Campionato do mundo de piragüismo 2007

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O XXXVI Campionato do mundo de piragüismo en augas tranquilas celebrouse do 8 ao 12 de agosto de 2007 na vila alemá de Duisburgo.

Celebráronse dezaoito probas masculinas e nove femininas. As masculinas foron en canoa canadense e en caiac, mentres que as femininas só son en caiac. As distancias cubertas, tanto para homes como para mulleres son 200 m, 500 m e 1.000 m, en categoría individual, por parellas e de a catro.

Nestes campionatos David Cal obtivo unha medalla de ouro (C1 500m) e unha de bronce (C1 1000m). Os grandes triunfadores foron a selección anfitrioa (Alemaña) e mais a húngara, con nove ouros cada unha delas.

Participantes[editar | editar a fonte]

Neles participaron uns 1.400 piragüistas, representando a 89 federacións internacionais distintas, na súa maior parte (37) europeas. Entre as federacións participantes correspondían a países que non forman estado independente tres (Guam, Porto Rico e Hong Kong), ademais de Taiwán que só é recoñecido parcialmente.

Irán, que anunciara a súa participación e acudira ao mundial, non puido competir pola débeda que tiña contraída coa federación internacional.

Participantes galegos[editar | editar a fonte]

Galicia non competía con selección de seu, senón integrada dentro da federación española. Os piragüistas galegos participantes foron 9, dúas deles mulleres: David Cal, Alfredo Bea, David Mascato, Borxa Prieto, Xaime Acuña, Carlos Pérez Rial, Xosé Luís Bouza, Sonia Molanes e Tareixa Portela.

  • En K4 500 m Sonia Molanes e Tareixa Portela compartían equipo coas españolas Jana Smidakova e Isabel García Suárez. Despois dunhas series de trámite, gañaron a súa semifinal, cun tempo de 1'37"871, só superado polo crono da embarcación chinesa. Porén, na final só puideron ser sétimas cun tempo de 1'39"791, que non lles permitiu a clasificación directa para os Xogos de Beixín.
  • En C1 1000 m David Cal gañou comodamente a súa serie e mais a semifinal, cun tempo de 4'10"762, co terceiro mellor tempo logo do alemán Andreas Dittmer e do canadense Mark Oldershaw. Na final obtivo a medalla de bronce cun tempo de 4'11"057, por detrás do húngaro Attila Vajda que foi ouro e do eslovaco Marián Ostrčil. En C1 500 m Cal gañou a súa serie, pero nas semifinais só puido ser terceiro, clasificándose para a final co peor dos tempos (1'56"567). Porén, na final dominou a proba de principio a fin e proclamouse campión do mundo cun rexistro de 1'47"187, por diante de Dittmer.
  • En C2 1000 m Alfredo Bea e David Mascato conseguiron pasar a semifinais nunha serie de trámite, pero aí non foron quen de clasificarse para a final, ao quedaren sextos. Disputaron a final B, onde se impuxeron cun tempo de 3'52"091. Quedaron pois décimos do mundo.
  • En K4 1000 m Borxa Prieto e Xaime Acuña facían equipo co catalán Saul Craviotto e co andaluz Manuel Muñoz Arestoy. Quedaron de cuartos na súa serie, clasificándose para a semifinal, onde foron segundos cun tempo de 3'02"427, que á súa vez foi a segunda mellor marca por detrás da embarcación polaca. Na final foron novenos e últimos, cun tempo de 3'11"357, fóra dos postos que daban o pase directo a Beixín.
  • En K1 500 m Carlos Pérez Rial pasou a semifinais, mais nesta proba non se puido clasificar máis que para a final B, e moi axustadamente, ao pasar co peor dos tempos (1'45"923). Na final B foi sétimo (16º en xeral), cun crono de 1'38"975
  • En C2 500 m Xosé Luís Bouza fixo equipo co asturiano Rafael Menéndez González e clasificáronse para as semifinais axustadamente, conseguindo unha sétima praza na serie. Na súa semifinal foron oitavos e non se meteron nin na final A nin na B, cun tempo de 1'53"111.

Medalleiro[editar | editar a fonte]

Posto País Medalla de ouro Medalla de prata Medalla de bronce Total
1 Alemaña Alemaña 9 6 3 18
2 Hungría Hungría 9 3 6 18
3 Belarús Belarús 1 2 1 4
Rusia Rusia 1 2 1 4
Eslovaquia Eslovaquia 1 2 1 4
6 Romanía Romanía 1 1 1 3
7 Canadá 1 1 2
Reino Unido Reino Unido 1 1 2
9 España España 1 1 2
Francia 1 1 2
11 Ucraína Ucraína 1 1
12 Polonia Polonia 3 4 7
13 Finlandia Finlandia 2 2
14 Lituania Lituania 1 2 3
Serbia Serbia 1 2 3
16 China 1 1 2
17 Cuba 1 1
18 Eslovenia Eslovenia 1 1
Noruega Noruega 1 1
Suecia Suecia 1 1
Total 27 27 27 81


Campións[editar | editar a fonte]

Proba Campión masculino Campión feminino
K1 200m Alemaña Jonas Ems Hungría Natasa Janics
K2 200m Belarús Belarús Alemaña Alemaña
K4 200m Hungría Hungría Alemaña Alemaña
C1 200m Ucraína Iuri Cheban
C2 200m Rusia Rusia
C4 200m Hungría Hungría
K1 500m Adam van Koeverden Hungría Katalin Kovács
K2 500m Alemaña Alemaña Alemaña Alemaña
K4 500m Eslovaquia Eslovaquia Alemaña Alemaña
C1 200m Galicia David Cal
C2 200m Hungría Hungría
C4 200m Hungría Hungría
K1 1000m Tim Brabants Hungría Katalin Kovács
K2 1000m Francia Alemaña Alemaña
K4 1000m Alemaña Alemaña Hungría Hungría
C1 200m Hungría Attila Vajda
C2 200m Alemaña Alemaña
C4 200m Romanía Romanía

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]