Capnófilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A bacteria Campylobacter é un exemplo de capnófilo.

Os capnófilos son microorganismos que proliferan en presenza de altas concentracións de dióxido de carbono (CO2).

Algúns capnófilos poden necesitar metabolicamente o dióxido de carbono, mentres que outros non o necesitan, pero compiten con maior éxito polos recursos nesas condicións, xa que moitos outros microorganismos non poden resistir niveis tan altos de CO2. Trátase dun termo descritivo xeral e ten pouca relevancia á hora de establecer unha relación taxonómica ou evolutiva entre organismos que compartan esta característica.[1] Por exemplo, a capacidade dos capnófilos de tolerar (ou ás veces utilizar) a cantidade de oxíxeno que tamén está presente no seu ambiente pode variar grandemente e pode ser moito máis importante para a súa supervivencia. Especies de bacterias do xénero Campylobacter son capnófilos que son máis doadas de identificar porque son tamén organismos microaerófilos, é dicir, que poden crecer en altas concentracións de dióxido de carbono con tal de que haxa tamén unha moi pequena cantidade de oxíxeno libre.[1] (Na atmosfera terrestre os niveis de dióxido de carbono son aproximadamente 500 veces menores que os de oxíxeno, 0,04% e 21% do total, respectivamente). Os anaerobios obrigados son microbios que morren en presenza de oxíxeno sen importar a concentración de dióxido de carbono que haxa no seu ambiente, e obteñen enerxía da respiración aerobia ou da fermentación.

En 2004, caracterizouse unha bacteria capnófila que requiría dióxido de carbono chamada Mannheimia succiniciproducens, a cal ten un peculiar metabolismo no que se produce a fixación do carbono.[2][3] Aínda que a fixación do carbono é normal entre as plantas e outros seres fotosintéticos durante a fase escura da súa fotosíntese, atópase en relativamente poucos microorganismos e non se dá en animais. Mannheimia succiniciproducens pode fixar dióxido de carbono no esqueleto de tres carbonos da molécula de fosfoenolpiruvato, un produto final da glicólise, para xerar o composto de catro carbonos ácido oxalacético, que é un intermediario do ciclo de Krebs (hai plantas con fotosínteses especiais, C4 e CAM, que tamén o fan). Aínda que Mannheimia succiniciproducens ten a maioría dos intermediarios do ciclo de Krebs, non pode facer a fosforilación oxidativa para producir enerxía.[2][3]

Patoxenicidade[editar | editar a fonte]

Actualmente hai polo menos dous grupos de microorganismos capnófilos ben caracterizados que son patóxenos humanos. As especies capnófilas do xénero Campylobacter poden causar trastornos intestinais.[1] Outros patóxenos capnófilos son os do xénero gramnegativo Aggregatibacter, que se encontran na boca (por exemplo, Aggregatibacter actinomycetemcomitans). Estes causan unha periodontite agresiva xuvenil.[4]

Porén, os capnófilos forman parte da flora normal dalgúns ruminantes. Mannheimia succiniciproducens foi illada no rume bovino. As súas características metabólicas e o seu carácter benigno atraeron o interese comercial por ela.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Black, Jacquelyn (2005). Microbiology: Principles and Explorations. USA: John Wiley and Sons. pp. 154. ISBN 978-0-471-42084-2. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Hong, Soon Ho; Kim, Jin Sik, Lee, Sang Yup, In, Yong Ho, Choi, Sun Shim, Rih, Jeong-Keun, Kim, Chang Hoon, Jeong, Haeyoung, Hur, Cheol Goo, Kim, Jae Jong (2004). "The genome sequence of the capnophilic rumen bacterium Mannheimia succiniciproducens". Nature Biotechnology 22 (10): 1275–1281. PMID 15378067. doi:10.1038/nbt1010. 
  3. 3,0 3,1 3,2 The genome sequence of the capnophilic rumen bacterium Mannheimia succiniciproducens (Nature magazine).
  4. Bhattacharjee, MK; Childs (June 2011). "Sensitivity of the periodontal pathogen Aggregatibacter actinomycetemcomitans at mildly acidic pH". J Periodontol. 82 (6): 917–925. PMID 21091350. doi:10.1902/jop.2010.100590.