Bull terrier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O bull terrier, ou English Bull Terrier (bull terrier inglés), é unha raza de cánido con orixe en Inglaterra preto ós comezos do século XIX. O estándar da súa raza é un can dunha estatura media e de corpo musculoso, outra característica moi marcada nos bull terrier é a ausencia de depresión fronto-nasal no seu fociño. Tamén existe unha variante da raza máis pequena, porén conserva os mesmos trazos do seu antecesor, denomínase bull terrier miniatura.

Bull terrier inglés.

Historia da raza[editar | editar a fonte]

Existen diversidade de versións referentes ó nacemento da raza bull terrier, moitos son os que formulan que foi un can criado especificamente como can de pelexa, costume frecuente na sociedade da Inglaterra do século XIX, outras informacións tamén sitúan a orixe da raza nas mans dun criador chamado James Hinks, coñecido por levar ós seus bull terrier ás exposicións daquel tempo mais non se sabe realmente se só foi un escaparate para a raza, ou por outra parte, se foi realmente o creador xa que tampouco se conserva documentación que poida verificar os cruces como realmente seus.

O bull terrier foi un can valoroso e cheo de coraxe, denominado por moitos como o gladiador dos cans polo seu escuro pasado no que o obrigaron a loitar, acadando vitorias contra outros cans de máis porte e peso ca el, e tamén participando en batallas contra touros e osos, nas que uns cantos bull terrier podían saír vitoriosos contra estas bestas de gran poder e magnitude.

Ó final do século XIX as pelexas de cans foron prohibidas, entón o papel do bull terrier cambiou completamente, pasou a ser un can doméstico, o cal en ocasións foi empregado como can de pastoreo, ademais de ser un infalíbel cazador de ratos. O seu uso como can de compañía estendeuse por Inglaterra por mor da súa fidelidade e a súa valentía. A día de hoxe inclusive a monarquía británica posúe varios exemplares desta raza.

Cruce e constitución[editar | editar a fonte]

Para chegar ó bull terrier cruzáronse diferentes razas, algunhas extintas hoxe, como o English White Terrier, aínda que tamén posúe xenética de Galgo Inglés, ou Dálmata para acadar a súa brancura, ademais nos exemplares brancos de bull terrier pódense achar pintas na pel do seu bandullo ó xeito dun Dálmata. A outra raza que predomina na xenética do bull terrier é a das razas denominadas bull, que lle aportan a súa musculatura e a constitución forte e compacta, pódense observar similitudes no corpo dun bull terrier e dun American Staffordshire Terrier ou un American Pit Bull Terrier, e tamén incluso dun English Bull Dog ou dun American Bull Dog.

A xenética do bull terrier xa constituída como raza de por si tamén serviu para dar a luz novas razas como é caso do Dogo Argentino.

A constitución do bull terrier é forte e compacta, musculosa, e a súa expresión e atenta e vivaz, denotando certa intelixencia. A súa cabeza é característica pola súa forma de ovo, e tamén pola ausencia da depresión fronto-nasal. A súa pelaxe é curta, e e abundante, agás no bandullo onde é menos densa, e pode variar a cor existindo dúas variantes dentro da mesma raza, o bull terrier branco, no cal o estándar acepta manchas pero só na testa do animal, porén só as manchas no pelo do can xa que a súa pel está chea de pequenas manchas herdadas dos cruces cos Dálmata. A outra variante é a de cor, pode ser marrón, negro, ou atigrado, as cales só se diferencian pola cor da súa pelaxe.

O bull terrier é o único can do mundo que posúe ollos con forma triangular, un trazo que caracteriza moito á raza. Non obstante a súa cabeza é curvada, robusta e moi dura, posúe unha mandíbula cunha gran dentada que pecha en tesoira e na que destacan unhas grandes moas traseiras. A forza de mordida destes cans, é a maior do mundo canino proporcionalmente ó seu peso, e superada só pola do Pastor do Cáucaso, o cal ten un peso moi superior ó maior dos bull terrier. A presión de trabada dun bull terrier en quilogramos por centímetro equivale á dun crocodilo.

A raza posúe un lombo ancho, partas curtas e compactas con grandes ombros e tamén cunha gran musculatura, o pescozo é moi robusto e vai ancheando segundo baixa ata os ombros, o seu rabo non é moi longo e as súas orellas rematan en punta, nalgúns casos éranlle cortadas nos primeiros días de vida mais esta práctica xa non se realiza por ser innecesaria, xa que se erguen por si mesmas.

Temperamento e personalidade[editar | editar a fonte]

O bull terrier é un can amigable e divertido, sempre busca ser o centro de atención e se está san amosarase nervioso e activo. É un can fiel ó seu dono e protector, ademais de desfrutar moito da compañía dos seus donos, sempre buscará contacto humano. O aprendizaxe do bull terrier é lento pero seguro, son cans dunha gran personalidade e obstinación ademais de ser intelixentes, buscarán sempre levar a cabo o cometido que se propoñan. Debido ó seu carácter leal ás persoas o bull terrier non está considerado can perigoso, agás nalgunhas poucas excepcións, por mor do seu bo comportamento e a pesar do potencial que posúe.

A raza ten feito aparicións cinematográficas, como en Babe, Frankenweenie e demais series, tamén foi coñecido por ser a mascota do presidente Herbert Clark Hoover dos Estados Unidos de América, o xeneral Patton, Paul McCartney, Ana de Inglaterra e Diana de Gales.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bull terrier Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]