Canle de Castela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Canle de Castela
A Canle de Castela nas proximidades de Medina de Rioseco
PaísEspaña España
NacementoAlar del Rey (Palencia
Lonxitude207 km
ConcaHidrográfica do Douro
DesembocaduraRío Carrión, río Pisuerga

A canle de Castela é unha obra de enxeñaría hidráulica feita co propósito de facilitar o transporte de trigo de Castela ata os portos do norte e dende alí a outros mercados. Percorre parte das provincias de Burgos, Palencia e Valladolid, na comunidade autónoma de Castela e León. Foi realizada entre mediados do século XVIII e o primeiro terzo do XIX, se ben a chegada do ferrocarril logo fixo que quedase obsoleta. Está declarada como Ben de interese cultural, RI-53-0000397, na categoría de Conxunto Histórico Artístico dende o 13 de xuño de 1991.[1] Orixinalmente concibida como unha rede de catro canles que unirían Segovia con Reinosa, só se chegaron a construír tres ramais (o Norte, o Sur e o de Campos).[2] Cunha anchura que varía entre 11 e 22 metros, a canle discorre ó longo de 207 quilómetros, atravesando 38 termos municipais,[3] e unindo as localidades de Alar del Rey (Palencia), onde ten o seu nacemento, coas de Valladolid e de Medina de Rioseco, situadas respectivamente ó final dos ramais Sur e de Campos (a Canle ten forma de Y invertido). Ten un desnivel total de 150 metros.[3]

Embarcadoiro da Canle de Castela en Medina de Rioseco.
Canle de Castela, dársena de Valladolid. A idea desta canle era a de servir como vía de comunicacións e transporte que solucionase o problema de illamento que sufría a meseta castelá, debido ao relevo do cordal Cantábrico e a unha deficiente rede viaria, que facían case imposible o transporte dos produtos agrarios da rexión.
Unha das esclusas da canle.

A meirande parte da canle discorre pola provincia de Palencia (o ramal Norte por completo e tamén unha parte dos ramais Sur e de Campos). Nela sitúanse dous dos puntos máis emblemáticos da infraestrutura. O primeiro é o cruzamento co río Carrión, en Calahorra de Ribas (concello de Ribas de Campos), que lle fornece augas. O segundo e El Serrón (concello de Grijota), onde a canle galla nos ramais de Campos (cara a Medina de Rioseco) e do Sur (cara a Valladolid). Poucos quilómetros augas abaixo, o ramal Sur flanquea a cidade de Palencia polo oeste, coa cal se comunica mediante unha dársena que chega deica a beira mesma do río Carrión, construída para facilitar as tarefas de carga e descarga.

En Calahorra de Ribas pódese ler un monumental fito erixido para conmemorar a unión dos ríos Carrión e Pisuerga en agosto de 1791:

No Reinado do Señor Don Carlos IV e da súa muller Dona Luísa María a expensas do Real Erario, sendo Ministro do Excmo Señor Conde de Lerena, baixo cuxas ordes dirixiu a obra o Coronel Juan de Homar, Cabaleiro de Calatrava. Era o Conde de Lerena, Don Pedro López de Lerena Cuenca, Ministro de Facenda naqueles anos.

Precedentes[editar | editar a fonte]

Pedro López de Lerena.

Os antecedentes desta grande obra hidráulica remóntanse ós séculos XVI e XVII. O desenvolvemento de sistemas de navegación interiores en Europa, que fomentará o comercio e o regadío, tradúcense en España en estudos dirixidos por Bartolomé Bustamante en 1549 sobre as posibilidades que ofrecía a conca do Pisuerga.

O século XVIII retomáronse estes vellos proxectos en tempos de Fernando VI por iniciativa do Marqués da Ensenada. A idea ilustrada da mellora das comunicacións interiores como fomento da actividade económica tomará corpo con dúas realizacións fundamentais: a Canle Imperial de Aragón e a Canle de Castela.

A obra[editar | editar a fonte]

A canle de Castela, o proxecto máis importante de enxeñaría civil da España Ilustrada, tiña por obxectivo principal servir como vía de comunicación e transporte que solucionase o problema de illamento que sufría a meseta castelá, debido a un relevo complicado e a unha deficiente rede viaria, que facía case imposible o transporte dos produtos agrarios da rexión.

