Círculo de Bloomsbury

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O grupo de Bloomsbury era un faladoiro de escritores e figuras da cultura británica que vivían no barrio de Bloomsbury, en Londres, antes, durante e após a Primeira Guerra Mundial. As súas principais figuras eran Virginia Woolf, Leonard Woolf, Lytton Strachey, Clive Bell, Vanessa Bell, Roger Fry, Duncan Grant, John Maynard Keynes , E. M. Foster e David Garnet. Aínda que non constituíron unha "escola", influíron poderosamente no mundo das letras, a arte e a filosofía.

Comezaron a reunirse arredor do 1907 na casa de Virginia Woolf e da súa irmá Vanessa. A denominación estendeuse ao clima cultural instaurado polos membros do grupo, que dominou a literatura británica de entreguerras. Nunca publicaron un manifesto e a súa base ideolóxica era un elitismo ilustrado do movemento humanista desenvolvido en Cambridge no século XIX. De feito, moitos dos seus integrantes estudaran no Trinity College ou no King's College, onde participaran dunha "sociedade" de discusión semisecreta a finais do XIX. Víanse a si mesmos como unha aristocracia de intelectuais que pretendían a busca do coñecemento e do goce estético. Aportaron, nun momento de crecente intolerancia, uns ideais a favor do liberalismo e do anticonformismo político e moral.