Bosnia e Hercegovina - Босна и Херцеговина
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
|
|
|||
| Linguas oficiais | Bosnio, Serbio e Croata | ||
| Capital | Saraievo | ||
| Presidente | Sulejman Tihic (bosnio) | Borislav Paravac (serbio) | Ivo Miro Jovic (croata) | ||
| Área - Total - % auga |
124º maior 51,129 km² neglixíbel |
||
| Poboación | 119º máis poboado
|
||
| Independencia | 5 de abril de 1992 | ||
| Compañía aérea | Air Srpska | ||
| Moeda | Marco convertíbel | ||
| Fuso horario | UTC +1 (en verán UTC +2) | ||
| Himno nacional | Intermeco | ||
| TLD (Internet) | .BA | ||
| Código telefónico | 387 | ||
Bosnia-Hercegovina é unha república federal dos Balcáns, resultante do desmembramento da Iugoslavia, que limita ao norte, oeste e sur coa Croacia, ao leste con Serbia, e ao surleste con Montenegro, dispoñendo aínda dunha minúscula extensión de litoral, no Mar Adriático.
Índice |
[editar] Historia
Densamente poboada durante o neolítico, a rexión da Bosnia e Hercegovina estivo habitada dende o século IV aC polos ilirios. No século III aC, o Imperio Romano incluíu este territorio como parte da provincia da Iliria. Eslavizada dende o século VII, formou parte do Imperio Bizantino. A primeira vez que se empregou o nome Bosníaca foi en 950, nun libro chamado De administrando imperio do emperador bizantino Constantino VII no que se consigna a Bosnia como parte do territorio dunha incipiente Croacia (o actual territorio de Bosnia era coñecido como a Croacia Vermella). No século XII fórmase un reino de Bosnia, que permanece independente ata 1463, cando é anexionada ao Imperio Otomán por Mehmet II.
Coa chegada dos otománs, remata a idade media en Bosnia. A maioría dos habitantes aceptan o Islam como nova relixión, que ata hoxe segue sendo un factor social moi importante na Bosnia-Hercegovina. A maior parte do patrimonio cultural da Bosnia, como a Ponte de Mostar, proveñen dese período. Permaneceu baixo dominio turco ata 1878, coa excepción do período comprendido entre 1718 e 1739, en que estivo baixo control austríaco. No século XIX creceu a enimizade entre o sultán e o pobo, alentada polo triunfo nacionalista na veciña Serbia. A represión por Abdulhamit II das revoltas de 1875 provocarían a intervención rusa, que declarou a guerra ao Imperio Otomán en 1877. Rematado o conflito, o Congreso de Berlín outorgou en 1878 a administración do país ao Imperio Austrohúngaro.
En 1878 Bosnia pasou a estar administrada polo Imperio Austrohúngaro que a anexionaría en 1908, formando parte deste ata a súa disolución en 1918, tralo final da Primeira Guerra Mundial que se iniciou co asasinato do arquiduque Francisco Fernando e a súa dona en Saraievo (véxase Atentado de Saraievo).
Trala finalización da contenda integraríase no Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, que en 1929 adoptou o nome de Iugoslavia. Durante a Segunda Guerra Mundial o territorio da Bosnia-Hercegovina foi anexionado polo estado fascista croata, entre 1941 e 1944. Derrotado o Eixo, volveu formar parte da Iugoslavia como unha das seis repúblicas constituíntes da República Popular Federativa. En 1992 proclamou a súa independencia tralo referendo do 1 de marzo de 1992.
Os bosnianos (musulmáns) e os bosniocroatas (católicos) da Bosnia-Hercegovina apoiaron a independencia, máis a maioría dos serbobosnianos (ortodoxos) (un 30% da poboación), apoiados polo resto dos serbios da ex-Iugoslavia opuxéronse e comezaron a Guerra de Bosnia nun intento de creación da Gran Serbia. Nos primeiros anos desa guerra ocuparon un 70% do territorio bosniano de xeito violento - realizando a limpeza étnica. A guerra rematou coa Batalla de Bosnia Occidental e a derrota do exército serbobosnio que inmediatamente despois accederon a que Slobodan Milosevic asinase no seu nome os acordos de Dayton o 21 de novembro do 1995. O prezo da guerra foi enorme: 250.000 mortos e máis de 2,5 millóns de refuxiados.
