Cátodo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase cátodo ao eléctrodo negativo dunha célula electrolítica cara ao que se dirixen os ións positivos, que por isto reciben o nome de catións.

O termo foi inventado por Michael Faraday (serie VII das Investigacións experimentais sobre a electricidade), co significado de camiño descendente ou de saída, pero referido exclusivamente ao electrólito dunha cela electroquímica. A súa vinculación ao polo negativo do correspondente xerador implica a suposición de que a corrente eléctrica marcha polo circuíto exterior desde o polo positivo ao negativo, é dicir, transportada por cargas positivas, convención que é a usual. Se o condutor externo fose metálico, está demostrado que o sentido da corrente realmente é o percorrido polos electróns cara ao positivo.

Con todo, nunha célula electrolítica, o condutor é o electrólito, non un metal, e nel poden coexistir ións negativos e positivos que tomarían sentidos opostos ao desprazarse. Por convenio adóptase que o sentido da corrente é o do ánodo ao cátodo ou, o que é o mesmo, do positivo ao negativo.

No caso das válvulas termoiónicas, díodos, tiristores, fontes eléctricas, pilas, etc. o cátodo é o eléctrodo ou terminal de menor potencial e é a fonte primaria de emisión de electróns. Polo tanto, nunha reacción redox corresponde ao elemento que se reducirá.