Caja Rural de Lérez
A Caja Rural de Lérez foi unha entidade financeira de Lérez (Pontevedra), activa entre 1925 e 1936.
Índice |
Historia [editar]
Foi creada o 11 de novembro de 1925, impulsada por Manuel Gama Casalderrey, ue sería o seu xerente até 1934. O seu propósito era axudar á mellora das condicións laborais no sector agrario, a través de axudas ao cooperativismo e a industrialización.
Dous meses despois da súa creación mercáronse uns terreos entre a rúa de Juan Bautista Andrade e a estrada a Campo Lameiro, para construír un local social. O edificio, deseñado polo arquitecto Emilio Salgado, foi inaugurado en 1933. Contaba cun andar adicado á cooperativa de consumo, e permitiu ampliar as seccións xa existentes, como a de crédito agrícola.
En 1927 iniciouse a publicación da revista Vida Agraria, dirixida polo avogado Joaquín Poza Juncal. En 1928 abriuse na zona vella de Pontevedra un bodegón cooperativo, para fomentar a venda dos viños da zona. En marzo de 1931 a caixa pasa a ser comarcal, prestando os seus servizos ás parroquias veciñas de Alba, Campañó, Cerponzóns, Xeve, Santa María de Xeve e Verducido. Ao tempo, constitúese un novo consello de administración.
A institución organizaba conferencias, impartidas por personalidades como Bibiano Fernández Osorio-Tafall, e mitins, contando coa presenza do avogado lerezán Valentín Paz-Andrade. Amais de prestar servizos ás persoas que traballaban no sector primario, nela depositaron os seus fondos varios sindicatos de tendencia comunista da Federación Obreira Local, como os de canteiros e do sector da metalurxia[1].
Durante os anos da II República Española houbo diversos factores que danaron a economía da caixa, como a crise económica provocada pola Gran Depresión, as malas colleitas, a construción do edificio e a retirada de fondos dos sindicatos por mor das folgas. En 1934 Manolo Gama deixou a xerencia por motivos de saúde. O seu último presidente foi Juan Pérez Piñeiro, coñecido como 'O Calacú'.
Tralo Alzamento Nacional, membros da Guardia Cívica e falanxistas apoderáronse dos bens da sociedade. En decembro de 1937 o párroco Leandro del Río Carnota promoveu a creación no local dun pequeno hospital, pero a proposta non saíu adiante, malia contar co apoio da Deputación de Pontevedra. O 21 de abril de 1938, por mandato xudicial, a administración da caixa pasou de modo interino á Caixa de Aforros Municipal de Vigo.
Notas [editar]
- ↑ artigo no voceiro socialista La Hora, 14 de xaneiro de 1932.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- "A Caixa Rural de Lérez", artigo de Xosé Álvarez Castro no blog Pontevedra nos anos do medo, 28 de febreiro de 2011.