Actualmente a Bosnia-Hercegovina é un país encamiñado cara a súa unificación administrativa aínda que con grandes inestabilidades provocadas polos ultra-nacionalistas serbobosnianos. De momento segue sendo un crebacabezas territorial con diversos corpos de policía, poderes xudiciais separados, e asembleas distintas onde os partidos nacionalistas de cada unha das comunidades étnicas seguen conservando o poder, obstaculizando o seu acceso á Unión Europea (UE).
[editar] Xeografía
Bosnia e Hercegovina sitúase nos Balcáns occidentais. A bordea Croacia no norte, oeste e sur, Serbia ó leste e Montenegro ó surleste. Ten unha minúscula saída ó mar Adriático de 23 km nos arredores da cidade de Neum, no cantón bosnio de Hercegovina-Neretva.
O nome do país responde á unión de dúas rexións históricas: Bosnia, con capital en Saraievo e Hercegovina con capital en Mostar, no extremo sur do país.
[editar] Política
O sistema de goberno establecido nos acordos de Dayton en 1995, establece unha división das cotas de poder entre as tres etnias bosnias: serbios, bosnios e croatas.
A presidencia do Goberno (poder executivo) rota en representantes destas tres etnias cada oito meses, ata que cada un cumpre 4 anos no goberno. Os votos para a presidencia son directos e universais: a Federación de Bosnia e Hercegovina vota polos candidatos bosnios e croatas, a República Serbia polo serbio. O Presidente elixe ó consello de ministros.
A Asamblea Parlamentaria representa ó poder lexislativo de Bosnia e Hercegovina. Consta de dúas cámaras: a Casa dos Pobos e a Casa de Representantes.
- Casa dos Pobos: 15 delegados
- 5 da República Serbia
- 10 da Federación de Bosnia e Hercegovina (5 bosnios e 5 croatas)
- Casa de Representantes:
- 14 membros da República Serbia
- 28 membros da Federación de Bosnia e Hercegovina (14 bosnios e 14 croatas)
A máxima autoridade do poder xudicial é o Tribunal Constitucional, composto de nove membros: catro elixidos polo parlamento da Federación, dous pola asemblea da República Serbia e tres polo presidente do Tribunal Europeo de Dereitos Humáns tras consultar co presidente do país.
[editar] Divisións administrativas
Subdivisións do país:
O Tratado de Dayton (1995) establece a división de Bosnia e Hercegovina en dúas entidades: a Federación de Bosnia e Hercegovina (FBiH)e a República Serbia (RS). Esta división coincide aproximadamente coas posesións territoriais entre os dous principais bandos enfrontados da guerra de Bosnia. Esta división obedece a cambios na composición étnica do territorio durante á guerra: limpeza étnica e de recolocación por parte da autoridade serbobosnia, migracións internas segundo o transcurso da guerra e refuxiados serbocroatas da guerra de Croacia (ver fronteira inter-entidades) .
No 2000 creouse o Distrito Federal de Brčko (DFB), no norte do país entre as dúas entidades. Oficialmente pertence a ambas, pero na realidade autoxestionase e é un exemplo de convivencia multiétnica cun nivel de vida superior á media do país.
A Federación de Bosnia e Hercegovina subdivídese en cantóns. A República Serbia en rexións. Os cantóns teñen certo grao de autogoberno, hai dez deles. Rexións son sete. O cuarto nivel organizativo son as municipalidades: 74 na Federación de Bosnia e Hercegovina e 63 na República Serbia.
Á marxe de rexións, cantóns e municipalidades, en Bosnia e Hercegovina existen catro cidades oficiais Banja Luka, Mostar, Saraievo e Saraievo Oriental. Estas cidades teñen un autogoberno maior que a municipalidade pero menor que os cantóns da Federación de Bosnia e Hercegovina.
