Cafeteira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o trebello de cociña, cómpre non confundir coa planta do café: a cafeeira.
Cafeteira italiana do tipo orolei, habitual en Galiza.

A cafeteira é un utensilio de cociña usado para preparar a infusión do café, ademais do aparello de cociña que permite preparar o café coma unha bebida quente. Os primeiros aparellos aparecen a finais do século XVIII.[1] Noutrora o café servíase directamente con auga a ferver (café de pota). Polo 1806, Benjamin Thompson inventou un coador para reducir o paso do pouso, mais non conseguiu eliminalos. A comezos do século XX, unha ama de casa de Dresden adicouse a experimentar con diferentes materiais, entre eles un papel secante que utilitzaba o seu fillo na escola. O resultado foi perfecto. [2] O complemento da cafeteira é o muíño de café; co que se moe o gran a unha medida concreta para cada clase de cafeteira.

Clases de cafeteiras[editar | editar a fonte]

Hai diferentes tipos de cafeteiras, cada unha cunhas características:

Unha cafeteira de gotexo.
Cafeteira expreso.
Cafeteira de émbolo.
Cafeteira percoadora.
Cafeteira de baleiro.

Cafeteira de gotexo[editar | editar a fonte]

A cafeteira de gotexo (con filtro ou coadoiro) consiste nun depósito de auga que se quenta e se fai pasar a través do café moído que está depositado sobre un filtro de papel ou de malla de aluminio ou aceiro. A auga pasa amodo a través do café medianamente mudo, e cae pinga a pinga por gravidade deica o xerro. Usualmente o xerro é de vidro e fica nunha base ou placa eléctrica que o mantén quente. Ideal para preparar varias canecas de café lixeiro ou tipo americano, semellante ao café de pota tradicional galego filtrado cun coadoiro ou lenzo. Funciona con enerxía eléctrica.

Cafeteira expreso[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cafeteira expreso.

A cafeteira expreso (ás veces en italiano espresso) fai pasar auga quente, regularmente 90 °C a presión de 8-15 atmosferas durante 20 a 30 segundos por café mudo moi fino, extraendo o seu sabor e esencia. A preparación básica desta cafeteira é o café expreso. A máquina de café espresso naceu a comezos do século XX, grazas ao enxeñeiro Luigi Bezzera, en Italia, de onde se espallou a toda Europa. Hoxe en día existen diferentes categorías como a manual de panca, hidráulicas e automáticas de errogación continua. É a máis común en restaurantes e cafés en Galiza (tamén en España, Portugal e Italia), aínda que tamén se ten estendido ultimamente nos fogares. Usualmente constan dun portafiltro, filtro, bocal para escumar o leite e o máis importante, a bomba de presión. A presión é a clave e determina a cremosidade do café. A preparación faise logo, menos de dous minutos (de aí o seu nome expreso), e se obtén un café aromático, con corpo e gran sabor. Funciona con enerxía eléctrica.

Cafeteira italiana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cafeteira moka.

A cafeteira italiana ou moka consta de dous corpos que se enrodelan pola parte central. A parte inferior é o depósito de auga, que ten unha válvula de seguranza por unha banda e onde se pon un filtro co café, a xeito de funil. A parte superior é o depósito que recibirá o café preparado. A auga ao ferver ceiba vapor, que aumenta a presión dentro do depósito, facendo que a auga suba polo tubo do filtro a través do café moído extraendo a súa esencia e sabor. Ao acadar a parte superior, sae por unha pequena torre furada na punta para evitar que torne abaixo o café preparado e aí se mantén até que todo o café teña saído. Normalmente son fabricadas de aluminio ou aceiro inoxidábel. Úsase un café máis ben fino regular. É un xeito cómodo, rápido e doado de preparar café expreso. Funciona sobre os queimadores da cociña ou lume moderado.

Cafeteira de émbolo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: cafeteira de émbolo.

A cafeteira de émbolo, de pistón, francesa ou prensa francesa, permite preparar café de xeito sinxelo e mantendo todos os aceites do café, facéndoo moi suave e delicioso. Esta cafeteira malia ser unha invención italiana, foi popularizada polos franceses, de aí o seu nome. O café require ser moído con gran grande para que non traspase o filtro. A preparación é axiña e sinxela; só se verte auga quente sobre o café moído e se agardan catro minutos. Despois compémese a modo coa prensa ou pistón. Tamén serve para preparar ou outras infusións de herbas. Non é moi común en Galiza, aínda que pode verse nalgunahs cafetarías para servir tés.

Cafeteira percoadora[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cafeteira percoadora.

A súa denominación provén de «percoar», que significa facer pasar unha substancia solúbel a través dunha substancia permeábel, especialmente co propósito de crear un composto solúbel.[3]No caso da elaboración de café, a substancia solúbel é a auga, a substancia permeábel é o café moído e o composto solúbel é o café xa elaborado.

Cafeteira de baleiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cafeteira de baleiro.

Coñecida co nome de cafeteira de baleiro, foi inventada na década de 1830 por Loeff de Berlín.[4]

Cafeteiras de cápsulas[editar | editar a fonte]

Moi en voga nos últimos anos, constan de cápsulas individuais que preservan o aroma do café, as máis das veces solúbel. As cápsulas fúranse cun dispositivo mecánico e faise pasar auga a ferver a través delas. Funcionan con enerxía eléctrica e son comúns en fogares domésticos e escritorios. As marcas de café venden gran variedade de aromas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Publicación | apelido= Duran| nome = Xavier | artigo = La cafetera | publicación = Sàpiens | lugar = Barcelona | exemplar = núm. 92 |data = xuño 2010 | páxinas = p. 22 |issn = 1695-2014
  2. Libro |apelido= Brotons |nome= Ròmul |título= El triomf de la imaginació, 60 invents que han canviat el món (o gairebé)|url= http://www.albertieditor.cat/ficha.php?id_producto=5878%7Ceditorial= Albertí Editor |lugar=Barcelona |ano=2010 |páxinas=42-43 |isbn= 978-84-7246088-1 |ref=
  3. "percolate". 2008. http://www.merriam-webster.com/dictionary/percolated. Consultado o 09-01-2008. 
  4. "The historical development of the vacuum coffee pot" (en inglés). http://baharris.org/coffee/History.htm. Consultado o 15 de febreiro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cafeteira Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]