Organización Europea para a Investigación Nuclear

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "CERN")

Coordenadas: 46°14′3″N 6°3′10″E / 46.23417°N 6.05278°E / 46.23417; 6.05278

Membros do CERN en 2008      Membros fundadores      Membros que se integraron máis tarde ao CERN

A Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) é a institución que xestiona o maior laboratorio de investigación en física de partículas a nivel mundial, entre Francia e Suíza. As siglas proceden do seu primeiro nome oficial provisional Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire que data de 1952 cando se acordou o seu establecemento. Coa súa fundación oficial en 1954 o nome mudouse a Organisation Européenne pour la Recherche Nucléaire, mantendo aínda así as súas siglas anteriores CERN.

Historia[editar | editar a fonte]

Fundado en 1954 por 12 países europeos, o CERN é, hoxe en día, un modelo de colaboración científica internacional e un dos centros de investigación máis importantes do mundo. Actualmente conta con 20 estados membros, os cales comparten o financiamento e a toma de decisións da organización. Á parte destes, outros 28 países non membros participan con científicos de 220 institutos e universidades en proxectos co CERN, utilizando as instalacións. Destes estados non membros, oito estados e organizacións teñen a calidade de observadores, participando nas reunións do consello.

O primeiro grande éxito científico do CERN produciuse no 1984 cando Carlo Rubbia e Simon van der Meer obtiveron o Premio Nobel de Física polo descubrimento dos bosóns W e Z. No 1992 tocoulle o turno a Georges Charpak "pola invención e o desenvolvemento de detectores de partículas, en particular a cámara proporcional multifíos".

Funcionamento[editar | editar a fonte]

CERN-20060225-21.jpg

O CERN atópase en Suíza, preto de Xenebra, e próximo á fronteira con Francia. Conta cunha serie de aceleradores de partículas entre os que destaca o, xa desmantelado, LEP (Large Electron-Positron Collider, Gran Colisor Electrón-Positrón). Actualmente no seu lugar estase a construír o LHC (Large Hadron Collider, Gran Colisor de Hadróns), un acelerador protón-protón que operará a maior enerxía e luminosidade (produciranse máis colisións por segundo) de 27 km de circunferencia e que constitúe a máquina máis grande xamais construída. Agárdase que este incremento en enerxía e luminosidade permita descubrir o esquivo bosón de Higgs, así como confirmar ou desestimar teorías de partículas como as teorías supersimétricas ou as teorías de tecnicolor. Porase en funcionamento o 10 de setembro de 2008.

O éxito do CERN non é só a súa capacidade para producir resultados científicos de grande interese, senón tamén o desenvolvemento de novas tecnoloxías tanto informáticas como industriais. Entre os primeiros destaca en 1990 a invención da WWW polos científicos Tim Berners-Lee e Robert Cailliau, mais débese evitar esquecer o desenvolvemento e mantemento de importantes bibliotecas matemáticas (CERNLIB) usadas durante moitos anos na maioría de centros científicos, ou tamén sistemas de almacenamento masivo (o LHC almacenará un volume de datos da orde de varios PB (petabytes) cada ano). Entre os segundos podemos citar imáns de 9 T en varios metros, detectores de grande precisión, imáns supercondutores de grande uniformidade ao longo de varios quilómetros, etc.

Os países e organizacións observadoras son a Comisión Europea (institución da Unión Europea), India, Israel, Xapón, Rusia, Turquía, a Unesco e Estados Unidos. A lista de países non membros involucrados en programas do CERN complétana Acerbaixán, Alxeria, Arxentina, Armenia, Australia, Bielorrusia, Brasil, Canadá, Colombia, República Popular de China, Croacia, Chipre, Estonia, Xeorxia, Islandia, Irán, Irlanda, México, Marrocos, Paquistán, Perú, Romanía, Serbia, Eslovenia, Sudáfrica, Corea do Sur, Taiwán e Ucraína.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Organización Europea para a Investigación Nuclear

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]