Canón do Eume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O canón do Eume desde o mosteiro de Caaveiro.

Coñécese como canón do Eume un treito do curso medio-baixo do río Eume caracterizado polo encaixe do leito do río nun abraiante desfiladeiro que dá lugar a un profundo val. Gran parte do canón áchase baixo as augas do encoro do Eume. A parte non asulagada forma parte da Reserva Integral do parque natural das fragas do Eume.

No punto onde se construíu a presa do encoro, as paredes graníticas case verticais acadan case os 300 metros de altura, sendo lugar moi frecuentado polos practicantes da escalada libre.

Formación[editar | editar a fonte]

O río Eume flúe a través de distintos bloques ou placas do terreo, separadas por fallas. Co paso do tempo, onde había un territorio aplanado formouse unha sucesión de chanzos provocados polas forzas telúricas. Os afundimentos e elevacións que provocaron estas forzas déronlle ao Eume unha forte pendente, xa que nos seus 76 km de curso salva case 1000 metros de desnivel. Isto fixo que as augas do río baixasen con moita forza, erosionando fondamente a sucesión de chanzos que encontraba no seu camiño, ata moldear o canón actual.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fragas do Eume. Parque natural. Xunta de Galicia. D.L. C-81/2003