Brucella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Brucella
Brucella melitensis.jpg
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Alphaproteobacteria
Orde: Rhizobiales
Familia: Brucellaceae
Xénero: ''Brucella''
Especies

B. abortus
B. canis
B. ceti
B. inopinata
B. melitensis
B. microti
B. neotomae
B. ovis
B. pinnipedialis
B. suis

Brucella é un xénero de bacterias Gram negativas[1][2] que recibiu o seu nome polo patólogo escocés David Bruce (1855-1931). Son bacterias pequenas, de 0,5 a 0,7 por 0,6 a 1,5 µm), non móbiles, non encapsuladas con forma de cocobacilo, que funcionan como parasitos intracelulares facultativos.

As especies de Brucella son a causa da brucelose, que é unha zoonose, é dicir, que afecta a animais pero que se pode transmitir dos animais aos homes. Transmítese por inxerir comida contaminada (como produtos lácteos non pasteurizados), contacto directo con animais infectados, ou inhalación de aerosoles. A transmisión de humano a humano é extremadamente rara, pero pode darse por contacto sexual ou de nai a fillo.[3]A brucelose tamén se considera unha enfermidade laboral debido á súa grande incidencia entre as persoas que traballan con animais (por exemplo en matadeiros). A mínima exposición infecciosa é de entre 10 - 100 organismos.

As Brucella patóxenas poden causar abortos en animais femias ao colonizaren o trofoblasto placentario, e esterilidade en machos.[4]

As distintas especies de Brucella son xeneticamente moi similares pero cada unha ten unha diferente especificidade de hóspede (ver máis abaixo). Por esa razón, na taxonomía do NCBI a maioría das brucelas clasifícanse co nome Brucella melitensis.

Brucelose humana[editar | editar a fonte]

David Bruce illou B. melitensis de soldados británicos procedentes da campaña da guerra de Crimea, que morreron de febres en Malta (febre de Malta, de onde vén o nome da especie melitensis). Despois dunha exposición á Brucella, os humanos xeralmente pasan por un período de dúas a catro semanas de latencia antes de empezar a mostrar síntomas. Os síntomas inclúen febre aguda (>90% de todos os casos), dor de cabeza e de articulacións (>50%), suores nocturnas, fatiga e anorexia.[5] Posteriormente poden presentarse complicacións como artrite ou epididimoorquite, espondilite, neurobrucelose, abscesos hepáticos, e endocardite, esta última potencialmente mortal.[6]

A brucelose humana e animal teñen en común a persistrencia da bacteria nos tecidos do sistema fagocítico mononuclear, que inclúe ao bazo, fígado, ganglios linfáticos e medula ósea. As brucelas poden tamén afectar ao sistema reprodutor masculino.[5]

No mundo, estímase que hai uns 500.000 casos de brucelose cada ano.[5]

Diagnose[editar | editar a fonte]

Brucella íllase en hemocultivo con medio Castaneda. Moitas veces cómpre unha prolongada incubación de ata seis semanas, xa que son de lento crecemento, pero as modernas máquinas automatizadas de cultivo adoitan conseguir resultados positivos en sete días. Con tinguidura de Gram aparecen como densos grupos de cocobacilos Gram negativos e son moi difíciles de ver. Nos últimos anos as técnicas de diagnóstico molecular baseadas no compoñente xenético do patóxeno son as máis usadas.[2]

É fundamental poder diferenciar Brucella de Salmonella, que pode ser tamén illada en hemocultivo e é igualmente Gram negativa. Pero poden diferenciarse pola proba da urease, que se é positiva se trata de Brucella e se é negativa é Salmonella.

Brucella pode observarse tamén nas biopsias de medula ósea.

A proba serólóxica para a identificación de anticorpos contra Brucella en soro de bovino determina a presenza de inmunoglobulinas IgG a pH baixo. A proba demostra que as aglutininas presentes no soro do animal con brucelose xeran aglutinación ao entraren en contacto co antíxeno. As IgG son detectables despois de pasadas dúas ou tres semanas desde a infección, mentres que as IgM son detectables en fases temperás da infección. O pH é un factor que determina a especificidade da proba, xa que a pH ácido se inhibe a aglutinación de inmunoglobulinas non específicas contra Brucella, o cal podería xerar falsos positivos.

A brucelose adquirida no laboratorio é común.[7] Isto ocorre as máis das veces cando non se pensa que exista no caso estudado a enfermidade ou ata que os cultivos dan positivo, momento en que a mostra xa foi manexada por varios membros do persoal do laboratorio.

