Camerún do Sur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Southern Cameroons (Inglés)
Bandeira de Camerún do Sur
Camerún do Sur - agora as provincias noroccidental e sudooccidental de Camerún
Lingua oficial Inglés,
Francés
Capital Buea
Área
 - Total

42.383 km²
Poboación
 - Total (1987)
 - Densidade

2.100.000
49.5/km²

Camerún do Sur foi a parte sur do Mandato Británico de Camerún en África Occidental. Dende 1961 é parte da República de Camerún, onde forma as Provincias Noroccidental e Sudoccidental.

Mandato da Liga das Nacións[editar | editar a fonte]

Seguindo ó Tratado de Versalles, o territorio xermano de Kamerun foi formalmente dividido o 28 de xuño de 1919 entre un Mandato da Liga das Nacións francés e un británico, onde os franceses, que previamente administraran o territorio completo, obtiveron a parte maior. O Mandato Francés foi coñecido como Cameroun. O Mandato Británico incluia dous territorios separados xeograficamente, Northern Cameroons e Southern Cameroons. Foron administrados, pero non unidos a el, polo territorio británico de Nixeria, a través do Resident británico con oficinas en Buea.

Aplicando o principio do indirect rule, os británicos permitiron ás autoridades nativas administrar poboacións dacordo coas súas propias tradicións. Estes tamén recadaban taxas, que eran entón pagadas ós británicos. Os británicos dedicáronse a comerciar e a explotar os recursos económicos e mineiros do territorio. Os estudantes de Camerún do Sur, entre eles Emmanuel Mbela Lifate Endeley, crearon a Cameroons Youth League (CYL) o 27 de marzo 1940, para opoñerse á explotación do seu país.

Fideicomiso das Nacións Unidas[editar | editar a fonte]

Cando a Liga das Nacións deixou de existir en 1946, moitos dos antigos mandatos foron reclasificados como fideicomisos das Nacións Unidas, administrados a través do Consello de Administración Fiduciaria das Nacións Unidas. O obxecto do fideicomiso era preparar ós territorios para unha eventual independencia. As Nacións Unidas aprobaron os Acordos de Fideicomiso para que o Camerún Británico fose gobernado polo Reino Unido o 6 de decembro de 1946.

Camerún do Sur foi dividido en 1949 en dúas provincias: Bamenda (capital Bamenda) e o Sur (capital Buea). Aínda así o tipo de administración residencial foi continuada cun único "Resident" Británico en Buea, pero en 1949 Edward John Gibbons foi nomeado Special Resident, e o 1 de outubro de 1954, cando o poder político pasou ó goberno electo, sucedéronlle dous Commisionarios.

Seguindo á Conferencia Xeral de Ibadan de 1950, a nova constitución para Nixeria devolveu máis poder ás rexións. Nas subseguintes eleccións foron elixidos trece representantes de Camerún do Sur para a Asemblea de Nixeria Oriental en Enugu. En 1953, porén, os representantes de Camerún do Sur, descontentos coa actitude dominante dos políticos nixerianos, declararon unha “neutralidade benevolente” e a súa marcha da Asemblea. Nunha conferencia en Londres dende o 30 de xullo ó 22 de agosto de 1953, a delegación de Camerún do Sur pediu unha rexión propia separada. Os británicos aceptaron, e Camerún do Sur transformouse nunha rexión autónoma coa súa capital en Buea. As eleccións celebráronse en 1954 e o parlamento estableceuse o 1 de outubro de 1954, con E.M.L. Endeley como Primeiro Ministro. Como Camerún e Nixeria preparábanse para a independencia, os nacionalistas de Camerún do Sur debateron se lles interesaba máis a unión con Nixeria, a unión con Camerún ou a independencia total. Endeley foi derrotado nas eleccións do 1 de febreiro de 1959 por John Ngu Foncha.

As Nacións Unidas organizaron un plebiscito en Camerún do Sur o 11 de febreiro de 1961 con dúas alternativas á poboación: unión con Nixeria ou unión con Camerún. Á terceira opción, a independencia, opúxose o representante do Reino Unido, Sir Andrew Cohen, e polo tanto non ofreceuse como opción. No plebiscito, Camerún do Norte votou a unión con Nixeria e Camerún do Sur a unión co Camerún francófono.

