Carapuchiña Vermella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carapuchiña Vermella
Little Red Riding Hood - J. W. Smith.jpg
Carapuchiña Vermella
Ilustración de Jessie Willcox Smith, 1911
Título orixinal Le Petit Chaperon Rouge (francés), Rotkäppchen (alemán)
Autor Perrault, Irmáns Grimm
País Europa (Francia, Alemaña)
Tema(s) Conto
Xénero(s) Conto de fadas
Representación da Carapuchiña por Gustave Doré

Carapuchiña Vermella é un conto de fadas de transmisión oral, espallado por gran parte de Europa, que despois se plasmou en diferentes escritos; chamado así polo feito de que a nena protagonista leva sempre posta unha carapucha ou caparucha de cor vermella. O relato marca un claro contraste entre a aldea segura, e o bosque perigoso; unha contraposición habitual no mundo medieval.

Resumo[editar | editar a fonte]

Carapuchiña era unha rapariga que quería moito á súa avoíña; un día súa nai deulle un queipo cheo de comida para lle levar á súa avoa, que moraba nunha casa do bosque.

A nai advertiulle que mentres pasase pola fraga non saíse do camiño e non se entretivera. Carapuchiña, obediente, marchou á casa da avoa como a súa nai lle dixera.

Cando pasaba polo bosque, atopou o lobo, que lle preguntou a onde ía. Carapuchiña respondeulle que á casa da súa avoíña, que estaba doente, para lle levar algo de merenda, contándolle todo o que levaba no queipo.

Entón o lobo retou á Carapuchiña a facer unha carreira até a casa da vella. Díxolle que existían dous carreiros, un longo e outro curto, e que lle deixaría a ela tomar o curto, mais realmente foi el quen colleu o curto.

O lobo, que claramente chegou antes á casa da anciá, fíxose pasar por Carapuchiña trala porta. A avoa fíxoo pasar, dicíndolle que a porta estaba xa aberta, o lobo entrou, comeu a avoa dunha chanchada, e puxo a roupa desta para se facer pasar pola vella; despois deitouse e agardou á rapaza. Entrementres, Carapuchiña. Esquecendo o que a nai lle dixera, aínda fedellaba no bosque a apañar flores polo camiño longo.

Cando chegou á casa da avoa, petou na porta e ouviu que lle dicían que abrise a porta e que entrase. Carapuchiña fíxoo así, e xa dentro comezou a falar con quen cría a súa avoa (que era realmente o lobo). Este invitouna a se deitar con 'ela' para queceren un chisco.

C – Por que eses ollos tan grandes?

L – Ó miña ruliña, son para te enxergar mellor.
C – Por que esas orellas tan grandes?
L – Son para te ouvir mellor.
C – E por que esa boca tan grande?.

L – É para te comer mellor!![1]

Versións[editar | editar a fonte]

Charles Perrault[editar | editar a fonte]

Perrault foi o primeiro que recolleu a historia e a incluíu nun volume de contos no ano 1697, no que salientaba sobre os outros por ser, máis ca un conto, unha lenda bastante cruel, destinada a previr ás nenas de encontros con descoñecidos, e cuxo ámbito territorial non ía máis aló da rexión do Loira, a metade norte dos Alpes e o Tirol.

Este autor suprimiu o lance no que o lobo, xa co disfrace da avoa, convida á nena a xantaren carne e sangue, pertencentes á coitada da vella que acababa de desmembrar. No mesmo ca no resto dos seus contos, quixo dar unha lección moral ás rapazas que falaban con descoñecidos, engadindo unha mensaxe moral explícita, inexistente até entón na historia.

Irmáns Grimm[editar | editar a fonte]

Ilustración inglesa de BJZ, imprenta Kronheim & Co.,1868, para unha edición neerlandesa.

No 1812, os irmáns Grimm, viraron doutra volta a historia. Retomaron o conto, e escribiron unha nova versión, que foi a que converteu á Carapucha nun personaxe de sona universal, sendo quizais hoxe o conto máis lido.

