Ciclope

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cíclope")
Recreación dun ciclope

Na mitoloxía grega, os ciclopes (en grego Κύκλωψ, Kýklôps, plural Κύκλωπες Kýklôpes, que vén de κύκλος kýklos, «roda», «círculo» e ὤψ ôps, «ollo») eran os membros dunha raza de xigantes cun só ollo no medio da testa.

Había dúas xeracións de ciclopes:

Primeira xeración[editar | editar a fonte]

Os ciclopes da primeira xeración eran fillos de Urano e Gaia, e coñecidos artesáns e construtores. Eran xigantes cun só ollo no medio da fronte e un temperamento horríbel. Segundo Hesíodo eran fortes, turróns, e de «bruscas emocións». Eventualmente os seus nomes chegaron a ser sinónimo de forza e poder, e usábanse para se referir a armas especialmente ben manufacturadas.

Foron tres: Brontes, Estéropes e Arxes (aínda que algunhas fontes cambian a Arxes por Acmonides ou Piracmon). Había tamén outros catro chamados Eurialo, Elatreo, Traquio e Halimedes, que presumibelmente eran fillos dos tres primeiros.

Urano temía a súa forza e pechounos no Tártaro. Máis tarde Cronos, outro fillo de Urano e Gaia, liberou os ciclopes, xunto cos Hecatónquiros e os Xigantes. Axudáronlle a derrocar e castrar a Urano, mais Crono volveunos a encarcerar en Tártaro, onde permaneceron, gardados por Campe, até que Zeus os liberou. Forxaron raios para que Zeus os usase como arma e axudáronlle na guerra para derrocar a Cronos e os outros Titáns (Titanomaquia). Os raios, que se converteron na arma predilecta de Zeus, foron forxados polos tres ciclopes: Arxes puña o raio, Brontes o trono, e Estéropes o lóstrego.

Esta primeira xeración de ciclopes tamén creou un tridente que producía terremotos para Poseidón, o arco e as frechas de Artemisa, e o casco de invisibilidade que Hades lle deu a Perseo na súa procura para matar a Medusa. Axudaron a Hefestos e dise que construíron o primeiro altar, así como as murallas e fortificacións de Tirinto e Micenas no Peloponeso, entre outras. Os ruídos que xurdían do corazón dos volcáns atribuíanse ás súas operacións.

Cóntase posteriormente que foi Apolo quen matou os ciclopes, despois de que Zeus matase o seu fillo, Asclepio, cun raio forxado por eles. Aínda que pode supoñerse que estes ciclopes eran inmortais, polo que quizais os ciclopes que Apolo matou fosen os seus fillos.

Segunda xeración[editar | editar a fonte]

A segunda xeración de ciclopes foi unha primitiva tribo de enormes monstros dun só ollo descuberta por Odiseo nunha remota illa (en ocasións identificada con Hesperia). Dicíase que estaban estreitamente relacionados cos Xigantes e cunha tribo fenicia (os Phaiakai) xurdidos das gotas de sangue que caeron sobre Gaia (a terra) cando Urano foi castrado.

Porén, o ciclope máis coñecido desta xeración era un fillo de Poseidón e a ninfa Toosa chamado Polifemo. Outro dos ciclopes da segunda xeración foi Telemo, un vidente.

Orixes[editar | editar a fonte]

Dada a súa inclinación pola ferraría, moitos estudosos cren que a lenda dos ciclopes xurdíu da práctica habitual dos ferreiros de levar un parche sobre un ollo para non quedaren cegos de ambos polas chispas. Os ferreiros tamén tatuaban neles mesmos círculos concéntricos en honra ao sol, o que pode ser outra posíbel fonte da lenda. A segunda xeración de ciclopes son definitivamente dun tipo diferente dos da primeira: probablemente sexan adicións moi posteriores á mitoloxía sen conexión ningunha coa ferraría. Moitos cren que as lendas asociadas a Polifemo non contaban que fora un ciclope até que Homero as incluíu na Odisea, podendo ser orixinalmente Polifemo algún tipo de monstro ou demo local. Suxeriuse que talvez fora un dos Triamantes da lenda cretense, raza rural de ogros devoradores de homes que tiña un terceiro ollo detrás da cabeza. Á parte do detalle dos ollos, son moi parecidos aos ciclopes de Homero.

Outra posíbel orixe da lenda dos ciclopes é o achado por parte dos gregos de cranios de elefantes prehistóricos (aínda existen algúns en Creta). Debido á gran cavidade nasal (para a trompa) no centro do cranio, poderíase pensar que tiñan unha única cunca ocular grande. As cuncas oculares reais, máis pequenas, están aos lados e son moito menos notábeis. Dada a escasa experiencia que seguramente os nativos tiñan con elefantes vivos, é difícil que recoñecesen o cranio como o que realmente era.

Quizais os ciclopes foran os sicelos (Cclps ~ Scls) da idade clásica, que posteriormente se estableceron en Siracusa.

Murallas «ciclópeas»[editar | editar a fonte]

Tras a «Idade Escura» os helenos viron con asombro os enormes bloques que se usaran nas edificacións micénicas, en lugares como Micenas e Tirinto, ou en Chipre, e chegaron á conclusión de que só os ciclopes reunían a habilidade e forza necesarias para construír de xeito tan monumental.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ciclope Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]