O movemento pola independencia[editar | editar a fonte]

Camerún do Sur converteuse en parte de Camerún o 1 de outubro de 1961. Foncha serveu como Primeiro Ministro de Camerún Occidental e Vicepresidente da República Federal de Camerún. Porén, os pobos anglófonos de Camerún do Sur (agora Camerún Occidental) non creron que serían ben tratados polo goberno francófono do país. Seguindo a un referendo do 21 de maio de 1972 foi adoptada unha nova constitución en Camerún que substituíu a república federal por un estado unitario. Camerún do Sur perdeu o seu status autónomo e converteuse nas provincias Northwest e Southwest da República de Camerún. Os surcameruneses sintíronse aínda máis marxinados. Grupos como o Cameroon Anglophone Movement (CAM) demandaron unha maior autonomía, ou incluso a independencia para as dúas provincias.

Os grupos independentistas reclaman que a Resolución 1608 da ONU do 21 de abril de 1961, que requiriu o Reino Unido, o Goberno de Camerún do Sur e a República de Camerún para entrar en negociacións sobre a unión dos dous territorios, non foi aplicada, e que o Goberno do Reino Unido actuou neglixentemente ó rematar a súa administración sen asegurarse de que fosen levados a cabo os cambios oportunos. Eles din que a adopción dunha constitución federal por Camerún en 1961 constituíu a anexión de Camerún do Sur.

Os representantes de grupos anglófonos convocaron a primeira All Anglophone Conference (AAC1) en Buea dende o 2 de abril ó 3 de abril de 1993. A conferencia elaborou a "Declaración de Buea", que reclamaba cambios na constitución para restaurar a federación de 1961. Isto foi seguido pola segunda All Anglophone Conference (AAC2) en Bamenda en 1994. Esta conferencia elaborou a "Declaración de Bamenda", que estableceu que se o estado federal non era restaurado nun tempo razoable, Camerún do Sur declararía a súa independencia. A AAC foi renomeada como a Southern Cameroons Peoples Conference (SCPC), e máis adiante como a Southern Cameroons Peoples Organisation (SCAPO), co Southern Cameroons National Council (SCNC) como o corpo executivo de goberno. Os activistas máis mozos formaron a Southern Cameroons Youth League (SCYL) en Buea o 28 de maio de 1995. O SCNC enviou unha delegación, liderada por John Foncha, ás Nacións Unidas, que foi recibida o 1 de xuño de 1995 e presentou unha petición contra a anexión de Camerún do Sur por parte do Camerún francés. Isto foi seguido por un referendo de sinaturas no mesmo ano, que segundo os organizadores tivo unha porcentaxe do 99% a favor da independencia tendo votado 315,000 persoas.[1]

Membros armados do SCNC tomaron o control da estación de radio de Buea na noite do 30 de decembro de 1999 e nas primeiras horas do 31 de decembro emitiron unha proclamación de independencia lida por Judge Ebong Frederick Alobwede.

Amnistía Internacional ten acusado ás autoridades camerunesas de violación dos dereitos humanos contra activistas de Camerún do Sur.

Seguindo a orde do Tribunal Internacional de Xustiza do 10 de outubro de 2002 de que a soberanía sobre a península de Bakassi correspondía a Camerún, SCAPO reclamou que a península de Bakassi era de feito parte do territorio de Camerún do Sur. No 2002, SCAPO levou ó goberno nixeriano ó Alto Tribunal Federal en Abuja para requirirlle tomar unha posición ante o Tribunal Internacional de Xustiza para establecer o dereito do pobo de Camerún do Sur á autodeterminación. O tribunal fallou no seu favor o 5 de marzo de 2002. O 14 de agosto de 2006 Nixeria cedeu formalmente a península de Bakassi a Camerún. O SCAPO respondeu proclamando a independencia da República de Ambazania, incluíndo o territorio de Bakassi.[2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Fontes e ligazóns externas[editar | editar a fonte]