Célula mesanxial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corpúsculo renal. A estrutura azul (A) é a cápsula de Bowman (2 e 3). A estrutura rosa é o glomérulo cos seus capilares. 5a son as células mesanxiais intraglomerulares e 5b son as células mesanxiais extraglomerulares. Entre ambas as dúas forman o mesanxio Á esquerda, o sangue flúe desde a arteriola aferente (9), a través dos capilares (10), e saen pola arteriola eferente (11).

As células mesanxiais son células especializadas do mesanxio dos riles, que rodean os vasos sanguíneos alí situados. O mesanxio é un tecido situado no corpúsculo renal. As células mesanxiais son células musculares lisas especializadas que funcionan regulando o fluxo de sangue a través dos capilares. Divídense xeralmente en dous tipos, con diferente función e localización, que son:

  • Célula mesanxial intraglomerular
  • Célula mesanxial extraglomerular

Célula mesanxial intraglomerular[editar | editar a fonte]

As células mesanxiais intraglomerulares son pericitos especializados localizados dentro do glomérulo entre os capilares dos glomérulos renais no corpúsculo renal. Son células estreladas con moitas prolongacións cara ao endotelio dos capilares, e con unións comunicantes (gap junctions) [1].

Exercen principalmente as funcións de filtración, soporte estrutural, e fagocitose.

Filtración e soporte estrutural[editar | editar a fonte]

As células mesanxiais intraglomerulares proporcionan un soporte estrutural para os capilares glomerulares e regulan o fluxo de sangue en ditos capilares grazas á súa capacidade contráctil. A iniciación da contracción das células mesanxiais é similar á do músculo liso. A contracción das células mesanxiais está asociada coa contracción da membrana basal do endotelio dos capilares glomerulares. Isto causa o decrecemento da área superficial da membrana basal e así producen un descenso da taxa de filtración glomerular. [2] [3]

As células mesanxiais intraglomerulares contribúen tamén de forma importante á formación da matriz extracelular, a cal contén fibronectina, coláxeno tipo IV, perlecán, e laminina. Liberan tamén mediadores inflamatorios e inmunes. [4]

Fagocitose[editar | editar a fonte]

As células mesanxiais tamén fagocitan compoñentes da lámina basal e inmunoglobulinas. Son un exemplo pouco común de células fagocíticas derivadas de células musculares lisas e non de monocitos. As células mesanxiais colaboran cos neutrófilos na eliminación doutras células mesanxiais que sufriron apoptose e tamén outros residuos situados nos glomérulos. [5]

Célula mesanxial extraglomerular[editar | editar a fonte]

As células mesanxiais extraglomerulares, tamén chamadas células do lacis (ás veces escrito de Lacis), células da almofadiña polar ou células de Goormaghtigh (en honor do patólogo belga Norbert Goormaghtigh) [6], están localizadas nos riles fóra do glomérulo, situadas nas proximidades do polo vascular da mácula densa, entre esta e as arteriolas aferente e eferente. As células do lacis forman parte do aparato xustaglomerular xunto con outros dous tipos de células: as da mácula densa do túbulo contorneado distal e as células xustaglomerulares da arteriola aferente. Este aparato controla a presión sanguínea por medio do sistema renina-anxiotensina-aldosterona. Son células que envían prolongacións ata preto da mácula densa e presentan moitas unións comunicantes. Con microscopía electrónica a base das células da macula densa parece interdixitarse coas células do lacis de modo complexo. Son bastante planas e están unhas encima das outras separadas por unha rede de membranas basais. Son en xeral células agranulares, pero algunhas presentan pequenos gránulos. [7]A función específica das células do lacis non se coñece con exactitude, aínda que foron asociadas coa secreción de eritropoietina e poderìan ter unha función de soporte e colaboraren co aparato xustaglomerular e contribuíren ao control tubuloglomerular. [8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Claude Pricam, Fabienne Humbert, Alain Perrelet, Lelio Orci. Gap junctions in mesangial and lacis cells. J Cell Biol. 1974 October 1; 63(1): 349–354. PMCID: PMC2109348 PDF
  2. James D. Stockand, Steven C. Sansom. Glomerular Mesangial Cells: Electrophysiology and Regulation of Contraction. [1]
  3. P. Menè. Physiology and pathophysiology of the mesangial cell. NEFROLOGIA. Vol. XVI. Suplemento 3. 1996 [2]
  4. D Schlondorff. The glomerular mesangial cell: an expanding role for a specialized pericyte. The FASEB Journal, Vol 1, 272-281 [3]
  5. J Hughes, Y Liu, J Van Damme and J Savill. Human glomerular mesangial cells phagocytosis of apoptotic neutrophils: mediation by a novel CD36-independent vitronectin receptor/thrombospondin recognition mechanism that is uncoupled from chemokine secretion. [4] PMID 9127003
  6. David Burns Moffat. The Mammalian Kidney. Google books [5]
  7. Wanda M. Haschek,Colin G. Rousseaux,Matthew A. Wallig. Fundamentals of Toxicologic Pathology. Google books [6]
  8. COPE Lacis cells [7]
  9. Junqueira, Luiz C.; Jose Carneiro (2003). Basic Histology. McGraw-Hill. ISBN 0-8385-0590-2. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]