Can de palleiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Can de Palleiro.
Can de Palleiro
Can de palleiro

O can de palleiro é unha raza de cans de orixe galega. A súa función zootécnica ou da raza é a de can pastor e tamén de garda.

Índice

[editar] Breve resumo histórico

[editar] Orixe da raza

É un can do tronco indoeuropeo, o seu agriotipo foi o principal antepasado dos cans de pastoreo do centro de Europa, acompañando os pobos precélticos atlánticos que poboaron a vertente atlántica noroccidental da Península Ibérica. Comparte unha orixe común cos pastores belgas, neerlandeses, de Picardía, Castro Laboreiro, alemáns, etcétera. Uns máis mesturados que outros, como o Pastor Alemán. Curiosamente, o Can de Palleiro é unha raza natural

É o can de granxa típico que existiu desde sempre en Galicia. Recibe o nome de Can de Palleiro en alusión ó palleiro onde adoitaba durmir.

[editar] Área de orixe e dispersión

Comprende toda a zona atlántica noroccidental da Península Ibérica, atopándose en toda Galicia, ó longo do agro galego. Hai animais por terras de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada (Pontevedra), nos concellos ourensáns de Allariz, Celanova, Xinzo de Limia, A Merca, O Irixo, en terras dos Ancares e interior da provincia de Lugo, así como por distintas zonas da provincia da Coruña.

[editar] Prototipo racial

[editar] Características xerais

[editar] Aparencia xeral

Este animal é de tronco indoeuropeo, rústico e rexo, de tipo lupoide, de perfil recto, eumétrico, de tamaño medio, duns 60-62 cm á cruz; mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos, característica da súa rusticidade. As femias son algo máis baixas, de aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas. A pesar de presentar unha osamenta forte non dá unha sensación de pesadez ou de animal linfático, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación.

[editar] Temperamento e comportamento

É un can pastor e de garda, polivalente, pois tanto vai coas vacas arreándoas e gardándoas como tamén coida da casa. Presenta un carácter forte e reservado cos estraños, sendo ademais valente e traballador, características que o fan un gran colaborador na condución e garda do gando. Cunha gran fidelidade para co seu amo, coa xente da casa tórnase doce e tranquilo. É necesario destaca-la estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, propio dun can pastor.

[editar] Características rexionais

[editar] Cabeza

A cabeza é forte, cunha lonxitude aproximada de 4/10 a alzada á cruz, en forma dunha pirámide horizontal, con óso denso, proporcionada coa conformación do animal. O cranio é plano e largo, con arcos superciliares suavemente marcados e concas orbitarias pouco apreciables. A depresión frontonasal non é moi evidente. O nariz e o fociño son medianos e angostos, proporcionais ás dimensións da testa. Os beizos son normais e apertados (sen que o superior supere a base das enxivas inferiores), non teñen tendencia a ser colgantes. As mandíbulas son fortes, con arcada dentaria completa e ortognatos, coa trabada en tesoira. Os ollos son de mediano tamaño e de expresión vivaz, de cor variable, desde castaña escura nas capas negras, ata a cor mel ou amarela. Nalgúns exemplares, a pigmentación das pálpebras é negra. As orellas son de inserción alta, grandes e erguidas, cunha implantación un pouco aberta.

[editar] Pescozo

Presenta un pescozo musculoso e proporcionado coa cabeza e o tronco. Debe formar un ángulo coa horizontal de 45º, a elevación é máis evidente co can en acción. A pel non forma papada.

[editar] Tronco

O corpo no seu conxunto é mediano aínda que lixeiramente alongado. A cruz é forte para a inserción co pescozo; a liña dorso-lumbar debe ser lixeiramente descendente, sen enselarse, con lombo curto, ancho e forte, a cruz dos cadrís é redondeada. O peito é longo e profundo, o seu perímetro supera en ¼ a súa alzada á cruz, con fortes costelas que non son aplanadas nin pronunciadas. O abdome é curto e lixeiramente ascendente ós pregamentos do ventre. O rabo é groso, de nacemento alto e presenta abundante e denso pelo, en movemento elévao pero non o leva enroscado na cruz dos cadrís.

[editar] Extremidades

As extremidades son rectas e ben verticais, presentando unha forte estrutura ósea.

  • As extremidades anteriores son fortes, secas, paralelas e ben verticais. A escápula forma un ángulo de 45º coa horizontal, uníndose co brazo en ángulo recto (articulación escápulo-umeral). O brazo é forte e musculoso. Os cóbados non deben estar moi separados nin apertados ó peito, con liberdade de movementos. Os antebrazos son rectos e diminúen o seu grosor de xeito gradual ata as cuartillas. Os carpos son de bo desenvolvemento e fortaleza. Os metacarpos están ben proporcionados, con bo desenvolvemento óseo. Os pés son ovalados, aínda que con certa tendencia a ser redondeados; con dedos grosos e curtos, ben pechados, con almofadas plantares moi duros e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou tamén brancas nas capas claras.
  • As extremidades posteriores son fortes, paralelas, perfectamente verticais posteriormente e con angulacións evidentes. Ten un pernil largo, musculoso e flexible, e xeonllos e pernas fortes. Xarretes fortes e paralelos, metatarsos sólidos, robustos e paralelos, pés ovalados, con tendencia a redondearse, con dedos grosos e curtos, ben pechados, almofadas plantares moi duras e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou branca, nos animais de capa clara. A presencia de esporón e sexta unlla é relativamente frecuente, aínda que non é desexable.

[editar] Movemento

Os movementos son áxiles e fortes. O movemento habitual é o paso, trocando ó trote e/ou galope sen esforzo se o traballo o require.

[editar] Manto

  • Pel. A pel tende a ser grosa, sen flaccidez, adherida ó corpo e á testa.
  • Capa. A capa (cor) é normalmente uniforme, presentando unha gran variedade desde areas, canelas, castaños, leonados e incluso negros. En ocasións poden presentarse exemplares coa capa binaria alobada (pelos de cor amarela e nas puntas, negra), coa mestura íntima de pelos amarelos e escuros, amarelando no pescozo, gorxa, peito e extremidades.
  • Pelo. É espeso, tupido e denso, máis no inverno, por ser un animal que adoita vivir ó pé da casa, sempre fóra, co gando ou no palleiro.

[editar] Tamaño e peso

  • Alzada á cruz. Machos: 59-65 cm; femias: 57-63 cm.
  • Peso. Machos: 30-38 kg; femias: 25-33 kg.

[editar] Véxase tamén

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas