Cancro facial do diaño de Tasmania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O cancro facial do diaño de Tasmania causa tumores na boca e no rostro, dificultando a alimentación dos animais e levándoos a que morran de fame


O cancro facial do diaño de Tasmania, tamén coñecido polas súas iniciais en inglés DFTD, é un cancro contaxioso que afecta os diaños de Tasmania.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro rexistro da enfermidade remóntase a 1995[1][2], cando un fotógrafo de animais retratou tres individuos de diaño de Tasmania con deformacións faciais. As fotografías foron tomadas na costa leste da illa de Tasmania.

Na década seguinte, comezaron a proliferar os avistamentos, concentrados ao comezo na costa oriental da illa, e progresando cara ao oeste conforme pasou o tempo. As primeiras investigacións, que non se iniciaron ata 1998[3]. Dende 1995 ata 2005 a poboación da criatura na illa reduciuse entre un 20% e un 50%[4][5] Nas poboacións máis compactas do leste as cifras achegáronse ao 100% de mortandades.[6].

As principais hipóteses de traballo para determinar as causas das malformacións cancerosas foron axentes químicos (como pesticidas e velenos), virus e bacterias. Porén, a distribución xeográfica dos primeiros casos (en parques nacionais onde era moi estraña a presenza de produtos químicos, así como os elevados niveis de inmunodeficiencia, mesmo nos individuos enfermos, levaron a descartar esas opcións[7][8]. Non foi ata 2005 que un grupo de traballo liderado pola científica Anne-Maree Pearse propuxo a hipótese dun cancro contaxioso. Diversas análises posteriores confirmaron a hipótese ao identificar un patrón xenético no cancro distinto do dos animais portadores[9][10][11] , é dicir, os animais recibían o cancro por contaxio doutro individuo, que tamén á súa vez o recibiría dun individuo anterior. A pregunta nese momento era por que un sistema inmunolóxico tan resistente coma o dos diaños de Tasmania non detectaba o cancro como un corpo estraño e o rexeitaba. A resposta atopárona os científicos na alta taxa de endogamia, nunha especie que estivo próxima da extinción nos anos corenta do século XX, e que se recuperou a partir de poucas cepas xenéticas[12][13][14].

Características[editar | editar a fonte]

Os signos máis visíbeis desta enfermidade son tumores externos, protuberantes e a miúdo en carne viva, que se presentaban no interior da boca, no contorno da boca, faciana e cabeza (85% dos casos) e ademais polo resto do corpo (15% dos casos)[15]. O tumor dificulta a alimentación do animal e acaba por matalo coa fame.

O cancro é un tumor neuroendocrino, e as súas células comparten un mesmo patrón de cromosomas[16]. A vía de transmisión principal é a trabada por parte doutro individuo, que inocula directamente as células cancerosas dende a súa boca na boca, cabeza ou corpo do outro individuo. Dado o comportamento agresivo destes animais, as feridas son frecuentes cando loitan pola comida ou no apareamento. Por esa razón o número de cancros era moito máis elevado en machos do que en femias, e practicamente non existía en individuos xuvenís.

Identificáronse cando menos nove cepas distintas deste cancro, que demostran que a enfermidade está a evoluír e que se está a facer máis virulenta[17]. A proliferación de cepas dificultou os intentos de atopar unha vacina, e podería dar lugar a que se transmitise a outras especies, coma o quoll.[18]. O diaño de Tasmania ten 7 pares de cromosomas, mentres que as células tumorais só conteñen 13[19].

A enfermidade ten anomalías no cariotipo semellantes as do cancro canino de transmisión venérea ou CTVT, un tumor que afecta os cans e que se contaxia por contacto sexual[20][21].

Conservación da especie[editar | editar a fonte]

En resposta á virulencia da enfermidade, 47 individuos foron levados a parques naturais na illa de Australia para preservar a diversidade xenética da especie. Tamén se están a levar prácticas de eliminación selectiva dos individuos infectados, con algúns resultados exitosos[22][23].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Loh, Richmond. 2003. Tasmanian Devil (Sarcophilus harrisii) facial tumour (DFT). Comunicación presentada no Devil Facial Tumour Disease Workshop, Sir Raymond Ferral Centre, Universidade de Tasmania, Newnham, 14 de outubro de 2003, p. 2.
  2. Experts tackle the devil's tumour, BBC, 20 de febreiro de 2007.
  3. Mutation Devils, National Geographic Society
  4. DPIWE. 2005. Devil Facial Tumour Disease - Update June 2005
  5. DPIWE. 2005. Tasmanian Devil Facial Tumor Disease, Disease Management Strategy
  6. DPIWE. Disease Affecting Tasmanian Devils
  7. Mutation Devils, National Geographic Society
  8. Owen, David and Pemberton, David. 2005. Tasmanian Devil: A unique and threatened animal. Crows Nest, Australia: Allen & Unwin. ISBN 1-74114-368-3
  9. Pearse, A-M., Swift, K., Allograft theory: Transmission of devil facial-tumour disease, Nature, 2006, n. 439, 7076, px. 549
  10. Tasmanian devils felled by rare cancer, New Scientist, 1 de febreiro de 2006.
  11. Gramlin, Carolyn: Poor Devils: Critters' fights transmit cancer, Science News, 4 de febreiro de 2006.
  12. Mutation Devils, National Geographic Society
  13. Leung, Chee Chee: Extinction warning for Tassie devils, The Age, 4 de outubro de 2007.
  14. "Scientists make progress in understanding Tasmanian devil disease". International Herald Tribune. 2007-10-09. http://www.iht.com/articles/2007/10/09/news/devil.php.
  15. Mutation Devils, National Geographic Society
  16. Bostanci, A., A Devil of a Disease, Science, 307 / 2005, px. 1035
  17. Disease Setback For Tasmanian Devil Tumour Evolving With Nine Strains Now Identified, The Examiner
  18. New Tas devil tumour strands 'harder to vaccinate' - ABC News (Australian Broadcasting Corporation)
  19. "Bites spread fatal 'devil' cancer". BBC. 2006-02-02. http://news.bbc.co.uk/2/hi/science/nature/4674446.stm.
  20. Bostanci, A., A Devil of a Disease, Science, 307 / 2005, px. 1035
  21. "Study Finds That a Type of Cancer in Dogs Is Contagious". The Washington Post. 11 de agosto de 2006. http://www.washingtonpost.com/wp-dyn/content/article/2006/08/10/AR2006081001535.html.
  22. Scientific American, marzo de 2007
  23. Contagious cancer: the evolution of a killer, David Quammen, Harper's Magazine, Abril de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]