Campo, O Irixo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Campo
Portada da igrexa de Santa María de Campo, O Irixo.JPG
Igrexa de Santa María de Campo.
Concello O Irixo
Poboación 544 hab. (2011)
Entidades de poboación 20

Santa María de Campo é unha parroquia do concello de O Irixo na comarca do Carballiño, na provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2011 contaba con 544 habitantes, deles 277 eran homes e 267 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 596 habitantes.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

A igrexa parroquial foi construída entre 1776 e 1790, sendo abade Juan Bernardo Bello, segundo se le en dúas inscricións na capela maior e na nave, se ben a sancristía é anterior, de 1676. Conserva a base, a pantalla e as escaleiras de acceso dun púlpito de pedra construído en 1688. O templo, de estilo barroco, é dunha soa nave, con bóveda de aristas na capela maior e de canón no resto. Na fachada hai un reloxo engadido en 1903 e restaurado en 1943.

O retablo maior é de estilo rococó, deseñado na segunda metade do século XVIII e dourado en 1957. Ten imaxes da patroa, da Nosa Señora da Asunción e dúas de San Xosé. Consérvase tamén un retablo barroco de 1688 obra de Jerónimo de Castro Losada coa imaxe de San Domingos, dourada e pintada por Juan Antonio Prexigueiro.

Na igrexa gárdase unha cruz procesional de prata feita en 1637 polo ourensán Isidro de Montanos, cun viril de prata sobredourada e un cáliz da mesma época. Hai tamén un relicario de San Ignacio do século XIX, e varios cálices e copóns dos séculos XVIII e XIX. Ata finais de 1833 enterrábase no interior da igrexa. En 1962 engadiuse ao templo un pararraios e un harmonio.

Na igrexa hai un peto de ánimas, coas ánimas no purgatorio, Santo Antón á esquerda e San Roque á dereita.

A ermida de Menaz estaba na casa grande dos Taboada. En 1750 a veciñanza dos lugares de Menaz, Casares, Marnotes, O Cardedo e Filgueira procuraron construír unha capela, pola lonxanía da igrexa parroquial. En 1767 Manuel Taboada e mais o seu fillo Juan, que era presbítero, construíron unha capela anexa á súa casa a título privativo, para dicir misa os domingos e días feirados. Para a súa dotación Juan Antonio Taboada, irmán de Manuel e abade de Arcos, doou ao seu sobriño o monte da Xesteira, na freguesía de Arcos. A capela foi bendecida polo cura de Loureiro, o abade Marentes. En 1826 era patrón desta capela o abade de Morgade, Juan Taboada e o seu irmán Andrés.

A capela de San Roque está situada no lugar da Esfarrapa. Construída posiblemente no século XVIII, ten espadana e pórtico, cuberta con bóveda de canón. Ten un retablo da segunda metade do século XVIII, con imaxes do patrón San Roque, San Pedro e Santo Antón, coa inscrición no ático en letras capitais SAN ROQUE ROGAD POR NOSOTROS.

A capela da Ermida está consagrada á Nosa Señora da Purificación, San Brais e San Marcos. Ten pórtico, e está cuberta con bóveda de canón. O retablo, do século XIX, ten as imaxes de San Marcos, A Nosa Señora da Luz ou da Candelaria e Nosa Señora da Asunción.

A capela da Nosa Señora de Fátima está no lugar de Ponte Irixo, e foi construída a mediados do século XX. Ten un peto de ánimas na parede dereita.

Na parroquia hai seis cruceiros: Na Esfarrapa diante da ermida de San Roque; Na Ermida xunto á da capela de Nosa Señora da Purificación, San Brais e San Marcos; en Menaz xunto á Casa Grande dos Taboada; en Porto da Veiga; en Campo do Estibadón xunto á antiga casa escola e outro con pousa e fuste, cun pequeno habitáculo para as ofrendas ás ánimas do purgatorio.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Campo[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Campo no concello do Irixo (Ourense)

Baxín | As Campinas | O Cardedo | Casares | A Condomiña | A Ermida | A Esfarrapa | A Estación | Filgueira | Irixo de Arriba | O Irixo | Laíña | A Lama | Marnotes | Menaz | Orosa | Porto da Veiga | Reguega | O Tellado do Campo | Vila

Parroquias do Irixo[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias do Irixo

Campo (Santa María) | Cangues (Santo Estevo) | A Cidá (Santa Mariña) | Corneda (Santiago) | Dadín (San Pedro) | Espiñeira (San Pedro) | Froufe (San Xoán) | Loureiro (Santa Mariña) | Parada de Labiote (San Xulián) | Reádigos (Santa Baia) | O Regueiro (San Pedro) | San Cosmede de Cusanca (San Cosmede)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]