[editar] Economía
Na actualidade a República da Bosnia e Hercegovina é unha das ex repúblicas máis pobres da antiga Iugoslavia debido entre outras cousas á Guerra de Bosnia (1992-1995). Durante os anos da guerra, a economía sufriu un grande retroceso subsistindo a maior parte da poboación grazas á axuda humanitaria do exterior. Ao deterioro da economía uniuse o bloqueo económico por parte de países veciños como Serbia e Croacia.
O marco convertible bosnio (konvertibilna marka, BAM) é a unidade monetaria da república. Divídse en 100 pfennig (pfeninga). A súa paridade co euro é de 0,51129 EUR por 1 BAM (é dicir 1 EUR = 1,95583 BAM), a mesma que se fixou co antigo marco alemán coa aparición do euro. Na actualidade existen en circulación (xuño de 2006) moedas de 5, 10, 20 e 50 pfennig, e de 1, 2 e 5 marcos; así como billetes de 1, 2, 5, 10, 20, 50, 100 e 200 marcos. Salvo o billete de 200 marcos, os demáis presentan dous modelos: un para a Federación da Bosnia e Hercegovina, e outro para a Republika Srpska.
En 1991, un ano antes da guerra, en plena crise económica, e coa ex-Iugoslavia a medio desintegrar (Eslovenia e Croacia xa se atopaban fóra da federación), o produto interior bruto era de 14.000 millóns de dólares, máis esta taxa decreceu un 37 por ciento dende entón.
[editar] Demografía
| Composición étnica da Bosnia e Hercegovina | ||||
|---|---|---|---|---|
| bosnianos | 43.7% | |||
| serbios | 31.3% | |||
| croatas | 17.2% | |||
| iugoslavos | 5.5% | |||
| outros | 2.3% | |||
Os continuos desprazamentos poboacionais durante as guerras dos Balcáns na década de 1990 provocaron drásticos cambios na distribucíón da poboación. O último dato oficial data do censo iugoslavo de 1991. Segundo este censo a poboación de Bosnia e Hercegovina era de 4.354.911, etnicamente se dividía en:
No país existe unha forte correlación entre o grupo étnico e a relixión xa que:
- O 88% dos croatas son católicos.
- O 90% dos bosnios son musulmáns
- O 93% dos serbios son cristiáns ortodoxos
As tensións entre as tres etnias son o principal problema político no país, xa que as tres minorías teñen practicamente o mesmo poder: os bosnios son os máis numerosos, os serbios teñen unha entidade política de seu e os croatas a pesares de non estar politicamente á marxe, teñen o poder económico.
A estimación da poboación para xullo de 2006 é de 4.498.976 habitantes.
[editar] Ligazóns externas
- B&H Tourism - Sitio oficial turístico
- Turismoa asociado da Federación da Bosnia - Hercegovina
- Monumento Nacional Bosniano- Casa Muslibegovica
- Arquivos dos dereitos humanos do xenocidio bosniano
- Economía da Bosnia e Hercegovina
- Mapa da Bosnia e Hercegovina
- Localización 3D da Bosnia (Java)
- rjecnik.ba Dicionario Inglés-Bosniano, alemán-Bosniano
- Liberdade nos medios de comunicación bosnianos]
- Imaxes da Bosnia e Hercegovina
| Países do mundo | Europa |
| Albania | Alemaña | Andorra | ARI Macedonia | Austria | Bielorrusia | Bélxica | Bosnia - Hercegovina | Bulgaria | Chequia | Chipre | Croacia | Dinamarca | Eslovaquia | Eslovenia | España | Estonia | Finlandia | Francia | Grecia | Hungría | Irlanda | Islandia | Italia | Letonia | Liechtenstein | Lituania | Luxemburgo | Malta | Moldova | Mónaco | Montenegro | Noruega | Países Baixos | Polonia | Portugal | Reino Unido | Romanía | San Mariño | Serbia | Suecia | Suíza | Ucraína | Cidade do Vaticano |
| Países con parte do seu territorio en Europa |

