Cabombaceae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As cabombáceas (Cabombaceae) son unha familia de Anxiospermas primitivas pertencentes á orde Nymphaeales, no que tamén se inclúe a familia Nymphaeaceae. Son un tipo de ninfeas, plantas acuáticas que aparecen nos encoros e augas quedas.

Descrición[editar | editar a fonte]

  • Herbas acuáticas perennes, rizomatosas, os rizomas magros, cilíndricos, ramificados, enraizantes nos nós. Partes somerxidas con vaíña xelatinosa. Cámaras aéreas conspicuas.
  • Follas alternas ou decusadas, rara vez ternadas, simples, pecioladas, sen estípulas, boiantes (limbo peltado, elíptico largo ou estreito, bordo enteiro, nerviación actinódroma) as somerxidas (limbo 5-7-palmatisecto, cada parte dividida á súa vez dicótoma ou tricotomamente varias veces en segmentos lineares estreitos, ou ben limbo enteiro e non peltado en follas novas). Estomas anomocíticos.
  • Talos cilíndricos.
  • Inflorescencias axilares, unifloras.
  • Planta hermafrodita.
  • Flores bisexuais, protóxinas, emerxentes (rara vez mergulladas), solitarias en longos pedúnculos, actinomorfas, hipóxinas, (2-)3(-4)-meras. Sépalos libres ou basalmente soldados. Pétalos libres ou basalmente soldados, con ou sen 2 nectarios adaxiais basais auriculados. Androceo isómero, diplostémono ou polistémono, estames 3-36(-51), de maduración centrípeta, filamentos filiformes, anteras tetrasporanxiadas, apicais, de dehiscencia latrorsa ou extrorsa, conectivo sen apéndice. Ovario apocárpico, (1-)2-8(-22) carpelos uniloculares libres a lxeiramente soldados na base, claviformes a lixeiramente inchados asimetricamente, estilo curto, estigma linear e decurrente ou terminal e subcapitado, moi papiloso. Óvulos (1-)2-3(-5), anátropos, de placentación laminar a dorsal ou media, crasinucelados.
  • Froito composto (infroitescencia); cada froito indehiscente (a xeito de aquenio) ou dehiscente (a xeito de folículo), con 1-3 sementes. Pericarpo coriáceo.
  • Sementes sen arilo, operculadas, fío e micropilo compartindo a mesma abertura do opérculo, testa de células irregularmente dixitadas, usualmente tuberculadas. Perispermo abundante, endospermo helobial escaso, con haustorios, embrión miúdo, con dous cotiledóns carnosos.
  • Pole elíptico, anasulcado ou monoaperturado, tectado-columelado, con ornamentación supratectal, ou ben anatricotomosulcado. Exina escabrada ou estriada; endexina non laminada, ás veces en placas.
  • Número cromosómico: x=13; n=40, 48, 52; 2n=24, 80, aprox. 96, 104.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Medran mergulladas ou boiando en lagos, lagoas ou ríos quedos, en zonas temperadas e tropicais. Antese diúrna, as flores ábrense durante dous días, o primeiro son funcionalmente femininas, o segundo masculinas; polinización anemógama ou entomógama.

Usos[editar | editar a fonte]

Os talos novos de Brasenia, cubertos de mucilaxe, consómense na China e no Xapón. As plantas deste xénero segregan fitotoxinas, o que permitiría controlar outras plantas nocivas no seu hábitat. As especies de Cabomba úsanse en acuarioloxía coma osixenadoras. Porén, ás veces a excesiva proliferación natural destas plantas provoca perdas económicas por interferencias no uso das táboas de auga para usos recreativos ou agrícolas, ou por pura estética. Carecen de alcaloides, a mucilaxe de Brasenia é rica en ácido glicurónico, galactosa, ramnosa e outros compoñentes peculiares.

Posición sistemática[editar | editar a fonte]

Malia as diferenzas morfolóxicas e anatómicas existentes entre os dous xéneros incluídos, existen datos de abondo para asegurar que corresponden á mesma familia, e que se distinguen netamente de Nymphaeaceae, aínda que existen algúns puntos de vista opostos, que fan que se integren nun concepto amplo de Nymphaeaceae. O APW (Angiosperm Phylogeny Website) considera que ambos os dous xéneros se deben situar na familia Cabombaceae da orde Nymphaeales, grupo irmán do resto das Angiospermas (agás a orde Amborellales) (cf. AP-website).

Distribución[editar | editar a fonte]

A familia é cosmopolita, agás na Rexión paleártica occidental. Coñécense fósiles só dende o Terciario.

Táxones xenéricos incluídos[editar | editar a fonte]

Introdución teórica en Taxonomía
  • Estames 3 ou 6, rara vez 4-5. Partes inmersas con mucilaxe escasa. Follas dimorfas: somerxidas, decusadas ou ternadas e divididas, e ademais (durante a floración) boiantes, alternas, peltadas. Dehiscencia da antera extrorsa. Estigma terminal, capitado. Exina escabrada. Pétalos con 2 nectarios amarelos auriculados no baseamento adaxial. Polinización entomógama. Froito en folículo.
Xénero Cabomba Aubl., 1775
  • Estames 18-36(-51). Partes inmersas con mucilaxe grosa. Follas só boiantes, alternas, enteiras e peltadas. Dehiscencia da antera latrorsa. Estigma linear, decorrente. Exina estriada. Pétalos sen nectarios. Polinización anemógama. Froito en aquenio.
Xénero Brasenia Schreb., 1789

Notas[editar | editar a fonte]

  • Watson, L., e Dallwitz, M.J. 1992 onwards. The families of flowering plants: descriptions, illustrations, identification, and information retrieval. Versión: 29 de xullo de 2006. http://delta-intkey.com Arquivado 03 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine.
  • Williamson, P.S. & Schneider, E.L. 1993. Cabombaceae. En: Kubitzki, K., Rohwer, J.G. & Bittrich, V. (Editores). The Families and Genera of Vascular Plants. II. Flowering Plants - Dicotyledons. Springer-Verlag.
  • Wood, C. E. Jr. 1959. The genera of the Nymphaeaceae and Ceratophyllaceae in the southeastern United States. J. Arnold Arbor. 40: 94–112.
  1. Listaxe de sinónimos de Cabombaceae. [1].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]