Malia o que se poida pensar, os irmáns Grimm non só transcribiron verba por verba a tradición oral. Partiron de tres fontes: a primeira, o conto de Perrault de 1697; a segunda, unha versión oral dunha moza que tivera acceso a unha boa educación, e que, polo tanto, é probábel que coñecese o escrito de Perrault; e a terceira, unha obra escrita no 1800 polo autor Ludwig Tieck, "Leben und Tod des kleinen Rotkäppchens: eine Tragödie" ("Vida e morte da cativa Carapuchiña Vermella. Unha traxedia"), na que se introduce a figura do home que fende leña no monte, e que salva á meniña e mais á avoa.

Os irmáns Grimm escribiron unha versión máis inocente, e con menos elementos eróticos que as publicadas anteriormente. Ademais engadiron un final feliz para o conto, tal e como acostumaban ter os contos da época.

Propuxeron un final alternativo, no que un pouco antes de que o lobo comese a Carapuchiña, ela berra e o leñador que andaba preto acode á nena, mata o lobo, ábrelle o bandullo e tira á avoa milagrosamente viva.

Outra versión que tamén se lle adxudica aos irmáns Grimm é na que a avoa, salva á súa neta e a si mesma sen axuda algunha. Este segundo final enlaza coa tradición italiana do conto, no que a muller sabe apañarse soa ante a ameaza do perigo.

Icona popular[editar | editar a fonte]

«Era unha vez...». Cartaz norteamericano de 1939.

Carapuchiña vermella é toda unha icona da cultura popular e, en moitas ocasións, ten influído na sociedade urbana na crenza de que o lobo é perigoso para os seres humanos. En troques a outras obras e mitos coma o de Rómulo e Remo[2] ou O libro da selva,[3] onde son as lobas as que coidan aos cativos, protéxenos e quécenos, até se valeren por si mesmos, este conto presenta un lobo intelixente e cruel.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

  • La finta nonna ("A falsa avoa").[4][5]
  • Le Petit Chaperon Rouge ("A Carapuchiña Vermella")[6][7] dentro de Histoires et contes du temps passé, avec des moralités. Contes de ma mère l'Oye ('Historias e contos do pasado con moralidade. Contos de miña nai a Gansa')[8] en 1697 por Charles Perrault.
  • Rotkäppchen dentro de Kinder- und Hausmärchen ('Contos da nenez e do fogar'), en 1812, polos irmáns Grimm.
  • Tokyo Akazukin é un manga xaponés creado por Benkyo Tamaoki, que describe a historia dunha rapariga chamada Akazukin (que literalmente significa Carapuchiña Vermella) que só ten un desexo na vida: ser devorada por unha criatura chamada Sr. Lobo.
  • O filme de animación Hoodwinked! (en Galicia co título castelán: La increible pero cierta historia de Caperucita Roja).

Tamén se fixeron dous filmes de terror, obras pornográficas[9] e adaptacións aos tempos actuais substituíndo aos protagonistas e locais por elementos de Internet ou cambiando os personaxes por persoas reais.

No filme Hard Candy (2005), a rapaza que interpreta Ellen Page aparece ao final do filme vestida cunha carapucha encarnada, en alusión ao seu personaxe que semellaba (tan só) unha nena indefensa.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A partir de aquí é cando se dan as diferenzas máis importantes entre as versións antigas máis espalladas.
  2. Virxilio Marón, Publio, La Eneida. Madrid: Espasa-Calpe, 2007. ISBN 84-670-2233-7
  3. Kipling, Rudyard, Cajón de cuentos. Barcelona: Zendrera Zariquiey, 2002. ISBN 84-8418-108-1
  4. [4]
  5. [5]
  6. [6]
  7. [7]
  8. [8][9]
  9. Cohn, Gary (guion) & Texeiro, Mark (ilustración), Red. http://673.gxp-network.com/members/comics-gal/red-riddinghood/html/01.html, última visita 31 de enero de 2007.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carapuchiña Vermella

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]