Cardamomo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Elettaria cardamomum

O termo cardamomo[1], emprégase para nomea-las especias procedente de tres xéneros da familia Zingiberaceae: Elettaria, Amomum e Aframomum. Esta planta empregouse por vez primeira cara ao ano 700, na India meridional. Importouse a Europa cara ao ano 1200. O cardamomo provén das selvas tropicais da India meridional, Sri Lanka, Malaisia e Sumatra pero na actualidade cultívase tamén no Nepal, na Tailandia e na América Central, sendo Guatemala, o meirande produtor mundial.

No continente asiático, o cardamomo recóllese sobre todo nas plantacións comerciais do sur da India e Sri Lanka, nos meses de outubro e decembro. Na Latinoamérica é coñecido polo xeral co nome de granado do paraíso.

Entre os seus compoñentes activos atopamos un 4% de aceite volátil incluídos o terpineol, o cineol, o limoneno, o sabineno e o pineno, amidón e ácidos graxos. Grazas a estes ingriedentes, o cardamomo é carminativo, estimulante, antiespasmódico, sialagogo -que provoca a secreción da saliva-, orexíxeno -que produce apetito- e aromático.

Esta herba pódese empregar para tratar a dispepsia ou indixestión flatulenta e aliviar os cólicos. Ademais, estimula o apetito e provoca unha maior produción de saliva. De igual forma, engádese ós purgantes como condimento carminativo, axuda a combater a halitose e pode contrarrestrar a diarrea.

Para consumilo debe prepararse unha infusión. Vérquese nunha cunca de auga fervendo sobre 1 cullerada de sementes acabadas de machacar e déixase repousar durante quince minutos. A dose é dunha cunca tres veces ao día, e para tratar a flatulencia ou a inapetencia, cómpre bebe-la media hora antes das comidas. Así mesmo, pode tomarse en forma de viño quente como reconstituínte e emprégase en po, tintura ou varias preparacións farmacolóxicas como aceites e extractos líquidos.

Adicionalmente, o cardamomo é moi empregado culinariamente, sobre todo na India, para engadir un sabor picante ás comidas a base de arroz. Pola súa parte, os árabes emprégano no café. Tamén se considera que ten efectos afrodisíacos.

Tipos de cardamomo e a súa distribución[editar | editar a fonte]

Os tres principais xéneros da familia do xenxibre que son xeralmente designadas como cardamomo teñen a seguinte distribución xeográfica:

  • Elettaria (ou cardamomo verde) distribúese da India até Malaisia.
  • Amomum (tamén designado como kravan, cardamomo de Xava, cardamomo de Bengala, cardamomo siamés, grans da Guinea ou grans do paraíso ou, aínda, cardamomo branco, cardamomo verde, cardamomo vermello e cardamomo negro) ten a súa área principal de distribución en Asia e Australia.
  • Aframomum (ou cardamomo de Madagascar) existe principalmente en África e Madagascar.

Emprego[editar | editar a fonte]

O cardamomo emprégase na gastronomía da India e na asiática na elaboración de carís, arroces, sobremesas, pasteis, pans, bolos, galletas e como aroma para bebidas como o . Nos países escandinavos emprégase en bolos e galletas xunto co cravo, o xenxibre e a canela.

Tamén se usa para prepara-lo café turco ou árabe. Á auga co café de gran acabado de moer engádense as sementes de cardamomo enteiras e déixase ferver, posteriormente engádese un pouco de auga fría para que decante o café moído e extráense as sementes de cardamomo. Isto confírelle ao café propiedades cordiais (tónico cardíaco) e carminativas (antiflatulento).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bigliografía[editar | editar a fonte]

  • Mabberley, D.J. (1996). The Plant-book: A Portable Dictionary of the Higher Plants. Cambridge University Press.