Burro catalán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Burro de raza catalá.

O burro catalán é un animal de gran talla, a raza máis alta e corpulenta da súa especie, con 145-160 cm de alzada nos machos e 135-150 cm nas femias, de silueta esvelta e estirada. O peso medio dos machos pode chegar ós 375 kg. Descende do tronco ancestral Equus asinus somaliensis ou asno de Somalia, como as outras razas de burros de capa negra do norte de España. Outros autores falan dun Equus asinus europeus, localizado na conca mediterránea.

A primeira evidencia do burro en Cataluña atopouse en Caldas de Montbui (Barcelona)[1], cifrándose nunha antigüidade dun 2 millóns de anos, a finais do Terciario (Romagosa, 1959). Este feito demostraría a existencia de asnos en Cataluña moito antes de que se producisen as migracións orientais cara a Europa. Outros arqueólogos identifican estes restos cun équido prehistórico, o Equus hydruntinus ou zebro, e afirman que os actuais asnos chegaron a Europa no plistoceno medio, xunto cos cabalos (Nores y Liesau, 1992).

Plinio o Vello escribiu que na comarca de Vic existían burros, ós que denominaban ausetans.

Descrición[editar | editar a fonte]

O burro catalán ten a cabeza grande, fronte ampla e lixeiramente afundida, fociño moi ancho, orellas de base ancha, non demasiado grandes e ergueitas. O pescozo é robusto, o peito amplo e a cruz destacada, o que lle proporciona un terzo anterior airoso. De dorso recto ou lixeiramente afundido, e ventre recollido. Rabo de nacemento baixo, provisto dunha abundante guedella de longas sedas no extremo. As patas son ben conformadas e fortes, con cascos estreitos.

A capa típica é sempre escura ou negra, como a pez; ocasionalmente, castaña escura. Como noutras razas, presenta unha degradación a gris prateada ó redor do fociño e dos ollos, e nas axilas, ventre e bragadas, que chega tamén á parte superior e interna das extremidades.

Raza mallorquina[editar | editar a fonte]

Burro de raza mallorquina.

A raza mallorquina descende da catalá e é, con seguridade, a máis escasa das razas asnais autóctonas. Lixeiramente menor có catalán (145-155 cm de alzada), é semellante en todo a este, no que respecta á morfoloxía, capas e carácter.

Protección[editar | editar a fonte]

A preocupación pola raza catalá, coa definición do estandar racial e a selección dos garañóns máis aptos para a reprodución data de 1880, coa creación do Libro Xenealóxico do Asno Catalán. A Guerra Civil e a mecanización do campo nos anos cincuenta estiveron a piques de provoca-la extinción da raza pero a creación da Fundación de fomento da raza catalá AFRAC en 1978 volveu inverter o proceso reabrindo o libro xenealóxico.

Polas súas cualidades foi obxecto de exportación a Francia e Italia, principalmente, así como a Estados Unidos, onde deu lugar a unha variante moi afamada, o garañón catalán americano.

A finais de 1994 naceu o Programa de Conservación do Asno Catalán, que deseña e controla as montas para conserva-la la máxima diversidade xenética e evita-la consanguinidade.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñece como entidade de criadores de équidos organ ofic reconoc.pdf, concretamente do burro catalán, a Asociación para el fomento de la Raza Asinina Catalana (AFRAC), fundada en 1978 e domiciliada en Banyoles (Girona). No caso do burro mallorquín, trátase da Associació de Criadors i Propietaris de Pura Raça Asinal Mallorquina, domiciliada en en Esporles (Mallorca).

Segundo AFRAC, a xuño de 2006 o censo de reprodutores de suficiente pureza racial era de 336 exemplares, distribuídos principalmente en Girona e Barcelona pero tamén en explotacións de Toledo, Baleares e sur de Francia[2].

Simboloxía[editar | editar a fonte]

O debuxo do burro catalán, deseñado por Eloi Alegre, naceu como logotipo da Asociación Afrac. En 2004, Jaume Sala e Álex Ferreiro comezaron a empregalo, despois de lixeiras modificacións, como elimina-la crina e os testículos[3], como símbolo da catalanidade fronte ó toro de Osborne típico da inconografía españolista, do mesmo xeito que aquí, en Galicia, xa corre desde o 2002 o equivalente da vaca do deseñador Antón Lezcano sobre a bandeira galega ou no País Vasco a ovella Ardilatxa (esquematizada da raza ovina autóctona lacha).

Curiosidades[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2007, a sociedade gastronómica La Xicoia de Sort (Lleida), promoveu a recuperación da tradicional Festa del Ruc (Festa do burro) incluíndo entre os actos unha cea na que se serviron dous burros, baixo o lema de que se es unha daquelas persoas que leva o burro catalán dentro, deixa que o teu soño se faga realidade: cómeo. Os organizadores, que se defenderon das protestas que xurdiron ante a noticia insistindo en que os dous exemplares sacrificados non pertencían á raza protexida senón que eran burros comúns, explicaron que o sabor da carne era similar á do cabalo pero un pouco máis doce, engadindo que, elaborada en longaínza mesturada con carne de porco, resulta excelente e saborosa.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]