Camp del Carrer Indústria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°23′25″N 2°08′54″L / 41.3903, 2.1483

Carrer Indústria
Datos
LocalizaciónBarcelona, España
Construción
Inauguración14 de marzo de 1909
Estadio
SuperficieHerba
Dimensións91 x 52
Capacidade6.000 espectadores
PropietarioFutbol Club Barcelona
LocalíaFutbol Club Barcelona

O Camp del Carrer Indústria (chamado popularmente L'Escopidora) foi o primeiro estadio de fútbol que tivo en propiedade o Futbol Club Barcelona na súa historia, anterior ao Camp de Les Corts e ao Camp Nou. O equipo xogou os seus encontros como local neste estadio entre 1909 e 1922.

Historia[editar | editar a fonte]

O FC Barcelona, fundado no ano 1899, pasou os 10 primeiros anos da súa existencia mudándose dun sitio para outro alugando campos nos que xogar os seus encontros como local. Algúns destes campos foron o do Velódromo da Bonanova, o de Casanoves, o da Estrada de Horta, o da Rúa Muntaner e o da Praza de Armas.

Finalmente Joan Gamper, fundador e presidente do club, decidiu en 1909 que o FC Barcelona comprase un terreo no cal consolidarse construíndo un novo estadio. O Camp del Carrer Indústria (Campo da Rúa Industria) foi inaugurado o 14 de marzo de 1909 nun encontro do Campionato de Cataluña.

O recinto era revolucionario na cidade condal pola modernidade das súas instalacións. Foi o primeiro estadio de España con alumeado artificial. A súa única tribuna de dous pisos feita de madeira tiña capacidade para 1.500 persoas, que sumadas ás 4.500 persoas que collían de pé no resto do campo, facían que a capacidade total do recinto nun encontro de fútbol fose de 6.000 persoas. Nun inicio non había vestiarios nin duchas, de xeito que os xogadores tiñan que asearse a man con caldeiros de auga fría tralos encontros. Co tempo fóronlle instalados os vestiarios e as duchas.

As dimensións do terreo de xogo eran moi pequenas, 91 metros de longo por 52 de ancho, polo cal foi alcumado L'Escopidora.

Neste estadio acadáronse os primeiros éxitos deportivos na historia do club, tanto na Copa do Rei como no Campionato de Cataluña, da man de xogadores históricos como Paulino Alcántara (máximo goleador histórico do club), Josep Samitier (alcumado O Mago), Emilio Sagi Barba ou Ricardo Zamora (considerado aínda hoxe un dos mellores gardametas da historia). A cantidade de seareiros que enchían o recinto cada domingo para ver os encontros do FC Barcelona facía que moitas persoas tivesen que sentar na beira da parte alta da tribuna, de xeito que dende as rúas dos arredores, os viandantes vían os traseiros do público, polo cal estes comezaron a ser chamados culés (do catalán "cul", que significa "cu"), alcume que chegou ós nosos días.

Neste estadio o FC Barcelona celebrou a vitoria en 8 Campionatos de Cataluña e 5 Copas do Rei, nun período de 13 anos. Os éxitos do club fixeron que o estadio quedase pequeno, de xeito que o presidente Gamper mandase construír un novo estadio, o futuro Camp de Les Corts, que foi inaugurado o 20 de maio de 1922, poñendo punto e final á historia do Camp del Carrer Indústria.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]