Khoisan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Boximane")
Khoisan
San tribesman.jpg
Home de 33 anos dunha tribo Khoisan, en Namibia
Poboación total
Rexións con poboación significativa
África Austral
Linguas
Linguas Khoisan
Relixións
Animista, Islam

Khoisan é a designación que os antrópologos e lingüistas deron a dous grupos étnicos que habitan na rexión suroeste de África e que comparten algunhas características físicas e lingüísticas.

Historia[editar | editar a fonte]

Culturalmente, os khoisan divídense en dous grupos: Os san, antigamente coñecidos como bosquimáns, un pobo dedicado á caza e a recolleita; e os khoi (ou tamén khoikhoi), antigamente coñecidos como hotentotes e que é un dedicado ao pastoreo. Aparentemente, estes pobos teñen unha longa historia, estimada en varios millares, talvez decenas de millares de anos, mais neste momento existen tan só uns poucos grupos, principalmente no deserto do Kalahari, en Namibia.

Os khoisan actuais poden ser descendentes de pobos cazadores-recolectores que habitaban toda África Austral e que desapareceron coa chegada dos bantú a esta rexión, hai preto de 2000 anos. Non é probábel que os bantú exterminasen aos khoisan, pois algunhas das súas características lingüísticas e físicas foron asimiladas por varios grupos bantú, como os xhosas e mais os zulús. É máis probábel que a redución do seu territorio de caza, derivado da instalación dos agricultores bantú, fora unha causa da redución do seu número e da súa área de vida.

Ata á instalación dos neerlandeses e franceses hugonotes en África do Sur, hai preto de 200 anos, estes pobos aínda poboaban grandes extensións da Namibia e da actual Botswana, mais foron practicamente exterminados, ao non aceptar traballar nas condicións que os novos colonos exixían.

Estes colonos chamáronlles hotentotes, que significa "gago" na lingua neerlandesa, probabelmente debido á súa lingua peculiar - ou bushmen, ou sexa "homes do bosque", termo que se adaptou en lingua galega como bosquimanos. Ambos os nomes teñen, actualmente, unha connotación pexorativa, así como o termo san usado para un grupo específico de khoisan, ademais de que na súa lingua significa estranxeiro. Os nomes utilizados hoxe en día derivan dos nomes das súas linguas (ver linguas Khoisan). Así e todo, a palabra hotentote continúa a ser utilizada nos nomes de varias plantas e animais da África do Sur, como a herba do coitelo Carpobrotus edulis (en inglés "figo hotentote"), ou o Toirán-hotentote Turnix hottentotta.

Características físicas[editar | editar a fonte]

Fisicamente, os khoisan son en media máis baixos e exiguos que os restantes pobos africanos. Alén diso, posúen unha cor de pel amarelada e prega epicántica nos ollos, como os chineses e outros pobos do Extremo Oriente. Algunhas destas características son agora comúns noutros grupos étnicos surafricanos e son patentes en Nelson Mandela.

Unha outra característica física dos khoisan é a esteatopixía das mulleres (gran desenvolvemento posterior das nádegas), que levou a que unha muller chamada, Saartje ou Sarah Baartman, fose levada para a Europa no século XIX e usada para exhibición en feiras, a famosa Venus Hotentote.

Os khoisan posúen o máis elevado grao de diversidade do ADN mitocondrial de todas as poboacións humanas, o que indica que son unha das comunidades humanas cunha historia máis antiga. O seu cromosoma Y tamén suxire que os khoisan se atopan, do punto de vista evolutivo, moi preto da raíz da especie humana.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]