manuel Repetto (1988), Toxicología fundamental, Ed. Científico-Médica, Barcelona.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 Curtis D. Klaassen y John B. Watkins III (2005), Fundamentos de toxicología, Ed. McGraw-Hill Interamericana, Madrid
  3. Curtis D. Klaassen y John B. Watkins III (2001), Manual de toxicología, Ed. McGraw-Hill Interamericana, México.
  4. Jesús Flórez (2008), Farmacología humana, Ed. Elsevier Masson, Barcelona.
  5. Yeh ET, Bickfork CL.Cardiovascular complications of cancer therapy: incidence, pathogenesis, diagnosis, and management. J Am Coll Cardiol. 2009 Jun 16;53(24):2231-47.
  6. Kesavan Shan, A. Michael Lincoff, anda James B. Young, Anthracycline-Induced Cardiotoxicity Ann Intern Med. 1996;125:47-58.
  7. 7,0 7,1 Niesink, R.J.M., De Vries, J., Hollinger, M.A. “Toxicology Principles and Applications”. CRC Press. New York. 1996.
  8. Manuel Repetto (1995), Toxicología avanzada, Ed. Díaz de Santos, Madrid.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]