A mediados do século XVIII, o rei Fernando VI e o seu ministro, o Marqués da Ensenada, empezaron a pensar nun plan para potenciar a economía de España, e entón o Marqués suxire a Fernando VI a construción dunha rede de camiños e canles de transporte pensados para Castela, ó ser, por entón, a principal produtora de cereais. Dous anos despois, Antonio de Ulloa, prestixioso enxeñeiro, presenta o Proxecto Xeral das Canles de Navegación e Rego para os Reinos de Castela e León inspirado en anteriores traballos do francés Carlos Lemaur.

As obras da canle comezaron o 16 de xullo de 1753 en Calahorra de Ribas, baixo a dirección de Antonio de Ulloa e o enxeñeiro xefe Carlos Lemaur, no tramo coñecido como Ramal de Campos. Ó ano de iniciarse paralízanse as obras, tendo construídos ata entón 25 km, dende Calahorra de Ribas. Máis tarde, en 1759, as obras continúanse, pero esta vez inícianse no estreito de Nogais, cerca de Alar del Rey, foi así como comezou a construción do Ramal do Norte, sendo finalizadas as obras deste ramal en agosto de 1791, cando as augas do Norte se unen coas do Ramal de Campos no lugar de Calahorra de Ribas.

Ó ano seguinte da finalización do Ramal Norte iniciase a navegación en Alar del Rey, á vez que se comezan as obras do Ramal Sur ata Valladolid. A Guerra da Independencia e as posteriores crises política, económica e social ocasionaron grandes estragos no xa construído, e obrigaron a paralizar as obras en Soto Alburez no ano 1804.

O rei Fernando VII, vendo que o Erario Público non era capaz de seguir financiando o custo da obra, dita en setembro de 1828, unha Real Orde para que o proxecto puidera ser realizado por unha empresa privada. Desta forma, en 1831 o Estado concede á Compañía da Canle de Castela a explotación da Canle durante 80 anos, unha vez terminadas as obras. A cambio comprométese a finalizar as obras en sete anos. De novo a guerra impide o cumprimento dos prazos establecidos, polo que é necesario un novo contrato mediante o cal se acurta o prazo de explotación a 70 anos, e amplíase o prazo para realizar as obras. Unha vez privatizada a súa construción, en 1835 finalizase o Ramal do Sur coa chegada das augas ó río Pisuerga en Valladolid, e en 1849 finalízase o Ramal de Campos baixo o reinado de Isabel II.

Así o 14 de decembro de 1849 comeza a explotación da Canle de Castela pola Compañía da Canle de Castela e un período de 70 anos, revertindo despois ó Estado, que o administrará dende entón, dependendo da Confederación Hidrográfica do Douro. Aínda que a navegación comezou a finais do século XVIII, a época de maior esplendor tivo lugar entre os anos 1850–1860, cando as barcas que sucaban a Canle superaban as 350. Pero foi a partir da apertura da liña férrea Valladolid–Alar del Rey, cun trazado case paralelo ó da Canle de Castela, cando se limita e cede a súa utilización coma vía de transporte e comunicación.

Non obstante a súa conca segue proporcionando outros usos derivados da forza motriz, xerando un desenvolvemento económico e industrial nas localidades polas que discorre e propiciando que nazan fábricas de papel, fariña, coiros, muíños, armas e incluso estaleiros.

Aproveitamento económico[editar | editar a fonte]

A navegación comercial de grans por medio de barcazas foi o principal recurso ata 1860 no que se inaugura a liña ferroviaria Venta de BañosAlar del Rey. O ferrocarril Valladolid–Medina de Rioseco supuxo, por último, o colapso do tráfico de mercadorías. O aproveitamento da forza motriz nas esclusas —muíños fariñeiros, batáns etc.— e a utilización de auga para rego agrícola —23 000 hectáreas— serán as principais utilidades dende a segunda metade do século XIX.

Actualmente o principal uso económico directo é o regadío, deixando abandonada a navegación en 1959.

Outro recurso moi explotado no presente século comeza a ser a promoción turística deste gran legado arquitectónico que a Canle de Castela constitúe.

En 2010 está previsto comezar a celebración dun acontecemento cicloturista, o Gran Premio Canle de Castela, que tentará de facer resurdir o pasado esplendor da Canle de Castela a través da promoción dos seus valores patrimoniais e naturais a través desta proba deportiva, que nun futuro próximo pretende converterse en carreira ciclista profesional.

O Gran Premio Canle de Castela combina tramos asfaltados con tramos onde os ciclistas circularán polas sirgas, dotando á proba dunha espectacularidade inspirada nas grandes carreiras clásicas centroeuropeas, como a París-Roubaix ou o Tour de Flandres.

