Botriocefalíase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Botriocéfalos na troita

A botriocefalíase é unha enfermidade parasitaria humana producida por un cestodo, Diphyllobothrium latum, a tenia do home de maior tamaño: 4-10 metros, e que se adquire por consumo de peixe pouco cociñado.

Etioloxía[editar | editar a fonte]

O verme responsable da enfermidade é un cestodo, un verme plano, que vive parasito no intestino delgado humano aínda que tamén pode afectar cans, gatos, porcos e mamíferos mariños. Mide entre 4 e 10 metros [1] e pode ter 3.000-4.000 segmentos ou proglotes, moito máis anchos que largos a diferenza das outras tenias humanas [2]. Na cabeza, escólex, hai dúas fendas chamadas botridios, coas que se fixa á parede abdominal.

Existen outras especies que provocan un cadro semellante, pero son moito menos frecuentes: Diphyllobothrium pacificum, D. cordatum, D. ursi, D. dendriticum, D. lanceolatum, D. dalliae e D. yonagoensis.

Ciclo biolóxico[editar | editar a fonte]

Ciclo biolóxico do Diphyllobothrium latum

As proglotes maduras liberan os ovos no seo do intestino en número moi elevado (ata un millón de ovos ó día), que se eliminan coas feces [3]. Os ovos necesitan acceder á auga para evolucionar: na auga, no ovo fórmase un embrión hexacanto [4] que se transforma ós 18-20 días nun coracidio, ciliado, que nada libre nas augas.

Son necesarios dous hóspedes intermediarios. O primeiro é un crustáceo copépodo, que inxire eses coracidios. No seu interior, estes transfórmanse en larvas procercoides. O segundo hóspede son pequenos peixes que inxiren eses crustáceos coas larvas nos seus tecidos: nos peixes, aquelas larvas mudan a larvas plerocercoides, que se localizan nas vísceras e músculos. Esta larva, xa infestante para o home, pode verse facilmente pois mide 1–2 cm de lonxitude por 2–3 mm de ancho. Se se dá o caso de que outro peixe maior preda nun peixe infestado, a larva non evoluciona senón que se mantén latente en estado larvario á espera do hóspede definitivo. Este fenómeno facilita a infestación, xa que concentra as larvas e, de por parte, aqueles pequenos peixes non serían obxecto de consumo humano.

O home contáxiase por comer peixe cru ou pouco cociñado: salmón, troita, perca etc. Tamén transmiten a enfermidade os afumados, salgados ou encurtidos. A larva evoluciona a estado adulto e comeza a poñer ovos ó cabo de 5-6 semanas, pechándose así o ciclo.

Patoxenia[editar | editar a fonte]

Como noutras teníases, a botriocefalíase é asintomática ou presenta unha sintomatoloxía leve, que consiste en molestias intestinais, diarrea, vómitos, avitaminoses, anemia. Poden presentarse complicacións como obstrución intestinal ou do conduto biliar.

Tratamento e prevención[editar | editar a fonte]

O tratamento con praziquantel ou niclosamida, os antihelmínticos máis frecuentes, é eficaz.

A medida preventiva máis segura é absterse de comer peixe cru ou pouco cociñado. As larvas inactívanse por cociñado a temperaturas superiores a 63 °C ou tras conxelación a -20 °C durante 7 días; a ultraconxelación a -35 °C e conservación posterior a -20 °C é eficaz ó cabo de 24 horas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo o Centro para o Control e a Prenvención de Enfermidades (CDC), poden chegar a medir ata 30 metros.
  2. T. solium ou T. saginata teñen as proglotes máis longas que anchas.
  3. Outra diferenza respecto ás tenias máis coñecidas, nas que as proglotes maduras se expulsan coas feces e liberan os ovos no exterior.
  4. Con 6 espiñas no escólex.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BRUMPT, Lucien e BRUMPT, Valentín: Parasitología práctica. Toray-Masson, Barcelona1969.
  • SAIZ MORENO, Laureano: Las zoonosis. Aedos, Barcelona 1976.
  • VARIOS: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, 2002.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]