Bot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a páxina sobre o uso específico que os bots teñen na Wikipedia véxase Wikipedia:Bots. Para outros significados véxase Bot (homónimos).

Un bot (dominutivo de robot) é un programa informático que realiza diferentes funcións imitando ós humanos. En sitios wiki, como Wikipedia, un bot pode realizar funcións rutineiras de edición. Noutro tipo de sitios, como Encarta, o bot pode informar sobre cuestións relativas ao propio contido do sitio (tcc bots conversacionais axudantes).

Pois que se trata de ferramentas que realizan tarefas de forma automatizada simulando seres humanos, poden ser utilizados de forma maligna (por exemplo, a propia Wikipedia foi vítima no seu día de bots que destruían contido, tal e como se pode ver no historial de bots maliciosos ). Por esta razón, en sitios que utilizan os bots para automatizaren tarefas, posúen regras moi estritas para o uso (correcto) dos bots.

Outros usos indebidos son o rexistro automático de contas de correo electrónico ou de outro tipo de servizos web, razón pola que moitos sitios incorporan un método de seguranza que consiste en que o usuario repita un código alfanumérico que se xera automaticamente con cada petición de rexistro.

Os buscadores de internet tamén utilizan os bots ou robots para indexaren contido doutras páxinas web e axilizaren as buscas. Debido a que polo xeral non discriminan entre o contido, poden chegar a indexar ficheiros con información confidencial ou vital para o sitio (tal que as bases de datos, se non estiveren cifradas ou protexidas).

Habitualmente é posíbel protexerse desta intromisión introducindo no cartafol raíz do sitio un ficheiro que enumere as exclusións ou restricións ao indexado de contido. Tales restricións acostuman ser respectadas pola maior parte dos sitios sempre que a semántica utilizada fora correcta.

No ámbito dos videoxogos, coñécese como bot aquel programa que é capaz de xogar por si mesmo (tamén se coñece como borg, abreviatura de ciborg). A función deste elemento é a de supor un reto para o xogador humano, xa que se intenta que o bot teña a maior intelixencia artificial posíbel. Isto é particularmente importante nos xogos de RPG ou de xogos de estratexia.

É importante facer a distinción de que bot é unha definición funcional, e que non fai diferenzas no que respecta á súa posta en funcionamento.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]