Tratamento[editar | editar a fonte]

Non se realizaron ensaios clínicos que sirvan de guía para un tratamento óptimo da brucelose, pero a combinación máis usada é un tratamento de tres semanas cos antibióticos rifampicina e doxiciclina dúas veces ao día, que é eficaz;[7][8] a vantaxe deste réxime de tratamento é que é unha medicación oral, polo que non se precisan inxeccións; porén, ten bastantes efectos secundarios (náuseas, vómitos, perda de apetito).[8]

Especificidade de hóspede e brucelose animal[editar | editar a fonte]

As especies de Brucella encóntranse fundamentalmente en mamíferos:[5]

Species Hóspede
B. melitensis cabras e ovellas
B. abortus vacas
B. canis cans
B. suis porcos
B. ovis ovellas
B. neotomae roedores do deserto da especie Neotoma lepida
B. pinnipedialis focas
B. ceti golfiños, toniñas, baleas
B. microti ratiño de campo Microtus arvalis
B. inopinata descoñecido
Brucella sp. NVSL 07-0026 babuíno

Xenómica[editar | editar a fonte]

Secuenciáronse os xenomas da maioría das especies de Brucella[9] e tipicamente codifican de 3.200 a 3.500 marcos abertos de lectura (ORFs). Exemplos son:

  1. Brucella abortus A13334, 3.401 ORFs
  2. Brucella canis ATCC 23365, 3.408 ORFs
  3. Brucella melitensis 16M, 3.279 ORFs
  4. Brucella microti CCM 4915, 3.346 ORFs
  5. Brucella ovis ATCC 25840, 3.193 ORFs
  6. Brucella pinnipedialis B2/94, 3.505 ORFs
  7. Brucella suis 1330, 3.408 ORFs

Os datos xenómicos para estas e outras cepas de Brucella están dispoñibles nas bases de datos GOLD[9] e PATRIC[10].

Efecto da luz azul[editar | editar a fonte]

A infección dos macrófagos por B. abortus é estimulada pola luz azul no tipo salvaxe pero está limitado nos mutantes fotoquimicamente inactivos e nulos, parece que debido que unha quinase que contén histidina e flavina funciona como un fotorreceptor que regula a virulencia de B. abortus. Inversamente, se privamos a B. abortus da luz azul a súa taxa de reprodución baixa un 90%.[11][12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ryan KJ, Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9.
  2. 2,0 2,1 Lopez-Goni, I; O'Callaghan, D (editor) (2012). Brucella: Molecular Microbiology and Genomics. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-93-6.
  3. "Diagnosis and Management of Acute Brucellosis in Primary Care". Brucella Subgroup of the Northern Ireland Regional Zoonoses Group. August 2004. http://www.dhsspsni.gov.uk/brucellosis-pathway.pdf.
  4. M.J. Corbel (1997) Brucellosis: an overview, Emerg. Infect. Dis. 3: 213-221.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Atluri, V. L.; Xavier, M. N.; De Jong, M. F.; Den Hartigh, A. B.; Tsolis, R. E. M. (2011). "Interactions of the Human PathogenicBrucellaSpecies with Their Hosts". Annual Review of Microbiology 65: 523–541. doi:10.1146/annurev-micro-090110-102905. PMID 21939378.
  6. Gorvel, J. P. (2008). "Brucella: A Mr "Hide" converted into Dr Jekyll". Microbes and Infection 10 (9): 1010–1013. doi:10.1016/j.micinf.2008.07.007. PMID 18664389.
  7. 7,0 7,1 Robichaud S, Libman M, Behr M, Rubin E (2004). "Prevention of laboratory-acquired brucellosis". Clin. Infect. Dis. 38 (12): e119–22. DOI:10.1086/421024. PMID 15227634.
  8. 8,0 8,1 Maley MW, Kociuba K, Chan RC (2006). "Prevention of laboratory-acquired brucellosis: significant side effects of prophylaxis". Clin. Infect. Dis. 42 (3): 433–4. DOI:10.1086/499112. PMID 16392095.
  9. 9,0 9,1 "GOLD Database". http://www.genomesonline.org/. Consultado o 1 October 2012.
  10. "Brucella genomes in PATRIC". PATRIC. http://www.patricbrc.org/portal/portal/patric/Taxon?cType=taxon&cId=234. Consultado o 22 October 2012.
  11. "Deadly in the Daylight" August 23, 2007 in ScienceNOW Daily News. Accessed September 8, 2007.
  12. "Blue-Light-Activated Histidine Kinases: Two-Component Sensors in Bacteria", August 24, 2007, Science Vol. 317:5841, pp. 1090 - 1093 Accessed September 8, 2007.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]