Carbia, Vila de Cruces
| Carbia | |
|---|---|
| Monte da Madanela en Carbia visto dende Dombodán, Arzúa | |
| Concello | Vila de Cruces |
| Área | - km² |
| Poboación | (Ano 2004) 535 hab. |
| Densidade | - hab./km² |
| Entidades de poboación | 8 |
San Xoán de Carbia é unha parroquia que se localiza no concello de Vila de Cruces. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 535 habitantes (275 mulleres e 260 homes), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 581 habitantes.
Índice |
[editar] Xeografía
A parroquia está flanqueada polos montes do Coto do Castelo, o de Alcobre e o Coto das Covas. O regato Breixa, á vez que rega os prados que acompañan o seu curso, move algúns vellos muíños, e outrora movía varios batáns, nunha terra con alta produción de lino.
O cume do monte Madanela (650 m.) en días de boa visibilidade permite unha panorámica da Galicia interior, cun alcance de ata cincuenta quilómetros.
[editar] Historia
No monte Alcobre, que xa mostraba un torreón no século XIII, foi elixido por un Fonseca no século XV para levantar sobre el unha efémera fortaleza.
A camposa cenital do monte Madanela estaba presidida no século XIV por unha capela adicada a Santa María Madalena; en 1493 foi aforada, co coto de Pastoriza, polo último abade de Carboeiro ao conde de Altamira. Na aba do monte Madanela hai un xacemento castrexo, A Eira dos Mouros, cun emprazamento nada estratéxico.
A parroquia era a capital tradicional da "Terra de Carbia", e despois foi capital do concello chamado Carbia ata 1944. O 19 de setembro de 1944 a sede do concello trasladouse a Vila de Cruces, tomando esta denominación oficialmente.
[editar] Patrimonio
A igrexa de San Xoán de Carbia foi construída en 1766 con intervención dos frades dominicos de Santiago, que deixaron nela o escudo da Orde como proba do seu señorío secular na parroquia (no lugar de Abella queda o recordo da tulla dous frades, onde gardaban as súas rendas de cereais). Os emigrados da parroquia en América contribuíron no século XX para facer mais alta e esvelta a torre do templo.
[editar] Persoeiros de Carbia
- O emigrante Manuel Iglesias (1870-1955), fabricou o primeiro coche de patente arxentina, que o pobo bautizou co nome de Mataperros. O concello dedicoulle unha rúa na vila.
[editar] Festas
Ademais da festa patronal de San Xoán, o segundo sábado de setembro celébrase a romaría da Nosa Señora das Pedras, que antigamente tiña unha capela no lugar de Casal.
[editar] Lugares e parroquias
[editar] Lugares de Carbia
| Lugares da parroquia de Carbia no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) | |
|---|---|
|
Abealla | O Abollo | O Casal | Covas | Pastoriza | A Pena | Pousadoiro | Serrape |