Bonet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bonet

Outros nomes Bonet Único
Deseño Francesc Bonet
Produción 1889 (un exemplar)
Montaxe Barcelona, Cataluña
Configuración
Tipo Triciclo
Configuración Motor central / tracción traseira
Características técnicas
Motor Dun cilindro, con 462 cc e 2 HP (2 CV; 1 kW)


O triciclo Bonet, coñecido tamén simplemente como Bonet, foi o primeiro vehículo propulsado por un motor de combustión interna fabricado na Península Ibérica[1] e un dos primeiros de Europa.[2] Obra de Francesc Bonet i Dalmau, enxeñeiro catalán nado en Valls (Alt Camp), o invento foi patentado en Barcelona o 12 de decembro de 1889[3] e hai constancia da fabricación dun só exemplar, construído por Bonet para o seu uso particular.

Malia que inicialmente a intención do seu creador era construír un vehículo de catro rodas, así constatado nos planos orixinais,[4] finalmente conformouse cun triciclo debido aos problemas técnicos que lle foron xurdindo durante a construción do seu invento. Aínda así, o Bonet pasou á historia como o primeiro "automóbil" construído na península polo feito de que os planos e a patente así o especificaban.

Pódense ver senllas reproducións do triciclo Bonet na Colección de Automóbiles Salvador Claret de Sils e no Museo da Automoción de Salamanca.

Historia[editar | editar a fonte]

Francesc Bonet fotografado co seu triciclo e uns acompañantes, cara a 1890.

En 1889, Francesc Bonet visitou a Exposición Internacional de París e levouse a Barcelona, onde residía e rexentaba unha fábrica téxtil, un motor Daimler Panhard & Levassor de 2´5 HP (quedou ata a factura, datada a 28 de outubro de 1889). Máis adiante, comprou dous motores máis: un monocilíndrico (crese que foi este o que montou ao seu triciclo) e un bicilíndrico, os dous igualmente de 2 HP de potencia. O 12 de decembro, solicitou en Barcelona a patente daquilo que el consideraba «un coche de catro rodas».

Francesc Bonet construíu o seu triciclo na fábrica de xéneros de punto que rexentaba.[2] Unha vez construído, cara ao verán de 1890, empezou a circular polo Passeig de Gràcia, a miúdo acompañado do pai da soprano Josefina Huguet (a quen Bonet dera formación musical), do empresario Bertrand e do mecánico que mantiña o artefacto. Hai constancia que a súa velocidade era equiparable ao paso dunha persoa sobre terreo plano, pero o triciclo era case incapaz de superar pendentes lixeiras por exemplo a que hai entre a Gran Vía e a Carrer del Consell de Cent, subindo polo Paseo de Gràcia. Para facelo, facía falta que os pasaxeiros baixasen do triciclo e empuxasen mentres Bonet aceleraba.

Naquela época, o espectáculo que ofrecía o feito de ver circular un coche "propulsado por si mesmo" facía que moita xente se reunise na rúa para velo pasar. Moitos barceloneses denominaban a Bonet con admiración «O home do coche sen cabalos».

Despois do invento de Bonet, non hai ningunha outra noticia de vehículos de motor en Cataluña (nin na península) ata a aparición dos La Cuadra e de dous vehículos movidos por caldeira de vapor (patentados por Eugeni Bresson en Barcelona no ano 1900).

Características técnicas[editar | editar a fonte]

O triciclo Bonet constaba dun chasis formado por dous largueiros irregulares e simétricos. Un conxunto de barras paralelas e bielas desprazaba a forza motriz á roda traseira. A suspensión baseábase en oito béstas semielípticas colocadas en catro grupos de dous. Fai falta mencionar que entre as modificacións introducidas para a realización práctica da súa obra, o feito de que as catro rodas dos planos orixinais transformáronse en só tres (dúas directrices diante e unha motriz detrás, as tres recubertas de goma), por certos problemas coa dirección e o diferencial. Díxose que foi xustamente o descoñecemento deste dispositivo por parte de Bonet a principal causa do paso das catro rodas previstas ás tres finais.

A potencia do motor trasladábase á roda motriz traseira por medio dunha correa e unha polea de 8 polgadas, con tensor en marcha por medio do desprazamento do eixe posterior grazas ao accionamento do pedal, situado no chan, xusto diante do condutor.

Prestacións[editar | editar a fonte]

O triciclo Bonet era capaz de acadar unha velocidade máxima de 12 km/h.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Transport i motos Montesa". mnactec.cat (en catalán). Museu de la Ciència i de la Tècnica de Catalunya. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2015. Consultado o 20 abril 2013. 
  2. 2,0 2,1 Ciuró, Joaquim (1970). "Bonet". Historia del automóvil en España (en castelán). Barcelona: Ediciones CEAC, SA. pp. 19–23. 
  3. Herreros, Francisco; Aznar, José Luis (1998). "Los antecedentes más remotos". Historia del motociclismo en España (en castelán). Barcelona: RACC & Hipòtesi Edi-Balmes Edició SL. pp. 14–15. ISBN 84-920886-5-6. 
  4. "Bonet". losorigenes.net (en castelán). 2007. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 24 abril 2013. 
  5. 1889: El hombre del coche sin caballos. La Vanguardia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]