Zona de interese histórico e natural[editar | editar a fonte]

Dársena da canle en Medina de Rioseco, con edificios de antigos almacéns de grao (esquerda) e a fábrica de fariñas de San Antonio (dereita).
Ponte da Canle de Castela.

Na actualidade, este grande Y invertido que percorre de norte a sur a autonomía castelano-leonesa conserva un valioso conxunto de esclusas, muíños de fariña, almacéns e dársenas de grande interese histórico. Ademais, proporciona abastecemento de auga a núcleos urbanos, regadíos ó campo e espazos culturais e de lecer a veciños e visitantes. Están a realizarse distintos investimentos para recuperalo e darlle unha saída dentro do turismo rural á vez que se acondicionan os seus camiños como vías de cicloturismo, xa que nas súas beiras xurdiron diversos ecosistemas de ribeira, cunha primeira franxa de vexetación higrófila formada por carrizos e espadanas, unha segunda franxa similar a un bosque de galería (olmos, lamigueiros, álamos brancos, freixos, salgueiros, alixos, madreselvas, ...); e unha terceira franxa de arbustos. Entre a fauna destacable temos aguiachos lagoeiros, numerosas ardidas, anseriformes e Podicipediformes, entre outros.

Co paso do tempo, nas marxes da Canle de Castela foron formándose unha serie de brañas de alto valor ecolóxico, que representan unha illa de biodiversidade dentro da paisaxe homoxénea de Terra de Campos. Estas brañas teñen unha extensión variable: algunhas non chegan a ocupar nin unha hectárea mentres que outras superan as 20. O seu alto valor ecolóxico está relacionado coa súa diversa vexetación acuática e co importante número de especies vertebradas que albergan.[4] Dentro das aves, na Canle hai 121 especies de aves nidificantes e tamén aves invernantes e aves migradoras e accidentais; 42 especies de mamíferos, 15 delas insectívoras; 11 especies de anfibios e 14 de réptiles e 14 especies de peixes. Estes valores medioambientais fixeron que se incluíra dentro da Rede Natura 2000, xa que a maior parte das brañas foron declaradas como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), estando á vez incluídas no Catálogo Rexional de Zonas Húmidas. Mais, este grao de protección non foron abondo e actualmente as lagoas da Canle de Castela contan cun estado de conservación deplorable e incluso algunhas desapareceron.

Ramal norte[editar | editar a fonte]

O ramal norte, de 75 km, é o ramal con máis desnivel, requirindo a construción de 24 esclusas. Toma as súas augas do río Pisuerga, en Alar del Rey, e finaliza no río Carrión, en Calahorra de Ribas.[3]

Municipios polos que discorre o ramal norte[editar | editar a fonte]

Ordenados de norte a sur e de leste a oeste.

Provincia de Palencia[editar | editar a fonte]
Provincia de Burgos[editar | editar a fonte]
Provincia de Palencia[editar | editar a fonte]

Ramal de Campos[editar | editar a fonte]

Ramal de Campos da Canle de Castela (Medina de Rioseco).

O Ramal de Campos, de 78 km, é o ramal con menos desnivel, requirindo a construción de 7 esclusas. Comeza en Calahorra de Ribas e segue ata Medina de Rioseco.[3]

Municipios polos que discorre o ramal de Campos[editar | editar a fonte]

Provincia de Palencia[editar | editar a fonte]
Provincia de Valladolid[editar | editar a fonte]

Ramal sur[editar | editar a fonte]

O ramal sur, de 54 km, ten 18 esclusas. Comeza na bifurcación do Ramal de Campos en Serrón, e segue ata Valladolid.[3]

Municipios polos que discorre o ramal sur[editar | editar a fonte]

Provincia de Palencia[editar | editar a fonte]
Provincia de Valladolid[editar | editar a fonte]
O barco Antonio de Ulloa percorre a canle.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ministerio de Cultura, Patrimonio Histórico.
  2. Historia da Canle de Castela Arquivado 20 de xuño de 2012 en Wayback Machine., no seu sitio web oficial.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Guía da Canle Arquivado 06 de outubro de 2014 en Wayback Machine.. Consultada o 6 de agosto de 2012.
  4. «Flora y fauna vertebrada del Canal de Castilla» Arquivado 28 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. Fundación Saber. Consultado o 6 de agosto de 2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]